Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A torre parlante de Ângela Ferreira

Unha mostra no espazo DIDAC

Un aspecto da mostra da artista mozambicana Ángela Ferreira nas instalacións do DIDAC/DARDO (Santiago de Compostela).

O DIDAC presenta en Santiago de Compostela a instalación de Ângela Ferreira (Maputo, Mozambique, 1958) Talk Tower for Ingrid Jonker (2012) composta por unha torre, unha fotografía e un conxunto de debuxos por medio dos que a artista, que medrou e estudou na Sudáfrica do apartheid, homenaxea a poeta Ingrid Jonker (1933-1965), activa loitadora polas liberdades no seu país. O traballo parte dunha actitude reflexiva ligada á denuncia da violencia e a defensa das liberdades diseccionando os mecanismos de opresión do poder.

Esta denuncia da violencia faise inserindo unha estrutura -a torre- que alude directamente á forma construtivista da torre deseñada por Alexander Shukhov e construída perto de Moscova en 1920, cun altofalante que reproduce o poema "Die Kind" ("O meniño") de Ingrid Jonker recitado por Nelson Mandela en maio de 1994 na inauguración do primeiro parlamento democrático da República de Sudáfrica. O texto era una alegato contra a opresión racista tendo como tema a morte dun cativo nunha protesta reprimida a tiros.

A utilización dunha referencia da arquitectura vangardista -a torre construtivista- é unha cita que levada ao contexto africano reforza a idea de estrañamento que liga certos aspectos da modernidade á opresión colonial e racista ao ser vista por boa parte da poboación a arquitectura do movemento moderno como representación da imposición da hexemonía branca.

O traballo de Ângela Ferreira é moi autorreflexivo e entende a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto político-cultural, incidindo na maneira en como as formas mudan ao seren transportadas a contextos diferentes. Para ese propósito, en Talk Tower for Ingrid Jonker a artista segue estratexias de produción artística que mesturan fotografía, son, debuxos e instalación entendéndo o conxunto como unha serie prácticas que posibilitan pór en cuestión os diferentes ámbitos de ligazón co espazo concreto, apostando pola análise do impacto de contextos políticos opresivos e ditatoriais. Na obra de Ferreira a expresión do efecto do colonialismo e poscolonialismo é froito dunha actitude reflexiva en que o importante é patentizar a vontade de liberdade fronte á violencia do poder, diseccionando os seus mecanismos de opresión. Esta denuncia da violencia faise inserindo diferentes xogos de relación alterados con ironía e sentido crítico.

O traballo de Ângela Ferreira parte no esencial dunha dialéctica entre o espazo, obxecto e texto (voz), complementándose cunha importancia relevante dada á acción e ao aspecto procesual da obra, ben representado na peza e fotografía da mostra, con ese fluxo entre o interior -en que está en cuestión é a mensaxe e a compoñente emocional- e exterior -en que se subliña o que está exposto ao público-. A torre estaba pensada inicialmente para ser situada no lugar onde a poeta Ingrid Jonken penetrou no mar no seu suicidio e a fotografía da costa coa Cidade do Cabo permite enxergar o cárcere de Robben Island onde estivo prisioneiro Nelson Mandela.

Toda a instalación pode ser entendida na dupla concepción de soporte e resorte para a reflexión. Estamos, pois, perante un traballo que permite estabelecer unha tensión da que vai nacer a lectura simbólica e crítica.

Título: Talk Tower for Ingrid Jonker

Artista: Ângela Ferreira

Local: DIDAC. r/ Pérez Constanti 12, Santiago de Compostela

Até o 10 de decembro de 2017

De extrema actualidade

  • A creadora sitúanos fronte a un tipo de traballo que parte dunha idea de análise da realidade social e que incide en análises de extrema actualidade, no formal e no temático. Unha obra que mestura o pulo vital e a realidade opresiva, o visceral e o conceptual, obviamente coa denuncia modelos coloniais a partir dunha investigación profunda, todo realizado cunha potencia plástica que funciona como resorte en primeiro termo para logo favorecer unha actitude reflexiva. Deste xeito a artista afronta o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con fórmulas de intenso contido vivencial que funcionan como liberadores e enriquecedores, como pulo para se mergullar na comprensión e na interpretación do seu mundo e do seu tempo, producíndose unha interrealación de logros formais e desenvolvemento temático. Mais en medio dese desacougo e desa análise, a tradición da modernidade aparece como explícito territorio para a indagación sobre a pasado e o presente. Coas súas ligazóns a artista activa un particular ritual intimo que é reforzado polo contacto directo co documento, instrumento que libera o traballo da súa reclusión ao rachar os límites dos discurso ideolóxicos máis convencionais, sendo este o seu xeito de engulir e dixerir os discursos tópicos sobre a política e sobre a experiencia vital, expulsándoos, para así facer xurdir unha nova realidade, que poida ser fermento de novas formas de creatividade.

Compartir el artículo

stats