Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Medicar o cotián

Fármacos para atopar a felicidade

Epicuro de Samos (341-270 a.C.)

O pracer é un poder revolucionario, pode que por iso protagonizase, no comezo da nosa cultura, unha tráxica separación. Como seríamos hoxe se identificásemos o ben co pracer? Talvez non estaríamos obsesionados por rexeitar a dor emocional como se fose un subproduto da vida, seguro que a nosa subxectividade sobre o padecer e o benestar emocional fose outra. Somos unha consecuencia cultural desa oposición, onde o corpo foi un campo de batalla e a experiencia do pracer destinouse a encarnar o malo. Será por iso que hoxe, as consecuencias sobre o pracer do consumo dos antidepresivos son algo secundario. Os pacientes non son informados sobre como a medicación afecta a totalidade da vida emocional.

A aspiración de Platón, de ofrecer límites aos apetitos sempre crecentes do corpo, aparece recollida dous milenios despois en Freud cando di que a cultura foi creada a costa da satisfacción dos instintos. Non é unha novidade que grandes poderes, cos seus dispositivos represivos, contribuíron a que fora así porque cando falamos de felicidade e do seu contrario non so é unha cuestión ética, falamos especialmente de política.

Para o maltratado Epicuro e o seu "rabaño porcino", a nai de todos os praceres era a conquista da felicidade pola simple existencia. Este contacto co pracer da vida, dicía o filósofo, permítenos ser boas persoas e hai niso unha ética hedonista, afastada do materialismo, moi poderosa. Combateu as dores a partir de principios que hoxe están máis preto do movemento mindfulness que de ningún desenfreo dionisíaco nin de materialismos. Atopou un camiño terapéutico a través da palabra para as dores baseada na imperturbabilidade do ser. Estas dores físicas, de conduta e emocionais, combatémolas hoxe con iIbuprofeno, metilfenidato, fluoxetina ou con lorazepam, con resultados economicamente moi satisfactorios e persoalmente reservados.

A nosa cultura do pracer debátese entre a ética kantiana, que apoliniza os instintos na perspectiva de que o bo ser humano controla as súas inclinacións naturais, os falsos infinitos que persegue o home realizado aristotélico e o hedonismo materialista do liberalismo que se materialíza no home consumidor. Na construción da nosa subxectividade cristalizou, a través do control da nosa conciencia, un pracer que non é parte da nosa substancia senón que hai que buscala fóra. Deste xeito, a dor emocional non é simbolizada como un conflito que achega enerxía vital e dirección á vida senón como algo externo a nosa acción e vontade, polo que tamén hai que combatelo con estratexias externas a nós. Así o consumo de cousas, o alcohol, os fármacos, as dependencias aos medios e ás persoas son as estratexias dominantes. Non hai profundidade neste achegamento, de feito o normal é aceptar que a emoción negativa non ten outra función que o sufrimento e non require maior atención porque o fármaco cura tanto a ansiedade xeralizada, a depresión ou os problemas da conduta. Colocamos fóra de nós todo, incluso o ser.

O sistema de saúde e o farmacéutico medican o malestar cotián, obxectivan a emoción e convértena nun produto. Hai loitas por incluír novos trastornos nas clasificacións oficiais ao tempo que lanzan ao mercado produtos milagrosos presentados como innovacións pero son os de sempre. Hai profesionais da psiquiatría que denuncian como a concepción do síntoma elaborado pola psicopatoloxía clásica foi modificado para beneficiar o consumo xa que pasou da observación do síntoma franco ao síntoma- risco; é dicir, indicios de probabilidade de desviación da media. . O noso país está entre os primeiros do mundo no consumo de psicofármacos.

A felicidade é patolóxica ou consubstancial ao ser humano? Cal é nivel de pracer óptimo? Hai que sospeitar deste esforzo tan insistente por evitar o conflito na persoa. É boa idea botar unha ollada ao Tretrafarmakon de Epicuro fala de cómo combater os medos humanos que, por certo, non cambiaron moito. Nunha desas atopamos unha resposta á epidemia de depresións, ansiedade e TDAH que sufrimos. As veces trátase de aceptar aquilo que non está na nosa man cambiar.

Compartir el artículo

stats