Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Activistas Nao

Escoitando O mazo armado

Desde a A Pobra do Caramiñal, os Golpe Radikal.

Nao son activistas do político, do social e tamén do humano. Lévano até as súas últimas consecuencias e nunca deron un paso atrás nen para coller impulso. Desde aqueles primeiros Nao con cancións tan intensas e tan emocionalmente valentes como aquela inesquecible "Desexos", mudaron moitas cousas na banda, con cambios na formación, na produción dos seus discos, incluso no son do grupo e sobre todo na súa popularidade, pero o timón de Nao sempre se mantivo absolutamente certo nesa dirección fixa que moi poucos grupos poden presumir manter co paso do tempo e coa agulla ben espetada no horizonte. E van aló trece anos, un monllo de discos e cancións coas que acadaron por méritos máis que merecidos unha cadeira na mesa dos apóstolos da doutrina da música galega contemporánea maís rockeira e metaleira: cuns directos sólidos, quentes e afiados coma o ferro dunha gadaña ben carabuñada, e sempre apoiados na calidade musical dunha formación que soubo darlle o empaque perfecto a uns textos nos que o Jasper fía polo miúdo entre o social, o político e o íntimo. Algunhas desas cancións están xa no imaxinario popular dunha boa cantidade de galegas e galegos que viron en Nao esa banda que por fin era quen de navegar nese discurso musical tantas veces exposto e tan poucas veces levado a tan bo porto por unha banda do país.

Nao, desde A Estrada e para mundo, destilan fe cega no que fan e a crenza de que ninguén mellor ca eles para facelo. Son teimudos e traballadores nunha produción altamente xenerosa canto á cantidade e calidade. Directos que pouco a pouco foron quen de convencernos para comprarlles a camisola ao rematar o concerto ou para escoitar eses discos até aprender moitas desas letras alí expostas. Así se pode constatar en moitos dos seus concertos onde nunca faltan esas voces da xente coreando o temas a carón deles, diante do palco.

Teimudos, directos e concisos, un día dixeron que ían poñer fin ao proxecto pero que o farían á súa maneira, como non?. Que a súa apocalipse, a Apocalipse Nao, facendo unha brincadeira co film de Coppola, sería en tres actos, con tres discos, cos concertos correspondentes e co xenio, a alma e a man pechada e erguida o máis alto que puideran.

Así está sendo. Os Nao despídense. A Apocalipse Nao está chegando ao seu derradeiro porto pero vaino facer no mellor momento da súa existencia musical. Prometen disco novo á volta da esquina e xira de despedida na que queren estar en cantos máis lugares, salas e festivais, mellor. Prometen seguir a ser fieis a eles mesmos e levalo a cara de can até ese final que se aveciña. Prometen que a emoción será intensa en cada concerto e en cada canción. Nós non temos dúbida. Aí van os nosos parabéns á banda toda, aos que están e aos que estiveron, e a nosa recomendación fundamental para para que lle botedes un ollo ao vídeo que estrearon hai uns días para abrir esa Apocalipse. "O mazo armado" xa está pendurado e golpeando nas redes, botádelle o ollo e sacade as vosas propias conclusións. Despois da apocalipse, iso si, sempre nos quedará esa tan boa colección de cancións que nos deixan para sempre.

Golpe Radikal

  • Achegámonos até os mares do Barbanza para falar de metal, de punk ou, se preferides, de hardcore. Da cultura do skate e desa adrenalina musical que busca acomodo na leña incombustible do dobre bombo e dos baixos pesados coma lousas. Das guitarras que fenden e se espetan cortantes e da crítica social con ansias de espertar o persoal a berro bravo e infranqueable. Eles son da Pobra do Caramiñal e coñecen ben as receitas do xénero. Chámanse Golpe Radikal e levan en activo desde o 2011, medrando a proposta ensaio a ensaio e nos últimos tempos presentando en concertos e festivais o seu último disco Sombras. Polo rego dos Suicidal Tendencies ou, por buscar máis preto, de grupos como Narco, Def Con Dos ou Habeas Corpus. Golpe Radical acadan neste traballo esa contundencia natural que só as bandas militantes e devotas confesas desta expresión musical son quen de acadar. Adrenalina a feixes e moito transfondo nunhas cancións que en ningún caso te van deixar indiferente. Gravado, mesturado e masterizado nos Estudios Mafia (O Carballiño, Ourense) por Óscar Fernández, o disco recunca na idea rebelde e reivindicativa de cancións como a propia "Sombras", que dá título ao disco, mentres nos fai pensar naquela idea dos escravos do século XXI, que diría Evaristo Gatillazo, pero que os Golpe Radikal deixan caer de maneira lapidaria e sen asideiras a onde agarrarse. Cancións directas e cuspidas a golpe de labazada musical que, ou te espertan, ou igual tes que ir a que che solucione o problema o médico de cabeceira. Se queres caer na tentación dun bo pogo, mover a cabeza, sacar os cornos e botarlle uns ouveos liberadores entre sombras e luces reflexadas en grafittis do S.XXI, igual este é un dos teus discos de consulta. Iso si, non o poñas antes de ir durmir.

Compartir el artículo

stats