Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Suso de Toro: "Escribín esta novela porque tiña ganas de volver imaxinar vidas"

Unha das noticias literarias no que vai de ano en Galicia é o regreso á narrativa de ficción de Suso de Toro con Fóra de si (Edicións Xerais): unha novela sen concesións e que xira arredor de temáticas que, como a identidade familiar, a perda e mais a culpa, xa apareceron nalgunhas das anteriores entregas do autor, sitúandose neste caso no primeiro plano dunha historia conflitiva e chea de intriga.

Suso de Toro, en Santiago. FOTO: xoán álvarez

- Referíndose á saída desta, súa, novela, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, pronunciou a palabra refundación (ou autorrefundación ) no primeiro acto de presentación de Fóra de si . Está Vde. de acordo con esta etiqueta?

-Non sei se contemplar as cousas dese xeito, se ver os meus pasos como un argumento e cun aquel un pouco dramático, ademais. Na literatura gusto de historias así, mais na miña vida de escritor..., pois non quero velo desa maneira, non lle vexo tal dimensión. Simplemente, como a tantas persoas na súa profesión, chegou un momento no que non era viábel e, para vivir dela, ou ben tería que dar pasos que me farían sentir mal comigo mesmo ou ben deixaba de facelo e cambiaba de vida. Eu fun afortunado, tiña unha profesión de recambio para vivir. Naturalmente, un fracaso é un fracaso, hai unha dose de amargura, mais no esencial sentíame a gusto comigo mesmo: escribira o que quixera escribir, dixera o que quixera dicir mentres me deixaron...Non había queixa.

-Trátase, quizais, como tamén se dixo, dunha "recuperación da fe na literatura" ou, en realidade, a Vde. o que lle pasou foi que durante este tempo de silencio simplemente "perdeu a fe en escribir ficción"?

-Realmente entendín que non só acabara o tempo para que eu existise como un autor con público, senón que tamén a literatura como institución entrara nunha crise tal que deixara de ter un lugar na sociedade e, desa maneira, perdía o seu sentido. Ademais, con Sete palabras entendín que xa escribira sobre as cousas que me importaban, que xa estaba todo feito. Porén, hai unha dimensión da literatura que é a vida persoal e iso, a que pasaron uns anos, manifestouse: seguía a pensar historias, dentro de min, seguía a ser un escritor...E fun recuperando as ganas e renovei a confianza na literatura como dadora de sentido.

- Fóra de si vén conectar con moitas das súas novelas anteriores. Nalgún intre plantexouse mudar o xeito de enfrontarse á literatura?

-Precisamente o que me gusta é escribir o que me presta e o que en cada momento me apetece probar. Agora non teño un plan concreto, escribín esta novela porque tiña ganas de volver imaxinar vidas e precisamente iso, non ter outro plan non sendo contar unha historia, faime dubidar de que sexa algo importante. Eu creo que non o é, coido que é un romance, unha novela sen máis.

-O caso é que, á súa idade, os escritores non só acadan a madurez, senón que, moitos deles, até escreben o mellor da súa obra. É optimista a este repecto? Mais alá do éxito comercial, as mellores entregas de Suso de Toro quizais comecen precisamente con Fóra de si ?

-Pois iso é, que non o sei. Non o creo tampouco. Estanme a dicir que moi ben, que encerra o mundo do autor, etc. Do mesmo modo que non teño un plan, non teño perspectiva tampouco. É un libro de ficción e xa non está mal, deféndese pola capacidade que teña para facer que o lector viva unha historia. As voltas que o lector lle dea despois á historia e ao libro, iso xa é outro conto.

-Persoalmente, a min resúltame curioso que a profesión do protagonista sexa a de neurocirurxián. Algunha razón especial para isto? Que riscos persoais de Roberto Marzoa son compartidos polo Suso de Toro actual?

-Pois non lembro de onde tirei ese atributo na súa vida. Coñezo neurocirurxiáns e teño mesmo algún amigo con tal profesión mais non é por iso, supoño que sempre me interesou como a nosa personalidade, a nosa identidade, a nosa alma reside nun lugar concreto, dentro da cabeza. Probabelmente lle puxen esa profesión porque me pareceu que era moi sofisticada ou valorada...

-Como muller, interésame unha cuestión que aparece na novela: a da crise da masculinidade. A que se refire concretamente?

-É unha historia de fracaso e crise, dun home que intentou imitar un modelo tradicional, un tipo de home macho que nos resulta moi familiar á xente dunha certa idade. Inténtao até que rebenta.

-Que lle aportou como escritor a súa última etapa como mestre no IES Rosalía de Castro de Santiago?

-Digan o que digan, son profesións completamente diferentes, e cada unha debe facerse con respecto e o mellor que se poida. O que si me veu ben personalmente foi dar aulas a un alumnado onde había unha boa parte con motivación polo estudo; é duro dar aulas a quen non quere, cousa que tamén teño vivido. Neses anos, ás veces explicaba literatura e si que percibía que falaba de literatura "desde dentro". É dicir; eu era un escritor que explicaba literatura e obras, non era un profesor ou un crítico;espero non ter sido pedante co alumnado. mais facíao desde un punto de vista particular. Mais se es un profesor, hai que ser un profesor coa humildade á que obriga a propia profesión.

-Hoxe xa son bastantes os escritores galegos que editan, case simultanemente, en galego e castelán. Sen embargo (agás Manolo Rivas e Vde. mesmo) moi poucos acadan trascedencia mediática nos medios do Estado. Definirse e autoafirmarse como escrit or "en galego" (e tamén "en vasco" ou "en catalán") ainda é unha, chamémoslle, "pesada lacra" nos medios de comunicación españois?

-É evidente que a opinión pública española recea, e mesmo ten hostilidade, a que os galegos teñamos unha lingua propia que non sexa o castelán, e as editoriais sábeno e temen as actitudes dos críticos, dos medios e o público, de modo que fan o que poden para obviar a orixe da obra en galego e mirar de sortear as antipatías previas. Iso é unha realidade na que se ten que mover a obra na edición en castelán e hai que ter en conta que se ao escritor lle interesa lexítimamente a tradución a outras linguas, dado que non temos un estado propio, os observadores doutros países atenden o mercado español castelán modelado desde o poder madrileño. Para un escritor en lingua galega, o mercado e o sistema cultura español é atravesar unha serie de obstáculos. É o que hai. A min iso xa non me preocupa, xa non vivo diso e non espero nada. A novela sae en galego e axiña saerá en castelán e catalán, e por min xa abonda.

Compartir el artículo

stats