Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viaxe ao corazón da terra

Centro de Interpretación das Minas de Ouro de Castromil e Banjas

Viaxe ao corazón da terra

O concello luso de Paredes -preto do Porto- garda un dos máis importantes patrimonios xeolóxicos e mineiros do norte peninsular. As minas de ouro atópanse principalmente en dous lugares, Castromil e Banjas, ambos pertencentes á parroquia de Sobreira. Explotadas desde o período romano deica o século XX, a súa visita permite entender como era o duro traballo nas galerías, ademais de constituír un espazo de relevante interese científico. Para a preservación deste legado foi creado -e inaugurado en abril de 2013- o Centro de Interpretación das Minas de Ouro de Castromil e Banjas, instalado na antiga escola primaria da aldea de Castromil. Este equipamento compleméntase coas rutas guiadas á zona mineira, toda unha experiencia baixo terra.

En tempos, a explotación aurífera foi unha das principais actividades económicas do concello de Paredes, aínda que hoxe sexa mundialmente famoso pola súa industria do moble. O Centro de Interpretación, a través dunha experiencia dinámica, interactiva e didáctica, permite ao visitante unha viaxe no tempo. Todo coa axuda dos guías e un conxunto de ferramentas tecnolóxicas e pedagóxicas que fan que as persoas se transformen en auténticos mineiros.

O sistema expositivo interpreta e contextualiza as particularidades deste valioso patrimonio. Ademais dunha selección de mostras xeolóxicas e mecanismos de traballo -onde se inclúe un tanque no que é posible exercitarse na arte de "garimpar" - batear, axitar a area dentro da auga e atopar pebidas de ouro-, a viaxe exploratoria integra un conxunto de amenos soportes gráficos e multimedia para todos os públicos.

As evidencias arqueolóxicas demostran que, polo menos desde tempos dos romanos, se desenvolveron actividades de extracción aurífera no concello de Paredes, principalmente no Couto das Banjas, na Serra de Quinta e nas Covas de Castromil, da parroquia de Sobreira, transformando a explotación nunha industria sistemática asentada nunha complexa estrutura política, económica e social. Castromil conta con numerosas covas resultantes das técnicas utilizadas polos romanos, derivadas da escavación de grandes cantidades de roca. Hoxe aínda se poden ver decenas de galerías con ocos nos que se apoiarían as lucernas de iluminación.

O método de explotación utilizado sería o de escavación seguido de recheo (que aínda se emprega nas minas subterráneas, o coñecido como "cut and fill") para asegurar a estabilidade das galerías, que tamén se obtería coa sustentación con alicerces. Ao non ser visible á vista e ao estar mesturado con outros metais, o ouro necesitaba ser purificado. Xa entón o aproveitamento do recurso xeolóxico esixía do seu coñecemento científico profundo.

O tratamento do mineral de Castromil necesitaría dun moído moi fino para que se fosen liberando as partículas de ouro. Despois utilizaríase a auga como elemento separador e a continuación o chumbo como aglutinador. Suponse que para esta actividade extractiva sistemática serían necesarias centenares de persoas, o que esixía a presenza de destacamentos militares para organizar, vixiar e manter a orde. A maioría de traballadores serían escravos ou nativos aculturados baixo o mando do "procurator metallorum", funcionario representante de Roma.

Ademais da exposición patente no museo, o coñecemento deste patrimonio pasa pola visita guiada ás minas e á contorna. O Centro de Interpretación das Minas de Ouro de Castromil e Banjas (CIMOCB) forma parte do Roteiro das Minas e Pontos de Interesse Mineiro e Xeolóxico de Portugal. Situadas nun monte cuberto por matogueira e árbores, as cavidades preservan todas as marcas do seu longo pasado. Unha ruta sinalizada chega ata a boca da galería

Por terras do Val do Sousa

  • Paredes pertence ao área metropolitana do Porto desde 2013. O territorio asenta no antigo concello de Aguiar de Sousa, de longa orixe. Integra unha das rexións paisaxísticas máis interesantes do Norte de Portugal, o Val do Sousa. Á súa natureza suma a forte vocación industrial na que predomina o sector da madeira, xa que preto do 60% do mobiliario portugués se produce neste municipio. Tradición e modernidade alíanse neste concello no que aparecen muíños, igrexas, mosteiros, quintas e solares brasonados que enmarcan unha paisaxe forxada en verde, entre serras e vales bañados por augas cristalinas. Un dos lugares emblemáticos do territorio é Nossa Senhora do Salto, onde o río Sousa corre encaixoado nunha profunda varcia formando rápidos, fervenzas e piscinas naturais. Outro dos tesouros desta xeografía é o mosteiro de Cête, un excelente exemplar de arquitectura románica con trazos góticos, con orixe no século X e reconstruído en centurias posteriores. A conexión entre as antigas dependencias monásticas e o templo permite circular polo claustro de grandes dimensións. O cenobio integra a Rota do Românico, un itinerario cultural composto por cincuenta e oito monumentos deste estilo na rexión do Tâmega e Sousa, distinguida con varios premios.

Compartir el artículo

stats