Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Feliz confirmación

Un delicioso ton amoroso

Feliz confirmación

Vou esgotar a miña gorxa e fatigar o meu cuspe, mais vou repetir o que xa dixen e reafirmar o que descubro: a poesía galega está vivindo un glorioso momento de frutificación e de diversificación como poucas veces coñeceu. A obra que comento, nós-dentro (un tributo ao Camilo Gonsar de Lonxe de nós e dentro?) de Eduardo Estévez (Buenos Aires, 1969) vén confirmalo. As fontes das que bebe a súa poética son honestas e non as trata de ocultar pois, ao facelas evidentes, somos os lectores os que temos que establecer con quen emparentamos a radical precisión do seu lirismo, o seu despoxamento, a súa pincelada case máxica. De todos os autores mencionados nestas páxinas (John Berger, Tanizaki...) sen a menor dúbida é W. G. Sebald o que máis inflúe na dirección dos seus poemas ("unha interrupción amábel/na duración da cidade"). Sobretodo porque no seu verbo conviven o fulgor metafísico ("que sexa novo/cada verso idéntico" que nos leva irremediabelmente a Pierre Menard, autor del Quijote de Borges) co instante doméstico ("é o bonito das plantas da sala/que toman decisións"), a ironía maravillosamente festiva ("a diario sementamos/pequenos comportamentos/que aos demais sorprenden") co paradoxo existencial ("na casa/esas rarezas son visíbeis/pero fanse translúcidas/por hábito ou paciencia").

Mais o que perpasa todo o poemario é un delicioso ton amoroso que salpica cada canto, que bota man da poesía da experiencia, que se mergulla no cotián ("a miña man está sempre/máis fría que a túa") e que rapidamente a transcende ("desexas abrigo/esa pausa que se dá de balde/e non agarda recompensa"). Achamos precisamente nesas breves escenas caseiras as profundas iluminacións que fulguran e que nos deixan entrever o infinito ou, se quixermos, a infinita riqueza que a convivencia, que a vida compartillada, vai suscitando co pasar dos anos. Fronte á paixón desenfreada, á vehemencia exhibicionista, o noso autor contrapón a serena vivencia do amor que bota unha raíz máis fonda que unha planta. Así podemos comprobalo na peza que fala do magnetismo entre as persoas, entre os amantes, cos seus momentos de atracción e repulsión, nun vaivén fortemente emotivo, mais sempre sosegado: "e as cousas que nos faltan/atráense insistentes/e doces/sábense diversas/alleas e deséxanse/como un equilibro/ou a súa hipótese". Ao igual que a presenza enternecedora dos fillos que pululan polos textos.

Falo con entusiasmo e recoñecemento. Estamos diante dunha voz maiúscula das nosas letras que expresa, con pudor afirmativo, con pureza e intelixente sensibilidade, os pormenores do namoramento, a sutil gama de rexistros que o diario convivir depara. Como quería Lope: "esto es amor, quien lo probó lo sabe".

ESTÉVEZ, Eduardo, Nós-dentro, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats