Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pontevedra: a dinamización cultural

Cidades de noso (VI)

Vista de Pontevedra e o Lérez. // FOTO: NOE PARGA

A consolidación do estado burgués trala chegada ao trono da raíña Isabel II supuxo a transformación radical das vellas estruturas do estado absolutista, polo que foi precisa a instauración dunha serie de institucións culturais, entre as que se atopaban os institutos e os museos. Na cidade de Pontevedra, como noutras urbess de Galicia, esas novas institucións foron ocupando espazos desamortizados durante as revolucións liberais ás ordes relixiosas que eran expropiadas; este proceso explica que o Teatro e o Liceo ocupen o espazo no que estaba a igrexa de San Bartolomeu o Vello, que o Instituto se construíse no solar da igrexa de San Domingos no ano 1929 e que esa mesma igrexa acabase sendo unha das sedes do Museo de Pontevedra, fundado grazas ao impulso de senlleiros galeguistas, como Castelao, Sánchez Cantón, Daniel de la Sota ou Casto Sampedro no ano 1927. Neste sentido, a fundación do Museo de Pontevedra, unha das institucións de maior transcendencia cultural da cidade, foi o resultado do dinamismo cultural urbano que ocupaba os salóns e os cafés das cidades. Lémbrese, por exemplo, que por eses anos estaba en pleno desenvolvemento a tese pontevedresa da orixe de Colón ou a tese helénica -fronte á tese celtista-, das orixes 'fundacionais' do pobo galego, defendida polo mesmo García de la Riega fronte a Murguía e os homes da Cova Céltica coruñesa.

A importancia desa institución cultural ten unha evidente proxección espacial. O Museo de Pontevedra, que acolle un importante patrimonio artístico, histórico e etnográfico, está composto por seis edificios dispersos pola cidade: as casas barrocas dos Castro Monteagudo e de García Flórez, que son a sede histórica do Museo, na praza da Leña. O edificio Sarmiento, situado no antigo colexio dos xesuítas, e o sexto edificio, construído no solar que ocupaba a horta dos xesuítas, obra dos arquitectos Eduardo Pesquera e Jesús Ulargui que está comunicado co edificio Sarmiento. Tamén nas inmediacións da praza da Leña, ao longo da rúa da Pasantería, atópase o edificio Fernández López, que combina elementos tradicionais da estrutura dun pazo urbano barroco coa modernidade, presente nas estruturas acristaladas para parte da fachada e no uso do cobre para a cuberta. O último dos seis edificios son as ábsidas conservadas do vello mosteiro gótico de San Domingos, en mans da Sociedade Arqueolóxica, que o converteu en museo de estelas e sartegos en 1896. Pódese dicir, daquela, que a cidade non só é a sede do Museo, senón que é un espazo museable.

Nos últimos anos, en relación coa actividade cultural da cidade cómpre salientar a intervención a carón do río Lérez da man de Manuel de las Casas: o Pazo da Cultura; inaugurado en 1997, está concibido como un conxunto de tres edificios conectados co río.

O río Lérez é, ademais, o contorno no que se desenvolve un proxecto pioneiro: a transformación da paisaxe mediante a intervención escultórica, que definen a Illa das Esculturas e o Parque da Familia, no que interviñeron doce artistas galegos e foráneos que constitúen unha 'reflexión sobre a relación entre o home e o medio'.

Finalmente, o campus universitario, a través de diferentes edificios (Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ou a Facultade de Belas Artes e Escola de Restauración), mostra o compromiso entre o desenvolvemento sustentable, a tradición arquitectónica e o dominio dos recursos técnicos, expresivos e materiais contemporáneos.

Na medida en que a cidade é un espazo no que se proxecta a realidade social, a presenza dos anteditos espazos culturais expresa o activismo militante da súa intelectualidade, que conquistou espazos nos que se combina a tradición galega, a innovación e o universalismo.

O parladoiro do café Moderno

  • No centro da praza de San Xosé de Pontevedra atópase o conxunto escultórico de César Lombera A tertulia, que reproduce un imposible parladoiro nas mesas do café Moderno, que abriu ás súas portas no ano 1903, logo de que o local fose acondicionado por García Termes con decoracións de Monteserín, Sobrino e Pintos Fonseca. Situado nun edificio modernista propiedade do señor Bautista, un indiano retornado de Cuba, foi reformado integramente por Álvaro Siza no ano 2000 recuperando a feitura orixinal que o paso dos anos e o cambio de usos alteraran substancialmente. Nos parladoiros do café Moderno, alén dos persoeiros que inmortalizou Lombera no seu conxunto escultórico: o virtuoso violinista pontevedrés Manuel Quiroga amenizando a parola de Castelao, Bóveda, Cabanillas, Paz Andrade e Carlos Casares, participaron Isidoro Millán, Gil Varela, Losada Diéguez e o mesmo García Lorca, quen na súa visita o 19 de novembro de 1932 escribiu un soneto no que se pode ler "libre signo de normas oprimidas serei". Non en van, no café Moderno inaugurouse na Belle Epoque e foi o símbolo da intelectualidade pontevedresa nos albores do século XX, que nese espazo discutiu de política, debateu sobre as novas tendencias artísticas e literarias... e contribuíu a crear un novo espazo creativo e democrático.

Compartir el artículo

stats