Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do Mississippi ao Planeta GZ

Os longos e felices anos da Bakin Blues Band

A Bakin Blues Band en pleno directo.

Cando centos e miles de escravos africanos foron levados ao delta do Mississippi , arrincados da súa terra a golpe de látegos, cadeas e pistolas, o certo é que se prendeu unha chama cultural que xamais se apagou. Aquel tan detestable capítulo da humanidade, instituído como práctica habitual ao longo dos séculos XVIII e XIX, estableceuse nun dos delirios sociais máis vergoñentos da nosa civilización firmándose como práctica legal co presidente Jefferson e coa Declaración de Independencia dos EEUU. Despois durou até que o sentido común, Abraham Lincoln e mais o abolicionismo do Norte foron quen de impoñer o raciocinio e a loita contra a aberración da escravitude aínda que os ecos en forma de racismo e estupidez duren deica hoxe.

Pero o certo é que daquilo tan feo naceu algo tan bonito como a súa música: espirituais liberadores, cancións de traballo, ritmos e palabras que curaban a alma e mataban a tristura desde as experiencias máis crúas e doentes. Músicas de verdade, intensas, fermosas e coa máxima profundidade de sinxeleza e beleza.

Así naceu o blues, seguindo unha estrutura de doce compases e baixo o alento da forza das comunidades afroamericanas que no seu adn levaban tatuado a lume algo tan imborrable en forma de ritmos e melodías. Despois, o mundo deu voltas e a xente con el. O capitalismo, o mercado da música e toda a leria dos rexistros sonoros levou ás orellas da humanidade todo o que naceu daquela riqueza. A música viaxou e o blues, aquelas pezas nadas na amargura do aberrante, na alegría do latexo e da resistencia, foi conquistar os corazóns. De aí partiu case todo o que coñecemos das músicas modernas en forma de rock, de jazz, de pop e doutros xéneros universalmente populares que mamaron daquela primixenia cultura musical.

Hoxe acordeime de todo isto, cando chegou a min Ten long years, o novo disco da Bakin Blues Band. Ecos do Mississippi ao Planeta GZ. De Muddy Waters a Compostela; de Howlin Wolf a Samil e a calquera outro areal, vila, monte, cidade ou aldea da nosa terra.

A Bakin leva dez anos de andaina, percorrendo a historia máis clásica do blues: desde "I can´t be satisfied"de Muddy Waters, pasando por "Evil" de Howlin Wolf, "Don´t start me talkin" de Sonny Boy Williamson ou "Oh Red" de Rufus Perryman. Mesturando o Blues de Chicago, o Soul e o Boogie Boogie e tamén con cancións máis persoais e evocadoras de cousas máis súas.

Vinos en directo varias veces e alucinei co seu talento e con aquilo que lle chaman o oficio e que dá a experiencia de tocar e interpretar a súa música coa mesma naturalidade de quen respira. Un directo aditivo, cheo de matices e detalles técnicos en total consonancia coa mestría duns músicos de primeiro nivel.

Emanan un son cremoso,de alto empaque, cunha base sólida e uns arranxos perfectamente escollidos. Soan á vella escola e salpican de reminiscencias da antiga biblia do blues cada compás nun exercicio perfectamente medido e tisnado da intrínseca emoción.

Son,a Bakin Blues Band, unha banda galega con denominación de Orixe. Cun pé mollándose no Missisipi e o outro no Sar. Agora,con este novo disco fan balance deses dez anos de grupo, de blues e de experiencias nos seus últimos T en long years. Imprescindible de escoitar.

Coa Ukestra do Medio

  • Conta a historia que a finais do século XIX, cando os inmigrantes portugueses chegados a Hawai sacaron os seus cavaquinhos, as xentes do lugar tolearon de escoitar a prestanza que lles daba aquel son. Axiña foron dándolle o seu aquel,e do cavaquinho das cinco cordas acabaron no que eles bautizaron coma ukelele,xa con catro cordas rdas aínda que gardando moitas similitudes sónicas co seu pai portugués. E de Hawai a Tahiti,e de alí a Páscoa e así ata que a día de hoxe un xa pode comprar un ukelele na tenda da esquina coma quen compra unha leituga e uns tomates. O ukelele goza de enorme popularidade na nosa terra e moitos músicos, e tamén non músicos, confesan sentir devoción polo pequeno instrumento, pero a realidade é que poucos proxectos o empregan con peso e protagonismo no seu repertorio. E ai é cando entra en xogo a Ukestra do Medio, un grupo eclético co fillo do cavaquinho coma absoluto protagonista das súas cancións. Rock, punk, country, swing, pop, tradicional, música portuguesa, bossa e o que faga falta entran nos rexistros da Ukestra nuns directos hipnóticos que alimentan o espírito e que che fan pasar un dos mellores momentos dos que podes disfrutar diante dunha banda do país. E non esaxero, acreditade tal. Agora preséntanos Em principio: un EP con catro versións do máis dispar pero con toda a personalidade dun grupo único e absolutamente persoal. "Friday I'm in love" (The Cure), "Sembrando flores" (Los Cojolites), "Ain't no thang" (Katzenjammer) e "Pasas mía, cari?" co "Don't you want me" de The Human League e con toda a retranca da Ukestra facendo unha brincadeira que encaixa coma un pé nun zapato a medida. Em principio é un traballo que encanta pola súa singularidade e que transmite tan boas vibracións que non cansarás de darlle voltas. E se tes a ocasión de velos en directo,non os perdas: agradecerasme o consello.

Compartir el artículo

stats