Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Directo e coloquial

Poesía que xorde da alma

Directo e coloquial

Logo de títulos como Cidades, O meu gato é un poeta ou Poemas birollos para ler cos ollos, Fran Alonso sorpréndenos con outro poemario Street Poems, visualmente moi atractivo e que dende o punto de vista literario lembra á Xeración dos 90 cunha linguaxe directa e coloquial que non descoida a forma, senón que explora a potencialidade que ofrece para amosar a íntima relación que se establece entre a idea e a súa expresión, entre a realidade que interesa manifestar e a súa plasmación, entre a palabra -significante- e o que evoca -significado-.

A rúa, as rúas, as paredes, os muros, as portas, as casas inspiran imaxes, figuras, debuxos, ilustracións, graffitis que converten as cidades en museos vivos, en espazos auténticos onde a arte se manifesta dunha forma singular.

Somos poesía e o presente do verbo ser dan comezo á existencia e ás palabras que queren ser rebeldes e fosforescentes e que nos introducen no Planeta Street Art para dende aquí invitar á liberdade, a manifestar desasosego, a abraiarse coa fermosura, a esconderse do tempo, a fuxir da miseria humana, a escribir poemas improvisados ou a soñar ideas.

Unha escena, unha imaxe ou mesmo uns trazos son aproveitados polo poeta para elaborar as súas composicións e da mesma forma que a arte urbana sorprende ao espectador con mensaxes que invitan á reflexión ou á crítica, tamén as palabras, illadas ou encedeadas formando frases, oracións e versos permiten expresar contidos ora amables e tenros, ora incómodos e subversivos. Desta comuñón entre a mensaxe visual e a discplina de reflexión coa palabra xorde este libro que Edicións Xerais de Galicia publica na colección "Sopa de Libros" destinado a un público infantil e xuvenil que poderá, sen dúbida, establecer un diálogo entre a cotidianeidade e o pensamento abstracto que permite analizar de forma simultánea aspectos dunha mesma realidade.

As referencias aos ollos tristes dun rostro canso, ao diálogo que inspiran dúas máscaras que falan sobre a imposibilidade do cambio a pesar do frío, á cidade onde as persoas son duras coma burbullas de xabón ou ás chiscadelas de ollo á poetisa Rosalía de Castro ou ás cantigas medievais que suxiren respectivamente unha imaxe tirada de Vilanova da Cerveira, outra da rúa Santa María en Funchal e outra que aparece nas paredes do pavillón polideportivo de Bouzas en Vigo amosan a sensibilidade que Fran Alonso deita co presente, co futuro e co pasado e que apuntan a unha contemporaneidade xenuina ao conxugar os verbos interpretar e crear na mesma liña, no mesmo verso e, ás veces, na mesma palabra.

A poesía cando é auténtica xorde da alma e do que nos rodea, do corazón e do aire que respiramos e abofé que este volume así o demostra.

ALONSO, Fran, Street Poems, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats