Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A quen ninguén resarciu

Homenaxe aos perdedores

A quen ninguén resarciu

Rosario Regueira tarda en se incorporar á escrita, mais vai a bo ritmo, despois da súa primeira novela Sabela (2015) e dun ensaio Esbozos do deporte galego. Unha aproximación ao atletismo (2016), chéganos a segunda novela Cando pasou o que pasou, unha obra reivindicativa baseada en feitos reais.

Este libro trata, oitenta anos despois, "do que pasou cando pasou e do que pasou despois". O título é un eufemismo escoitado pola autora para se referir a como aquela represión brutal lles afectou a persoas que ademais transmitiron as consecuencias aos que quedaron.

Novela social comprometida, o texto é unha recreación literaria a partir do testemuño de Miguel Roig Varela do que se van reconstruíndo os seus antecedentes familiares. Rosario Regueira declara: "escribo coa esperanza de colaborar para que nunca se volva a repetir, para que todo o mundo poida pensar distinto". Compromiso social e tamén individual coa propia familia e coas outras que despois de que lles arrebatasen un ou varios dos seus membros tiveron que cargar ademais coa marca social.

A obra vai antecedida por un Preludio onde a autora realiza un achegamento á situación política e social da época dende finais do século XIX, que resulta imprescindible para comprender o acontecido en Galicia na década dos anos 30 e 40 do século pasado.

A novela arranca co casamento de Antón do Lobo da beira do mar e Josefa Bouza, de terra dentro, e conta a historia da súa vida familiar e como despois de sete fillos ela morreu no parto da última nena. Despois chega a historia da familia de Josep Roig Poch, un catalán que abre unha fábrica de salgadura e se instala en Porto do Son, e da súa descendencia, de como o seu fillo acaba sendo médico militar.

Finalmente, a historia das dúas familias crúzase en Miguel Roig Varela, fillo do casamento entre Miguel Roig Lestón e Isaura Varela Bouza, que se ve privado de todo coñecemento da súa familia como se toda a historia familiar tivese nacido canda el, un home que se pode chamar fillo da desmemoria. Resulta especialmente crúa a narración polo miúdo da fuxida de Pepe do Lobo xunta Felisardo Brandariz do Castelo de Santo Antón na Coruña así como a súa posterior persecución e asasinato. Cabo deste, a novela recolle tamén, aínda que dun xeito máis breve, outros momentos onde a represión foi especialmente cruel, como a descrición das vivencias de Amelia Varela Bouza e a súa cuñada Manuela no campo de concentración de Mutricu, no chamado penal de Santurrarán.

Rosario Regueira homenaxea os perdedores, a todos e todas os que perderon e a quen ninguén resarciu".

REGUEIRA CEREIJO, R., Cando pasou o que pasou, Ed. Toxosoutos, Noia, 2018, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats