Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Otero Pedrayo e Brais Pinto

Bocarribeira, 60 anos despois

Otero Pedrayo cos membros de Brais Pinto (1958).

Eles medraron no ventre do silencio. Alí, na carabuña do mando feixista, sob a obsesión sádica de querer calalo todo. As tebras, sólidas e voluminosas, querían tapar a luz da razón que desfai monstros goyescos. Por mestas que fosen eran incapaces. Porque paso a paso, area a area, man a man, faise un espazo de encontro. Cada milímetro gañado á ignorancia é un triunfo para a liberdade.

Mozos galegos no Madrid de 1958. Vivían coas orellas guichas e co pensamento rebelde. Souberon da guerra e da loita guerrilleira. Brindaron polos éxitos da revolución cubana e de Fidel Castro (voz de ánfora e améndoa) durante un magosto clandestino. Un día déronse o nome de Brais Pinto, paisano de Nogueira de Ramuín que viaxou nos caletres de moitas persoas. Disque non pasou de aí, do maxín. Despoixas, cadaquén crerá o que lle pete. Licenzas da literatura.

Brais Pinto foi espazo de mozos ganduxados na querenza pola terra-nai e o marxismo. Uníronse sen pensaren o que podían representar no futuro. Hoxe están nos libros das escolas.

Convén lembrar que non eran apenas estudantes. Se un repara nos nomes de Reimundo Patiño, Alexandre Cribeiro ou Bautista Álvarez saberá que daquela eran asalariados. Os estudantes eran Ramón Lorenzo, Bernardino Graña ou Ferrín. Carlos Velo, camarada e amigo de Luís Soto, publicou en Vieiros a "Carta ao fato Brais Pinto". Nesas letras uníronse no aer dúas xeracións. Houbo unha ponte imaxinada e desexada por ambos. O diálogo entre quintas distintas que comparten ideas.

De Brais Pinto díxose que era despertador da patria. Foi xermolo, no útero de Atila, da UPG. Foi deseño estético contestatario á tradición pictórica. Foi receptor de vangardas literarias en Europa. E foron eles quen conseguiron de Ramón Otero Pedrayo uns versos para publicar. Algo que nin Carvalho Calero nin Fernández del Riego acadaran. E póñase atención no feito. Porque Brais Pinto tiña raza socialista e Otero Pedrayo estribor oposto á Fronte Popular, precisamente polo peso neto marxista. Pero era outra ponla da identidade: o republicanismo nacional.

Así que Brais Pinto recibiu a beizón de comunistas (Carlos Velo ou Luís Soto) e galeguistas como Otero. Non o recibiron de Manuel Fraga, a quen tiveron a ousadía de interromper nunha conferencia en Madrid tras gabar Franco.

Brais Pinto creou unha editorial de mesmo nome. Con ese selo saíu Bocarribeira (1958), o poemario de Otero. Por subtítulo ten: "poemas pra ler e queimar". Se cadra un xesto de modestia de quen non se dicía poeta.

Versos telúricos e compás popular. Breves, como airexas nos vales, que levan perfume agrario. Palabras lentas, pausadas, calmas. Ourive lexical. Paso de boi e brillar de fogueiriñas. Paisaxe limpa, son de zocas, voos de paporroibos. Martiñá, Chaos, Amoeiro. Con fortuna recolléronse os outros poemas inéditos e dispersos de Otero, publicados en 2010 por Galaxia. Un libro que retrata aquela Galiza que devagar esmorece. Mellor dito, mátana.

Malia todo, neste país as fábricas que mellor traballan son a dos soños. E resistimos porque soñamos, dixo Cunqueiro. Créollo, porque aínda o meu fillo abre a man para que os pardais de Coia veñan pousar sobre os seus dedos de cereixa e pan.

Compartir el artículo

stats