Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viñetas de Beowulf

David Rubín, candidato aos Eisner

O autor de BD galego David Rubín.

Como norma non escrita que nunca concibín con premeditación, adoito dedicar os meus artigos a xente que empeza. Non por falta de interese ou admiración en "vacas sacras", senón porque entendo que pode resultar máis interesante dar un espazo a autores igualmente bos aos que pode custarlle máis ter presenza mediática. Pero hai noticias que son ineludibles. Hai uns meses recibiamos a grata, pero non sorprendente, noticia da obtención do Goya e mais a preselección aos Oscar de Psiconautas e Decorado, longa e curtametraxe de animación de Alberto Vázquez baseadas na súas propia e homólogas obras; hai moito menos, unhas semanas, saíu a lista de nomeados aos Eisner e a banda deseñada galega volveu demostrarnos que, ás veces, o mundo é un pouco xusto.

Os premios Eisner, nome coloquial de Premio da Industria do Cómic Will Eisner (xa sabedes, en honra ao que se coñece como "o papá da novela gráfica actual"), son coñecidos como os Óscar da novela gráfica internacional, polémicas aparte: un dos premios máis prestixiosos da industria. Entréganse desde finais dos 80 ás mellores obras circunscritas ao territorio estadounidense. O que automáticamente os converte en premios moi importantes, xa que aquel mercado é un dos máis relevantes, cunha gran cantidade de autores que fan que estes galardóns sexan uns dos máis duros e competitivos, pero dos me llores reputados. Pois ben, de entre as súas corenta e dúas categorías, "o noso" David Rubín (Ourense, 1977) foi nomeado a catro: dous premios a título individual e outros dous a nivel colectivo.

Os premios colectivos son os seguintes: "Mellor serie continuada" para Black Hammer (Dark Horse Comics / Astiberri), xunto a Jeff Lemire (Canada, 1976) e Dean Ormston (Reino Unido, 1961) e "Mellor adaptación", Beowulf (Astiberri / Image), tradución á narrativa visual do coñecido poema épico anglosaxón, realizada xunto con Santiago García (Madrid, 1968). Con respecto aos individuais, recibe os nomeamentos nas categorías de "Mellor colorista" por Black Hammer, Ether (Dark Horse Comics), Sherlock Frankenstein (Dark Horse Comics / Astiberri) e Beowulf; e "Mellor penciller" (termo típico do mercado norteamericano, referido ao debuxante que se encarga de realizar os bosquexos base e a liña inicial; algo así como debuxante e entintador) polas mesmas obras.

Aínda que David Rubín leva traballando con certa regularidade para o mercado estadounidense desde hai cinco anos, estes nomeamentos, sen dúbida, afianzan a súa carreira. Por non mencionar que fai historia con catro candidaturas por distintos traballos, unha delas cun traballo non creado ex profeso para o mercado norteamericano, Beowulf, algo bastante innovador e sorprendente, que o consagran como un home orquestra e un dos mellores debuxantes do mundo.

Beowulf non foi a única obra de edición española que callou nestes aclamados premios americanos. Entre os nomeados tamén podemos atoparnos a El Torres (Málaga, 1972) e Jesús Alonso Iglesias (Madrid, 1972) con E l fantasma de Gaudí (Dibbuks / Lion Forge / Magnetic) e a Javier Olivares (Madrid, 1964), facendo tándem novamente con Santiago García en Las Meninas (Astiberri / Fantagraphics). Outros candidatos ao Eisner españois por obras americanas son Marcos Martín (Barcelona, 1972) e Ricard Efa (Sabadell, 1972). A editorial vasca Astiberri é, sen dúbida, outra das grandes honradas.

Os gañadores saberanse na Cómic-Con de San Diego, que se celebra entre o 19 e 22 de xullo deste ano. Aínda que a competencia é dura, é bastante probable que, despois deste logro, David Rubín non se vaia coas mans baleiras.

Para non impacientarnos e que o tempo pase máis rápido, podemos suavizar a espera coa súa última obra, Cuaderno de tormentas, publicada este mesmo ano da man, como non, de Astiberri.

Outros galegos nominados

  • David Rubín non é o primeiro autor galego nomeado a estes importantes premios. Como non podía ser doutra forma, o primeiro en lograr tal recoñecemento foi Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) en 1995, nominado a "Mellor pintor" pola súa obra Trazo de Tiza (Norma Editorial), a primeira obra longa do artista, que conseguira xa o premio Alph Art de Angoulême e o de "Mellor obra" do Salón do Cómic de Barcelona 1994. A xa internacional Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976), recoñecida autora de Marvel, optou a dous galardóns en 2014 como "Mellor debuxante" e "Mellor portadista" por Pretty Deadly (Image / Astiberri). Ese mesmo ano, a obra do autor zaragozano-coruñés José Domingo (Zaragoza,1982), A venturas de un oficinista japonés (Astiberri / Nobrow Press) estivo nomeada á "Mellor obra estranxeira", despois de obter un premio á "Mellor obra" no Salón do Cómic de Barcelona en 2012. Ambos creadores pertenceran ao extinto colectivo Polaqia. O ano pasado, en 2017, Emma Ríos volve estar nomeada na categoría colectiva de "Mellor antoloxía", pola súa participación na revista Island Magazine (Image), competindo, curiosamente, con Panorama. La novela gráfica española hoy (Astiberri), revista coordinada por Santiago García, que contiña, entre outros, obras de autores como David Rubín e José Domingo.

Compartir el artículo

stats