Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vontade autófona

María Victoria Moreno, ensaísta

María Victoria por volta de 1969. // fotos: cortesia de Edicións Xerais e Editorial Galaxia.

Á parte do importante labor de María Victoria Moreno no eido da literatura infantil e xuvenil galega, outra das facetas destacadas da súa biografía intelectual é o seu labor como ensaísta. Filóloga de formación, xa en 1973 acepta a encarga de preparar para a madrileña editorial Akal unha antoloxía de poesía social intitulada Os novísimos da poesía galega, primeira mostra do seu compromiso coa literatura galega. O volume vai encabezado cunha xustificación en castelán -suponse que polo carácter bilingüe da edición e por se dirixir a un público non galego-, na que, entre outros criterios, defende as creacións escolmadas atendendo ao feito diferencial da nosa cultura.

Dende esa data a autora intervirá en múltiples actos en varios puntos da xeografía galega expoñendo temas do seu interese, ademais de colaborar ao longo da súa vida en volumes colectivos. Como mostra desta faceta contamos con textos como "Comentarios de texto: descubrir a realidade", onde se recolle a súa intervención nas Primeiras Xornadas da Lingua Galega no Ensino celebradas en Compostela en 1984, e onde, ademais de explicar varios métodos críticos de enfocar o comentario de texto, analiza a "Cantiga do neno na tenda". Lorca, un dos seus autores amados, centrará tamén o estudo datado en 1985 arredor da "Danza da lúa en Santiago", un traballo inédito até 2015, cando foi publicado na revista Madrygal por Alonso Montero. Así mesmo, o seu coñecemento dos clásicos latinos queda de manifesto na análise "Discurso pronunciado por Alonso Montero no acto no que recibiu o Pedrón de Ouro", recollido en Comentarios de textos populares e de masas (1994), coordinado por Claudio Rodríguez Fer.

No ámbito didáctico encádrase o proxecto que a autora acomete mediada a década dos oitenta, canda o seu ex-alumno e tamén docente Xesús Rábade Paredes, un importante traballo pedagóxico que se plasma no libro de texto para COU Literatura. Século XX (1985), e que se repetirá dous anos despois en Literatura. 3º de BUP, no que se suma a achega de Luís Alonso Girgado. Estes completos manuais foron dos primeiros dispoñibles para impartir Literatura Galega e ofrecen unha rigorosa sistematización con referencias aos contextos, orientacións didácticas e esquemas moi útiles para favorecer a aprendizaxe.

Xa en 1991 escribe V erso e prosa e As linguas de España, integrados na colección "Andel" da Xunta de Galicia. Ambos comparten o enfoque divulgativo e mostran a habilidade da escritora para construír un discurso accesible para calquera tipo de lector, ao que dirixe as súas firmes conviccións sobre o valor dos libros, a necesidade de desterrar prexuízos arredor da lingua galega e o seu desexo de crear unha sociedade máis culta e libre.

Axudan tamén a afondar na personalidade da homenaxeada co Día das Letras 2018 aqueles textos centrados nas súas vivencias, malia non se prodigar demasiado en ofrecer detalles sobre a súa biografía. Neste eido ocupa un lugar senlleiro Diario da luz e da sombra (2004), mais contamos tamén con achegas que paga a pena coñecer.

En 1992, María Victoria é convidada a participar nun número especial da revista CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil) xunto a outras vinte e dúas escritoras do Estado para abordar a súa memoria de infancia. Con "M.V.M., una profesora feliz de serlo", a autora, distanciándose mediante o uso da terceira persoa narrativa, recrea as súas lembranzas a modo de relato, as súas primeiras experiencias como docente e o seu encontro con libros como O Quixote e O principiño.

Tamén contén unha valiosa información autobiográfica a súa intervención no congreso Poetas alófonos en lingua galega, celebrado en Santiago en 1993, no que participaron creadores que escribiron en galego malia non ser a lingua de seu. En "¿Escritora alófona eu?", Moreno rememora a súa chegada a Galicia e rebélase contra tal etiqueta, pois o seu acto de entrega á terra que a acolleu responde a unha historia de amor que a fai declararse, con orgullo, galega de orixe.

Lección de vida e de estilo

  • En 1997, María Victoria Moreno é diagnosticada de cancro de mama, nuns tempos nos que a doenza era unha ameaza mortal. Asustada, enfadada, rebélase a través das palabras e escribe varios cadernos á man como terapia de aceptación da dura realidade. Tras un proceso de depuración, ese desafogo converteuse no Diario da luz e da sombra, o traballo que mellor se axusta ás características do ensaio pola súa vontade de estilo e o afondamento nun tema universal: o sentido da existencia ante a morte. Ao tempo, a autora desvélanos o seu mundo interior, a súa personalidade e os piares da súa vida: o amor pola palabra, a beleza e a docencia, a paixón pola lectura e a escritura e o seu inquebrantable amor polos cans. A súa ironía e coraxe amósase na creación dunha linguaxe para nomear o cancro ("a pupa cabrona"); as constantes revisións ("a I.T.V."); as sesións de quimioterapia ("os chutes"); o hospital da seguridade social ("o gran hotel"); ou as enfermeiras ("as vampiras"). María Victoria Moreno revela nestas páxinas estados de ánimo, ilusións, medos e incertezas, ao tempo que esculca nos labirintos da luz e a sombra da alma humana coa intención de axudar a outras persoas afectadas polo mesmo mal e contaxiarlles o seu optimismo sensato.

Compartir el artículo

stats