Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Castelao e a publicidade

Un cartel para o xornal Galicia

Imaxe do artista (1886-1950).

O Museo de Pontevedra, que custodia boa parte do obra artística de Castelao, vén de recibir a doazón do cartel realizado polo artista, escritor e político rianxeiro para anunciar o xornal Galicia. Diario de Vigo que saíu á rúa o 25 de xullo de 1922. O cartel, que gardara o polifacético artista e galeguista Xosé Sesto, foi doado polo seu fillo Farruco Sesto Novás, poeta en galego, arquitecto e político venezolano.

A importancia da doazón vese acrecentada polo feito de o cartel ser coñecido por fotografía -publicada por Valentín Paz-Andrade na súa biografía de Castelao- pois non se tiña constancia de que se conservar ningún exemplar deste reclamo publicitario do xornal, unha publicación que fecharía en 1926, logo de padecer durante tres anos as presións e a censura da Ditadura de Primo de Rivera.

Para este periódico Castelao deseñaría a cabeceira e colaboraría na primeira páxina de cada día cos seus debuxos político-sociais, que amosaría so diferentes denominacións, até que finalmente se xeneralizaría a de Cousas da Vida. Mesmo publicaría nel algúns dos seus célebres relatos.

A publicidade realizada por Castelao para o rotativo vigués representa unha muller con catro ollos que coa man dá o alto ao potencial espectador, interpelándoo de fronte. A orixe deste singular deseño procede dun debuxo realizado por Castelao no seu Diario de 1921.

Como é ben coñecido o rianxeiro elaborou un diario durante a súa viaxe a Francia, Bélxica e Alemaña ao longo do ano 1921, froito dunha pensión concedida pola "Junta de Ampliación de Estudios" para estudar, sobre todo, distintas técnicas de gravado.

Cando estaba a finalizar a estadía en París, o 20 de xuño, visita unha exposición de artistas rusos ligada aos famosos "Ballets rusos" que dirixía Serguei Diaghilev (1872-1929). Castelao deixa constancia da fascinación que lle provoca o que pode ver na mostra e realiza unha serie de reflexións xenéricas sobre o que olla, engaiolado polo pouso primitivista e popular que detecta nos artistas e salientando a riqueza cromatica, o ritmo e a capacidade creativa. A fonda pegada do que alí ve vai ser duradoira na obra do noso artista e chagará á concepción estética, aos deseños e figurinos da súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse.

Volvendo ao visto por Castelao na mostra de 1921, entre os mellores artistas cita a Natalia Goncharova (1881-1962) -unha das máis sinaladas pintoras da vangarda rusa-, percibindo nela "unha fantasía verdadeiramente intresante. Un dos cadros é un traxe teatral pra Liturgie: un anxo con roupas douradas e con catro ollos na cara; non se pode ollar iste dibuxo por medo a perdela testa".

Do comentario de Castelao, dedúcese que se trata dun figurino para o ballet Liturgie realizado entre 1914 e 1915 para un espectáculo do mesmo título nunca estreado. A obra de Goncharova consérvase actualmente nunha colección inglesa. No mesmo diario Castelao debuxa unha muller con catro ollos, aínda que non é unha copia do deseño de Natalia Goncharova, limitándose a sintetizar a idea por medio dunha face moi esquemática que semella unha carauta, ríxida como a dun sartego exipcio. O que é evidente é que este debuxo do diario esta na orixe do cartel publicitario para o xornal vigués Galicia. Arte popular, primitivismo e expresionismo son, xa que logo, detectábeis, quer no debuxo de 1921, quer no cartel publicitario do xornal.

Influxo expresionista

  • Sen que desapareza a linealidade e mais o tratamento de superficies de influxo modernista e referentes simbolistas, a recepción deste primitivismo e do expresionismo de corte centroeuropeo percíbese en moitos dos debuxos do diario, o mesmo que podemos enxergar noutras obras desta altura como un conxunto de pequenas pinturas sobre cartolina: Dous homes; Muller nun bar; Parella falando; Parella nun bar e Home con pipa (1921, Museo de Pontevedra). Estas obras, non moi afastadas do debuxo inspirado en Goncharova, de tamaño reducido, reproducen situacións da vida cotiá captadas en cafés berlineses tal como o facían os pintores de entreguerras en Centroeuropa. Son traballos de claro influxo expresionista, cunha simplicidade que nos permite achegarnos a intres en que homes e mulleres testemuñan a experiencia da vida da cidade moderna. A influencia do visto en exposicións como a sinalada e do cartel expresionista, que Castelao contempla pouco despois en Múnic e Berlín, fai que o artista presente estas figuras case sen espazo pictórico, plasmadas en trazos grosos e con colorido mesto, sendo, sen dúbida, as creacións en que se achega máis a unha dicción marcadamente innovadora. Esta pegada do expresionismo xermánico e da arte rusa vai ser intensa e é a que deixará a súa impresión na súa produción gráfica e nos seus deseños, véxase, por exemplo as ilustración do seu libro Un ollo de vidro (1922) ou, por suposto, o Cartel publicitario para o xornal Galicia agora felizmente recuperado para o patrimonio cultural do noso país.

Compartir el artículo

stats