Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Chola, a It girl

Unha performance rectificada e bravú

Un momento na representación de Chola, a It girl.

Descoñezo se Carlos Mouriño, presidente do RC Celta de Vigo, ou Manuel Bragado, un dos máis notables editores que deu o país, foron ver este traballo da compañía ArtesCía Transmedia, presentado hai días na Sala Ártika. Se é que foron, saberán agora que afouteza fai referencia a condutas tan pouco comúns como "dalo todo", "meterlle fuegho" ou "andar co motor ghripado", fermosas metáforas rurais que sinalan unha maneira de ser, de estar no mundo, de facer as cousas, e que tamén definen a forma en que Laura Villaverde entende o traballo escénico. Pero vaiamos por partes.

O concepto de "It girl" deriva da película It, dirixida por Clarence G. Badger e Joseph von Sternberg e protagonizada por Clara Bow, a partir dun guión de Elinor Glyn, que se estrea en febreiro de 1927 e consagra a imaxe dunha muller apoderada e dona de si mesma. Non obstante, quen mellor definiu ese concepto do "it", de ter iso tan necesario para se converter en centro de atención e devoción dos máis, foi o novelista Rudyard Kipling, no relato "Mrs Bathurst" (1904), onde se intúe o poderoso atractivo dunha muller á que se atribúe posuír iso ("it") que cómpre ter para dominar vontades; unha narración que acaba sendo un magnífico exemplo da indeterminación narrativa.

A palabra "Chola", moi utilizada na rexión de Azuay, Ecuador, designa unha persoa nativa do territorio, e por tanto con raíces autóctonas, anteriores á conquista, pero tamén serve como denominación xenérica para as mulleres indíxenas ou mestizas de toda Iberoamérica, en especial para as que manteñen usos e tradicións de todo tipo, moi especialmente lingua, alimentación ou indumentaria, que en non poucas ocasións se converten en afirmación voluntaria e positiva da identidade propia, sentida con orgullo.

En boa medida esas dúas directrices orientan esta presentación escénica titulada Chola, a It girl, pois o título mostra o ideario estético dunha compañía creada entre Guillarei e A Coruña que parte da premisa que a artesa é o lugar onde cómpre mesturar os máis diversos medios de expresión para amasar e levedar o pan escénico. Unha liña de traballo que mestura o local e o global, o que poida haber en Tui e o que poidamos atopar en Queens ou en Newark, que viaxar serve de moito, mesmo para crear unha marca de roupa e complementos chamada Chola & Lola.

A tal presentación, na que se mesturan técnicas escénicas, motoras, mecánicas e audiovisuais, consiste nunha demostración dos pasos e principios a seguir para se converter nunha "It Girl", mais refugando os modelos actuais das "youtubers", "influencers", "instagramers", e "blogueiras" asentados na banalidade e a frivolidade, e apostando polo auténtico, polo que ten raíces, o que asenta na identidade. E por ese camiño chegamos a unha defensa, a un tempo, inocente, irónica, sarcástica, lúdica e lúcida da cultura rural, da que se queren poñer en valor os aspectos máis positivos, sendo o primeiro deles a autenticidade das mulleres que souberon dar pasos necesarios para facerse co control das súas vidas.

Son dez pasos, nos que se mostra unha sucesión de pequenas escenas nas que Chola vai explicando, botando man de moita retranca, o decálogo para unha axeitada rectificación da conduta, e cando falamos de rectificación referimos o proceso polo que se mellora o rendemento do motor dun coche ou dunha moto, facéndolle determinadas trucaxes, un "tuneado". Dez pasos sinxelos para converter o rural e o auténtico en tendencia, a través dun proceso de empoderamento que parte da asunción e defensa dos sinais de identidade propios. E ao remate de cada escena chega unha frase que a xeito de lema resume o principio explicado, recollidas as máis das veces do refraneiro popular, como aquel que aconsella non meter o barco nas pedras. E todo iso adobiado cun magnífico deseño visual e gráfico responsabilidade de Roi Fernández, un artista plástico e creador audiovisual moi destacado no traballo transdisciplinario. E así a presentación escénica asenta en dous valores fundamentais, o poder da imaxe e o poder evocador dos corpos e dos obxectos en acción que acompañan as palabras, e viceversa. Hai cousas mellorables, na dramaturxia e na dirección escénica, pero tamén acertos notables. Parabéns a Laura e Roi pola afouteza, e pola ironía.

Neoenxebrismo fractal

  • Ao tempo que se reivindica a cultura local, constrúese unha crítica aceda ao mundo desas novas "celebrities" que se ocupan da moda, da estética, de dietas milagreiras, ou de todo canto se poida dicir e comentar nos tempos e espazos das redes sociais. E así esta It Girl campía fai propostas tan rechamantes como atinadas, como aquela na que se propón eliminar a caspa con ortiga fervida, mais convertendo a "ortiga" en "urtigha", e nese cambio de rexistro está a clave de todo o proceso de reconversión persoal, para chegar á actriz "rectificada". Nesa dirección o espectáculo camiña polos vieiros do bravú, do neoenxebrismo, das claves estéticas do "tunai chou" ou dos "little toonies". Escollas, que funcionan porque todo canto se faga acaba por ter o seu público. Abonda con facer soar cantigas tal que "Fue tan poco tu cariño" con Rocío Dúrcal, ou "Se acabó" con María Jiménez, para confirmar o aserto. Sen complexos, co gas a fondo. Acontece que o que esa actriz rectificada constrúe en escena non é un personaxe, senón unha "persoa escénica", que desenvolve plenamente as posibilidades dun dos moitos roles que acubilla no seu ser, neste caso esa moza labrega, falangueira, arroutada, inocente, sarcástica, retrouseira, rinchadora e apoderada, que hai en Laura Villaverde. Tampouco se constrúe unha historia, que non hai, senón unha sorte de xogo confesional moi marcado pola retranca e a rexouba, feito con momentos, palabras, obxectos, xestos e chiscos, sempre mínimos, que dan conta do mundo vivencial desa persoa que se crea na escena, e que non deixa de ser unha máis das posibilidades de ser no mundo que ten Laura Villaverde. Consciencia en modo fractal, pois somos moitas cousas ao mesmo tempo, e tantas veces contraditorias. Un traballo escénico que dá que pensar, pois a cabeza non para.

Compartir el artículo

stats