Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dunha novela coral

A intensidade detrás do teléfono

Dunha novela coral

As horas que pasamos penduradas do teléfono, as confesións que facemos por el e os detalles da vida cotiá que se escapan e se revelan a través deste aparello son o punto de partida de Deixe a súa mensa xe despois do sinal, a segunda novela de Arantza Portabales Santomé logo de publicar, tamén na editorial Galaxia, Sobrevivindo (2015, Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia). Ademais do protagonismo feminino, hai un elemento que cingue indubidablemente aos dous textos: a estruturación en escenas curtas e intensas (mesmo demasiado), que propician que o lectorado precise seguir lendo porque por veces ten a sensación de que camiña polo gume da historia e, que se se detén nela, corre o risco de caer. Neste caso, o leiv-motiv das chamadas propicia de novo ese ritmo trepidante, que amosa sen dúbida a experiencia delongada como microrrelatista da autora.

Un dos grandes acertos da obra é a súa construción coma unha novela coral, na que coñecemos a diferentes e interesantes mulleres -quizais porque, na súa "normalidade", a lectora sabe que podería ser calquera delas: Sara, a filla de familia burguesa que estivo a piques de suicidarse (ou non) e que chama a un psicólogo co que ten unha peculiar relación; Marina, a avogada matrimonialista que non supera a súa propia ruptura e que fala co contestador do seu "ex" sumida nunha sorte de depresión; Viviana, a prostituta que lle conta ao pai ausente a súa vida cotiá, mais que tamén lle desvela momentos do pasado que el descoñecía; e Carmela, a viúva que non lle quere contar ao fillo -médico cooperante- que padece un grave cancro e que lle vai deixando mensaxes no teléfono da súa casa -para que escoite logo da súa morte. As protagonistas falan, ás veces, sabendo que non as van escoitar, mais ese dicir, ese contar con voz e con axencia propia, convértese nunha especie de terapia para todas elas, nun axuste de contas co seu pasado mais, sobre todo, co seu presente. Cada un dos seus breves monólogos é unha oportunidade de explicarse para elas e unha oportunidade de coñecer os seus recunchos para o público lector, porque se algo controla a autora é a habilidade para aguilloar o interior dunhas personaxes que sentimos vivas e intensas, por veces desbordantes, pola súa complexidade cotiá. Ese tirar do fío das súas vidas agocha as máis variadas sorpresas, pero sobre todo garda a idea de que elas mesmas, con esas conversas -as que serán escoitadas por alguén e as que nunca o farán- se están desvelando para o outro, o que agarda -ou non- do outro lado.

A novela acaba por poder lerse de dous xeitos: linealmente, tal e como se nos presenta na edición; ou por personaxes -o que resultaría bastante doado grazas ao índice final-, de maneira que poidamos descubrir as vivencias das catro personaxes de corrido. Recoméndolles a primeira opción, porque lles permitirá comprobar como as vidas das protagonistas se mesturan sutilmente, case sen nos decatar. Ademais, resultará máis doado que acaben enganchadas e enganchados a un texto que é unha dos achados do 2017 literario que vimos de pechar (que non foi, segundo o meu parecer, especialmente xeneroso para a narrativa galega dirixida a público adulto). Mais este Deixe a súa mensaxe despois do sinal resulta fresco, por veces irreverente, ás veces mesmo pouco convencional, está moi habilmente construído, e, enriba, permítenos escoitar a catro mulleres que teñen moito que contar.

PORTABALES SANTOMÉ, A., Deixe a súa mensaxe despois do sinal, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, PVP. 18, 55 ?

Compartir el artículo

stats