Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

(Re)coñecer Vigo

Con traballo e con talento

(Re)coñecer Vigo

Pedro Feijoo é un narrador da memoria. Na primeira novela, Os fillos do mar, malia que os acontecementos fundamentais suceden en datas recentes, o autor fai unha incursión histórica que nos leva ata a batalla de Rande, a Guerra Civil e o mundo dos nazis. En Os fillos do lume, a trama nos sitúa de maneira crítica na Reconquista. En ambas están presentes a admiración pola cidade que o viu nacer e a querencia polo pasado. Acción e intriga son importantes nas novelas de Feijoo, pero o seu amor pola investigación histórica, pola documentación e o traballo de arquivo son tamén imprescindibles na dedicación do escritor, que acaba de entregarnos un libro onde os muros e as rúas polas que transitan gran parte dos seus personaxes literarios son o aspecto fundamental.

Camiñar polo Vigo vello, velaí o título que Xerais acaba de publicar, e no que o autor fai unha homenaxe ao seu avó, o xornalista de Faro de Vigo Manuel de la Fuente, quen lle ensinou moitos dos segredos da cidade na súa infancia.

Camiñar o Vigo vello é unha invitación a percorrer a cidade, a mergullar nas sombras do pasado, a desafiar os tópicos dos ignorantes e as rutinas dun poder que no nome do progreso ten cometido cíclicas tropelías. Estamos diante dun libro no que o autor mestura a anécdota co dato erudito, a memoria dos veciños cos mapas delourados, o escenario das palabras nobres e amables cos berros contra o abuso e a opresión. Aquí está a paisaxe íntima dos soños, a muralla secreta, o fío que nos leva ata a pegada romana, as torres fantasma e os pazos de pedra dócil e ignorada. Aquí se canta a maxestuosa atalaia do Paseo de Alfonso, a apetencia de mar do Berbés, a mutación dos castelos e o abrazo amoroso das pedras no Instituto Camões.

Contra o que poida parecer, hai un Vigo con tradición, unha cidade vella moito máis grande do que se adoita afirmar, un pasado arquitectónico de gran fuste que a cobiza tenebrosa non conseguiu borrar por completo e que, de cando en cando, atopa o flaneur como unha estrela de pedra para orgullo dos vigueses, saiban ou non quen era Jenaro de la Fuente, Pacewicz, Palacios ou Gómez Román.Tamén hai un Vigo árido que Camilo Gonsar denunciaba en Cemento e outras historias, un Vigo mariñeiro e naval que nace nun arrabaldo ferriniano, un Vigo de diminutas calellas nas que se practicaban os vellos oficios, un Vigo de bandeiras corsarias e tamén un Vigo ruidoso de mercados que sobreviviron como xardíns luminosos.

Pedro Feijoo pon de manifesto que Murguía estaba equivocado cando negaba o pasado medieval. Vigo ten historia con longo percorrido, aínda que resulta obvio que o crecemento nun século foi espectacular e pagou caro a mentalidade "desarrollista". O escritor recoñece as débedas contraídas con estudosos como Pedro Díaz, Taboada Leal, Espinosa, José Santiago ou Amador Montenegro. Con todo, tivo que facer os seus esforzos para localizar a casa do francés, imaxinar onde se atopaba a Inquisición, para descubrir o número exacto da casa da Rúa Real na que o editor Compañel editou por primeira vez Cantares gallegos. Con paixón de namorado, fixo entrevistas e revisou todos aqueles coñecementos que adquirira para a escrita das súas novelas centradas en Vigo. Grazas ao seu traballo e ao seu talento podemos ler un libro ameno e logo pasear sen rumbo por esa cidade que está a mudar de xeito harmonioso en rúas como a Ferrería, lugar de pecado e perdición no pasado e gloria apracibre nas tardes primaverais de hoxendía. Lugares como o club Abanico, na praza do mesmo nome, o Banco dos Contos -no que practicaban o regateo os vendedores do mercado-, a rúa Abeleira Menéndez-antiga rúa do Pracer baixo-, cos seus modernos establecimentos que xorden a esquerda e dereita ata chegar á Pinacoteca Fernández del Riego, son parte dun itinerario que os vigueses dantano coñeceron animados por un tráfego e un comercio carnal que vai virando cara a outra realidade.

FEIJOO, Pedro, Feijoo, Pedro, Camiñar o Vigo vello, Un paseo pola historia da cidade, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP 19 ?

Compartir el artículo

stats