Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre a nenez e a madureza

A obra infantil e xuvenil de Mª.Victoria Moreno

Maria Victoria na adolescencia. // Fotos: cortesía de editorial galaxia.

María Victoria Moreno Márquez foi unha defensora activista da lingua de noso, que ela adoptou como propia desde a escritura, a docencia, a actividade pública e mesmo privada, como se pode seguir polas súas declaracións públicas e escritas, e polas reflexións de estudosos da súa vida e obra.

A súa produción literaria para os máis novos iniciouse en 1972 co conto infantil Crarisca e o luceiro, 2º premio do Concurso "Contos Infantís O Facho", incluído en Mar adiante (Ediciós do Castro, 1973). Seguiu escribindo contos para ese lectorado ( O Cataventos, A festa no faiado, Brétema) e tamén poemarios (¿ Un cachiño de bica?, ¿E haberá un tirón de orellas?, ¡Xa non teño medo!, O derradeiro, Eu conto, ti cantas (Xerais, 2005) puido chegar a velo, nel acollía dous dos anteriores e "Can branco, can negro". Achegouse aos adolescentes, a eses lectores de fronteira entre a nenez e a madureza (Leonardo e os fontaneiros, Anagnórise, Guedellas de seda e liño) e tamén realizou traducións a partir do galego, castelán, francés e catalán, linguas que dominaba. Un conxunto de obras que posibilitaron a emerxencia da LIX galega.

As súas obras caracterízanse polos personaxes variados, simples e cariñosos que participan nos seus escritos. Un grupo de seres e obxectos relacionados co mundo infantil e xuvenil; lirismo, tenrura e crítica social; marcado moralismo con mensaxes recorrentes en contra da escola tradicional, a vaidade, a ruindade, poñéndose a favor do trato digno dos animais, mensaxes artelladas dentro dunha ética cristiá progresista baseada no principio do amor universal, pero a moralidade que respiran os personaxes e peripecias é, case sempre, unha moralidade que está, como dixo Xesús Alonso Montero, "nos ósos, no miolo dos relatos, e non pegada, como follas de entroido, ó eixe das narracións"; a escola, o mar sempre aparecen; en Leonardo e os fontaneiros practica novos recursos narrativos en liña con outras literaturas e coleccións como "Elige tu propia aventura"; apela ao lector con pronomes de solidariedade, en busca de cohesión íntima co narrador; a lingua que emprega está chea de xogos lingüísticos característicos do lectorado ao que se dirixe pero sen concesións; os contrastes, é dicir a dobre mirada dos comportamentos humanos son moi do seu gusto.

Chaves poéticas que permiten identificar a obra dunha autora dotada de formación filolóxica sólida; dunha docente vocacional que soubo ofrecer ferramentas de grande utilidade para crear lectores competentes contaxiados pola súa forma de ler e abrir liñas de investigación. Unha defensora da boa literatura que denigraba dos que a deturpaban con moralinas, sen se fixar en recursos literarios que, como docente e escritora, ela tentaba transmitir.

Un labor pioneiro

  • O labor pioneiro de María Victoria na LIX galega evidénciase se nos fixamos nos contextos nos que se publicaron as súas obras e recordamos a nosa historia desde os anos setenta á primeira década do século XXI. Contextos nos que, por fin, a Ditadura se ablandaba e se iniciaba a Democracia. A renovación pedagóxica era unha materia pendente que urxía, pois os cambios lexislativos e sociais eran inminentes. Entre eles son de salientar a escolarización e a incorporación da muller ao mundo laboral. Tendo en conta eses cambios, comprenderase a relevancia de cada unha das obras de María Victoria, tanto as propias como as traducidas, pois tentan achegar novidades e introducirse na cerna dos lectores. Por todo, podemos afirmar que é unha escritora pioneira, que se converteu en clásica contemporánea, pois soubo traspasar os tempos e seguir sendo actual, a pesar de se considerar primeiro docente, en caso de ter que elixir, como manifestou en varias entrevistas e traballos. Foi pioneira porque deixou patente que a literatura é imprescindible para que os máis novos e todos os mediadores, sobre todo os encargados da lectura orientada e recreativa, cambien de actitudes, se emocionen polo saber, respecto do outro, liberdade, se doten de competencias emocionais, que tan ben se transmiten desde a boa literatura que defendía. Por iso, apostou por temáticas innovadoras e precisas cun bo facer, propiciado pola súa cultura, as súas lecturas, a súa formación en xeral que vibra detrás de cada liña, de cada verso que escribiu.

Compartir el artículo

stats