Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Discurso arquitectónico

De febre e desalento

Discurso arquitectónico

No novo poemario de Antón Blanco Casás (Vilagarcía, 1996), Tres estudos para un poema da cidade, a contracapa infórmanos que atoparemos recursos da poesía épica e do ensaio antropolóxico. Obviamente, toda épica resulta ser, na súa esencia, antropolóxica, pois ten como raíz os mitos fundadores (como o Gilgamesh, a Ilíada, o Majabhárata ou os relatos bíblicos...) das polis de calquera tempo e latitude. Mais a épica que aquí se nos revela vai ser problemática, propria da zozobra contemporánea, que mostra as feridas das sociedades humanas cando tratan de se instalar nos sitios escollidos para fundar algo inconcreto e, por iso mesmo, perturbador: "Tempo antes da súa chegada, alí non había cidade, por suposto,/mais non había nin espazo-anterior-á-cidade,/ou algo como/punto-recoñecible-no-espazo-enteiro".

Non estraña que o ton ensaístico alcance dimensión profética cando, no medio do discurso arquitectónico, se incrusta o vaticinio. Ou a explosión irracional: "facede cabalgable a terra,/golpeádea canto sexa necesario". De feito, na peza inicial comparece unha personaxe, a visionaria, que vai reaparecer en múltiplas composicións para asumir, daquela, protagonismo poemático: "Era inquietante a súa historia./A visionaria cantaba/a de quen se asfixia co cordón umbilical". A fundación da cidade devén, pois, un embrión que nace afogado naquilo que o liga á nai (contradición de quen dá vida e morte ao mesmo tempo). Nos poemas ulteriores vanse sucedendo os eventos contraditorios, moitos deles carregados de violencia ou de disfunción (o non-lugar da utopía vaise asemellando ao mal-lugar da distopía): "Os preparados para o alfabeto describían no sitio/cen non, duascentas veces esa mirada". E, máis adiante, unha voz interpola a súa visión: "'Cantei e con isto refugaba perdas./Atravesoume a voz un raio de videncia'/Ven a urbe na palabra do cadáver". Os textos, un tras outro, como tixolos que constrúen unha estrutura tripartita, edifican un lirismo do lendario, do heroico, mais tamén do tenebroso: "un reo levanta/ a cabeza e pode ver o seu corpo en proceso de desmembrarse". A fundación tamén se funda no desaparecimento: "Cando o fixeron esvaecéronse/baixo unha tribulación/de luz". Sen esquecer o ton alucinatorio que identifica o esqueleto das vivendas co esqueleto humano (como un Adán ferido): "Pechábanse as portas da cidade cando noite/e os edificios penetraban nas costelas".

Elias Canetti demostrou a terríbel analoxía que existe entre os sistemas de poder e os sistemas delirantes. Podemos afirmar que Antón Blanco erixe o seu verso como un metabolismo de febre e desalento. Con voluntaria nitidez, desde a fonda fotografía da angustia, desde o ramal invasivo da cidade.

BLANCO CASÁS, A., Tres estudos para un poema da cidade, Ed. Galaxia, Vigo, 2018, PVP. 9, 50 ?

Compartir el artículo

stats