Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O faro da fin do mundo

Fisterra, no cabo das terras coñecidas

Vista xeral da vila desde o cume do monte Facho.

Julio Verne publicou en 1905 -data así mesmo do seu falecemento- O faro da fin del mundo. Na Patagonia arxentina, o faro de San Juan de Salvamento é coñecido co mesmo nome da novela do célebre escritor francés. Ademais do de Ushuaia, a última referencia antes do descoñecido está en Fisterra, obra do enxeñeiro Félix Uhagón. Trátase dun magnífico exemplo de arquitectura fareira, construído en 1853 e que se ergue a case douscentos metros sobre o nivel do mar cun alcance de escintileos de 57 quilómetros. Un faro nun lugar mítico, rodeado de historia e mitos.

A edificación álzase próxima ao lugar no que a lenda marca que estaba o templo de Ara Solis onde antigamente se prendían lumes para guiar os navegantes. Ata aquí prolóngase o Camiño de Santiago para os peregrinos que, segundo a tradición, queiman xunto ao mar as roupas e comezan o regreso, a volta a unha vida purificada.

A decisión de construír un faro tomouse en 1843, aínda que tardaría uns anos en executarse. Ten unha torre octogonal, a casa do fareiro e unha praza de homenaxes ofrendada ao xeneral San Martín e á que se denomina Praza da República Arxentina. Dise que con días claros chégase a observar a raia de Portugal. Verdade ou non, o certo é que desde o promontorio onde se sitúa descóbrense impresionantes panorámicas e a infinidade do océano, onde se cría que o sol se apagaba cada noite.

Son incontables os peregrinos que se asomaron ao cabo do mundo. A súa singularidade xeográfica e a súa importancia cultural levaron ao Cabo Fisterra a ostentar o selo de Patrimonio Europeo, como testemuña que foi da historia do Vello Continente. O faro está no extremo do cabo, e é o máis antigo da Costa da Morte. Ao ser un punto crave na navegación, o faro foi considerado de primeira orde. A torre octogonal de canteiría mide 17 metros. Orixinalmente, a lanterna funcionaba con lámpadas de aceite, pasando despois a lámpadas de incandescencia, que emiten un escintileo cada 5 segundos.

Co tempo fóronse engadindo outras construcións. Anexa ao faro está a que popularmente se coñece como Vaca de Fisterra, o edificio proxectado por Ángel García del Hoyo que entrou en funcionamento en 1889. A súa misión era emitir unha potente sirea os días en que a néboa impedía ver a luz do faro. Das súas potentes bucinas saían sons estridentes cada minuto, cun alcance de 25 millas (46 quilómetros.)

O terceiro edificio que compón o conxunto arquitectónico é o Semáforo, situado a máis altura que o propio faro. Data de 1879 e a súa misión orixinal era a de emitir sinais para a mariña de guerra. Actualmente a súa función é a de hotel con encanto.

A grandiosidade da contorna impresiona como o facía no seu tempo aos romanos e na época medieval aos que viñan terminar no Finis Terrae o periplo xacobeo. Pódense contemplar máis vistas ascendendo cara ao Monte Facho e ao alto de San Guillerme, onde se atopan os restos da capela dedicada ao santo. Cóntase que foi destruída no século XVIII, asociada ao Ara Solis (culto ao sol) e relacionada con ritos de fecundidade. Aínda hai restos de muros laterais que se prolongaban cara a unha gran roca que pechaba o recinto. Desde este punto pódese gozar de inmellorables panorámicas sobre a vila de Fisterra, a praia da Langosteira e o arco fisterrán.

Existe unha ruta que parte do centro urbano e sobe ata o cabo. O itinerario segue en dirección cara á igrexa de santa María das Areas, construída sobre unha primitiva estrutura románica á que se lle foron engadindo varias construcións a ambos os dous lados dos muros, e que acolle no seu interior o santo Cristo coas súas moitas lendas. Desde o templo, o camiño continúa pola estrada que leva ao faro, un percorrido que ofrece excelentes vistas sobre as illas Lobeiras, o monte Pindo e as praias.

O Cristo da barba dourada

  • A vila, a igrexa de Santa María, o cabo, o faro e o monte Facho son os puntos ineludibles no antigo Finis Terrae onde chegaban os peregrinos realizando un percorrido marcado no ceo pola Vía Láctea. A vila está formada por un núcleo antigo crecido en anfiteatro sobre o porto, con casas mariñeiras e rúas estreitas cheas de tipismo onde aínda aparecen cruceiros e algún hórreo. No extremo sur da cala da Ribeira está o castelo de San Carlos, unha das catro fortalezas que os Borbóns mandaron construír para a defensa desta costa a mediados do século XVIII. A igrexa parroquial de Santa María das Areas é un interesante monumento de orixe románico que sufriu numerosos cambios ao longo do tempo. No seu interior atópase a capela do Santo Cristo, rodeado de lendas e devoción. É o famoso Cristo da Barba Dourada do que se di que chegou a Fisterra arrastrado polo mar tras ser guindado por unha embarcación un día tormentoso. Cando a talla chegou á beira, as inclemencias meteorolóxicas cesaron ao instante. Interpretouse como un sinal do desexo do Santo por pasar a súa existencia na fin do mundo. A tradición asegura que lle crece o pelo e a barba, e de aí o nome de Cristo da Barba Dourada. Existen numerosas cantigas sobre esta venerada imaxe, feita con gran realismo e perfección anatómica.

Compartir el artículo

stats