Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sobre pasos, portos e poldras

Vaos tradicionais e cursos de auga

"Agüistas" do balneario de Mondariz nos pasos de Nota

"Cando o camiño ten que pasar unha corrente de auga ancha ou de certa profundidade, empréganse sistemas máis completos (...). Entre eles figuran as poldras ou espoldras , que son grandes pedras prismáticas, solidamente fincadas no leito do río de xeito que deixen pasar entre elas a auga". Desta forma describía Xaquín Lourenzo (1962) o que no noso idioma se coñece co nome de "pasos", "pasais", "pasadoiros", "peais", "peares" ou "poldras"; isto é, as pedras en forma de paralelepípedo que, colocadas de forma equidistante, permiten cruzar un curso de auga a pé sen mollarse.

En portugués reciben tamén o nome de "alpondras", e en castelán o de "pasaderas". Sobresalientes son as poldras ou alpondras do río Támega á altura de Chaves, que contan con case un centenar de pasos. Na parte hispana son populares as de lugares como Luciana (no río Bullaque, Ciudad Real) ou as de Pedruel (no río Alcanadre, Huesca).

Tal e como nos informa Fernández Sendín (2016), o que os ingleses denominan "stepping stones", como os medievais da Abadía de Bolton, xa eran utilizados polos romanos que vivían na cidade de Pompeia e incluso polo pobos prerromanos, como testemuñan as poldras documentadas na cidade celtíbera de Numancia.

En Galicia son moitos os exemplos de poldras que podemos atopar nos regatos e nos ríos de caudal baixo e medio: o Barbantiño, o Mao, Ulla, Verdugo, Tea, etc... Labráronse desde tempo inmemorial en granito, que se talla de forma máis ou menos basta. Estes "pasos" dispóñense a unha distancia sempre inferior a 1 m, de aí o seu nome, que describe o intervalo que hai entre os pés ao camiñar. En ocasións as caras das poldras situadas augas arriba aparecen labradas en forma de tallamar - ou sitúan unha pedra de menor tamaño para que faga esa función - para favorecer o fluír da auga. Augas abaixo é frecuente que dispoñan dun amparo ou contraforte en forma de pedras inclinadas de menor tamaño. O seu obxectivo é garantir o seu equilibrio e verticalidade, sempre ameazada polas cheas invernais.

En non poucas ocasións á beira dos pasos ou poldras construíronse o que Xaquín Lourenzo (1962) e Begoña Bas (1980) denominan "portos". "... Os portos fanse nos ríos de pouca fondura e consisten en enlastrar o fondo para que os animais e o carro non afonden na area ou na lama...". No río Tea destaca o "porto" que se construíu en paralelo aos Pasos de Lourido, na parroquia de Barcia de Mera (Covelo), ou os de Portasouto (Ponte Caldelas), no río Verdugo.

Aguirre del Río no seu Diccionario del dialecto gallego (1858) foi o primeiro filólogo en recoller esta acepción de "poldra" como pasadoiro, e teremos que agardar ao Vocabulario de Leiras Pulpeiro (1906) para atopalo como sinónimo de "paso".

Na literatura galega os pasos, poldras e pasais teñen certa presenza. A primeira referencia atopámola en 1926 nun traballo publicado por Vicente Risco no Boletín Nós a propósito dun artigo titulado "Do demo na tradición popular galega": "...Unha criada tiña que carretar moita auga , e tiña que pasar por unhas poldras moi longas , e isto magoabaa , e dixo que se tivera quen lle fixera unha ponte , faríalle escritura do máis sublime que tivera , por exemplo a alma...".

Tamén Méndez Ferrín (1991) cita estas pezas prismáticas en Arraianos, Carlos Casares (1987) en Os mortos daquel verán, Daniel Pino (2001) en No leme das lembranzas, ou Anxo Angueira (2002) en Terra de Iria.

Non é casualidade que estes autores utilicen a voz "poldra", xa que esta verba está amplamente representada na toponimia do sur do país, segundo o Proxecto Toponimia de Galicia. No concello de Bande (Baixa Limia) documentouse o topónimo O Poldrado, conxunto de poldras. Pasal é un topónimo máis frecuente na franxa atlántica, de Vigo a Arteixo, aínda que tamén está presente nos concellos ourensáns de Muíños e Lobios. Pola súa parte, a voz "paso" aparece estendida de maneira uniforme por toda a xeografía galega, se ben hai que ter en conta que en galego "paso" é calquera espazo xeográfico por onde se pode pasar para ir dun lugar a outro.

Traballo e ocio

  • Os nosos pasos, poldras e pasais naceron como vaos para a xente: para ir á feira, para ir moer ao muíño, para levar a vaca ao boi ou para ir ao serradoiro da outra banda do río. Pero nos lugares próximos ás vilas e aos establecementos balnearios que naceron en Galicia a finais do século XIX, caso de Mondariz (O Condado), as poldras foron tamén un lugar predilecto para a fotografía social. Así o proban os retratos que Feliciano Pardo Ferrer e as súas fillas tomaban dos "agüistas" nos pasos de Nota e Portavilar, ambos próximos á Fonte de Troncoso e á Granxa de Sanmil (Pías) respectivamente. Don Feliciano, que tivo un estudio de fotografía en pleno Paseo de Troncoso (Paredes Pardo, 2011), retratou sobre poldras en moitas ocasións a mulleres e homes de boa posición social, ben vestidos, ociosos e, aparentemente, saudables. Dicimos en aparencia porque naquela altura os enfermos de diabetes - caso da escritora Pardo Bazán, por exemplo - acudían masivamente aos balnearios de Galicia para beberen auga mineral en busca de remedio, aínda que a cura non chegaría ata o descubrimento da insulina en 1922.

Compartir el artículo

stats