Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Iolanda Zúñiga: "Marleen MaLone está feita con retallos da vida de moitas mulleres"

Iolanda Zúñiga. // FOTO: ELI REGUEIRA

-Quen é Marleen MaLone e por que hai que falar con Vde. se se quere saber algo máis dela que non estea en Noites de safari ?

-Hai que falar con Iolanda porque ninguén máis coñece o paradoiro actual de Marleen. E será mellor non buscala; non lle vai facer graza descubrir que xa goza de lector@s, porque sae mal parada na novela. Marleen MaLone é un patchwork elaborado con retallos de vida de diferentes mulleres: as combatentes, as resignadas, as ousadas, as submisas, as que sacan forzas da fraqueza e as que minguan logo de saír vitoriosas da adversidade. Mulleres que, no camiño cara ao empoderamento, tropezan.

-O de Marleen sóame á actriz Marlene Dietrich. Esta Marleen ten algo que ver coa Dietrich? Deben os homes terlle medo?

-Non, aquí ninguén pasa medo. Os amantes andan tan desorientados que non teñen tempo para a ruindade; mentres, ela tenta encarreirarse da man do extravío co que eles a contaxian. Pero para a Dietrich tamén hai un oco no libro. Foi unha das artistas que versionou a canción "Lili Marleen", nome de muller que inspirou o poema de amor do soldado-escritor Hans Leip nunha época de trincheiras. O álter ego foi pensando nesta outra Marleen. Escolleuno porque, como explica ela mesma, era a "canción que desadurmiñaba as braguetas dos soldados durante a Segunda Guerra Mundial".

-Esta novela sae oito anos despois de que Iolanda Zúñiga gañara o premio Xerais con Periferia . Hoxe en día, iso é moito tempo de silencio para unha escritora...

-Si, foi "tempo de silencio". Iolanda quixo emular a Martín-Santos, autor dunha única e exitosa novela, así que cando logrou escribir o seu mellor texto, Periferia, e non obtivo un resultado glorioso canto a vendas, pensou: para que continuar? Marleen opina que Iolanda é pretensiosa. Ademais, o premio Xerais ía permitirlle vivir sen estrés un ano e non pensaba investir ese tempo en volver escribir. Cando rematou o espellismo económico, Iolanda volveu á vida obreira: traballo precario, rutina feroz, e esqueceu a literatura. Non hai tempo para todo: ou creas historias ou torces o lombo.

-O pasado 8 de marzo considerouse unha data histórica para o feminismo en España. Marleen tamén fixo folga?

-Seguro! Ela moi de traballar xa non é, pero se o que toca é reivindicar o peso das mulleres no mundo, ten unha cita sagrada co absentismo laboral. Folga carnal, en cambio, non fixo. Alguén me contou que a viu por Churruca tentando enlear a un rapaz cándido. Como sabes, decidiu deixar de ser presa para converterse en depredadora. O seu é a caza en materia lúbrica, e de aí Noites de safari.

-Está totalmente de acordo Marleen co que Vde. escribiu dela ou hai certas cuestión nas que non comparten opinións, puntos de vista, etc??

-Está parcialmente de acordo. Marleen admite que tivo moitos amantes, pero quéixase de que Iolanda só incluíu no libro os seus desencontros con badulaques desorientados. Segundo ela, vinculouna a unha biografía lúbrica nefasta que podería malograr as súas próximas conquistas. Agora reclámalle que escriba outro manual onde comparezan os amantes riquiños cos que tivo algún affaire. Ou iso ou que lle ceda os dereitos de autor; Marleen está a chantaxeala... Xa no plano persoal, creo que Marleen e Iolanda comparten unha actitude resignada fronte á vida.

-Tanto Vde. como Marleen teñen un gran sentido do humor. É nos seus casos un recurso defensivo ou de ataque?

-Que vai ter Iolanda sentido do humor! É intratable, todo a incomoda. Ela non ataca, deféndese; limítase a observar, sen intervir, a carnizaría humana e o despece da sociedade ao seu redor. Pero, se a fan sentir sparring, contraataca con violencia e malas pulgas. Viríalle ben descubrir e aplicar o bo humor para deixar de ver o resto dos seus conxéneres como unha ameaza, como combatentes potenciais neste ring de boxeo que é a existencia. En cambio, Marleen considera que non hai mellor ataque que unha defensa retranqueira.

-Preguntarlle se esta novela ten algo de autobiografía sería un despropósito, unha perda de tempo, unha pregunta que deixaría en branco??

-Preguntar intimidades é unha ousadía, por iso merece unha resposta igual de ousada, haha! Hai moito de autobiográfico, si. Non no carnal, pois, por desgraza, Iolanda coñeceu poucos tarabelos, xurelos, gaitas, vergallos..., ou como queiras chamarlle ao tótem do aparato xenital masculino, pero no vital si hai semellanzas. Podes preguntarlle, esmigallando o texto, que partes protagonizou e ela contestaríache sen rubor, pero asegúroche que as miserias de Iolanda son anódinas; é Marleen quen as nutre de interese.

-Como xurdiu esta peculiar idea non só de empregar pseudónimo (algo común na literatura) senón que a persoa que se agocha detrás dese pseudónimo sexa, ademais, protagonista da obra?

-Apuntou o crítico Ramón Nicolás que, en lugar de pseudónimo, Iolanda practicou un termo limítrofe: heterónimo ("autor imaxinario con personalidade diferenciada da do propio creador", segundo o dicionario da RAG), exercicio que tivo como máximo expoñente a Pessoa. Supoño que foi unha elección baseada na coherencia, porque, como xa advertín, Marleen non é Iolanda. Esta última é unha mera transcritora de experiencias nas que estivo inmersa ou a rodearon, dotando así, á primeira, dunha personalidade propia. Por iso o nome de Iolanda (e o seu corpo macizo) non merecía a portada.

-Entra dentro dos seus obxectivos que Marleen (e todo o que lle pasa) sexa unha personaxe que debe facer reflexionar as novas xeracións de mulleres?

-Ui, que va! Iolanda nunca aspirou a tan altos obxectivos. O propósito do libro baseouse noutras cuestións: relembrar e poñer de relevancia algúns termos e construcións sexuais-afectivas da nosa lingua que están a caer en desuso, e provocar, senón unha gargallada, un sorriso cómplice nos rostros d@s lector@s que se acheguen a Marleen. Agora, se algunha muller se ve reflectida nas súas emocións e incertidumes, estaría ben que a tomase como referencia para facer exactamente o contrario do que ela fai; xa ves cantos tropezos acumula...

-Sherlock Holmes acabou por devorar a Conan Doyle. Hai algún risco de que Marleen MaLone devore a Iolanda Zúñiga? Mataríaa, chegado o caso, como fixo Doyle con Holmes, aínda que despois tivera que resucitalo?

-Non na literatura en galego, lingua minoritaria e minorizada. Talvez só suceda iso nas linguas imperialistas: elas gozan de moit@s lector@s; lector@s que, ademais, senten orgullo pola súa fala. Quizais nesas si poidan darse personaxes literarios icónicos. Se Marleen devorase a Iolanda, significaría que esta última cobrou tantos dereitos de autor que podería dedicarse a escribir outras historias, como fixo Conan Doyle cando "matou" a Sherlock Holmes. Mesmo podería regresar para resucitala, de cando en vez, despois de terlle posto os cornos con outras amantes en materia escrita.

Compartir el artículo

stats