Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURASempre en Castelao

A xeira dun construtor

FARO DA CULTURASempre en Castelao

A vella, de fociño torto e fazulas rascadas polo tempo, cruza as mans. Nos ollos agrarios garda toda a luminosidade da fotografía. Ao carón, un homiño enxoito sob as sabas mantén as pálpebras abertas para mirar a chegada da morte. Un intre retratado pola cámara de Anna Turbau, quen expuxo en Compostela parte do seu arquivo entregado ao Consello da Cultura Galega.

Esta instantánea aseméllase ao debuxo do Castelao: "Eu non quería morrer alá, sabe miña nai?". Cantos quixeron regresar como indianos de pano no pescozo, guayabera e sombreiro jipijapa mais chegaron como o pai do Migueliño, homes esfolados en terras lonxincuas.

Castelao traza a inxustiza do seu tempo con realismo e retranca. Porque é difícil xebrar o Castelao artista do Castelao político. Acaso esta é a razón do intelectual: o compromiso co pobo, o artista que intervén nos debates ideolóxicos e políticos valéndose do seu prestixio. Así se comprende dende o Manifeste des intellectuels (1898), encabezado por Zola.

Pero Castelao era Daniel. Enténdaseme: un home con nomes e apelidos. Non un deus, nin un mito, nin un superhome. Tiña virtudes, como defectos; tiña éxitos, como fracasos; tiña ideas firmes, como medos privados. Disto, e de moito máis, trata Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación, a tese de doutoramento do Miguel Anxo Seixas. Un estudo excepcional, produto da intensa atención e analítica do autor, que cobre unha lagoa biográfica sobre o guieiro inmorrente. A tese será libro divulgativo. Un exemplar que se suma a outras recentes biografías de figuras da matria (Murguía, Rosalía). Volumes necesarios para saber como no pasado se constituíu a idea de Galiza e se construíu a idea de nación.

E escribimos matria nestes días en que Álvaro Gago, cineasta vigués, vén de gañar o premio do xurado de Sundance. A súa curta, Matria, retruca a visión idealizada do matriarcado en Galiza. A peza está en galego. E de fondo, a música de Guadi Galego, "Matriarcas": "Comezan as historias con homes encumados / Rematan sempre todas con mulleres que os salvaron". Bórrense, unha vez máis, os prexuízos e tópicos. Dilúanse as teses sobre os límites da lingua nosa. Elimínense as aldraxes sobre nós.

No outono de 2018 chegará ao país galego A derradeira leición do mestre,, o cadro pendurado no Centro Galicia de Bos Aires. O lenzo, de enorme dimensión (200x136), trae unha mensaxe violenta: dous cativos chorando á beira do mestre morto. O Alexandre Bóveda, disque, a quen tamén dedicou o Sempre en Galiza.

O óleo interpela o visitante: existe a indiferencia ante a tortura e o asasinato, ante os choros inconsolables duns cativos tamén vítimas do feixismo? Nin onte, nin hoxe.

O citado cadro pintouno no exilio a partir dun debuxo incluído no álbum Galicia Mártir, que fai de cuberta de Castelao grafista. Pinturas, dibujos, estampas (Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Fundación MAPFRE e Fundación Torrente Ballester). É o catálogo da exposición que houbo en Madrid a finais de 2017, que xunta arredor de 200 pezas gráficas do rianxeiro con textos de Antón Patiño, Pilar García Negro, Miguel A. Seixas, Miguel Fernández-Cid, Inma López Silva...

Gustamos da coidada edición e da calidade na reprodución das imaxes de Castelao. Ofrécesenos unha escolma da súa obra pintada cos seus longos dedos de pianista. Autocaricaturas de mocidade, as Cousas, lenzos, carteis e álbums da guerra.

De entre todo ese legado, en nós fica a mirada perdida da muller, de terso perfil, nariz grego, que sostén no colo un madeiro, embrullado nunha touca, que aperta contra o peito como unha nai sostén un naipeliño amado. Castelao púxolle no pé: "Matáronlle un fillo" (1937).

Compartir el artículo

stats