Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As xoias do río Grande

Batáns e muiños de Mosquetín (Vimianzo)

Entorno de Mosquetín (Vimianzo).

Desde os fértiles vales do río Grande ata os abruptos cantís do litoral atlántico, esténdese a Terra de Soneira, comarca formada polos municipios de Caramiñas, Vimianzo e Zas. Este territorio forma parte da Rede Natura 2000 e foi designado Zona de Especial Protección de Aves por ser refuxio de especies en perigo de extinción como o corvo mariño moñudo ou a gaivota tridáctila. Á súa natureza suma a moita historia, plasmada en dólmens como o de Pedra de Arca e Pedra Cuberta, en Vimianzo. O seu legado secular engloba a etnografía, con auténticas xoias como os batáns e muíños de Mosquetín, tamén no concello de Vimianzo, un conxunto construído no século XVIII que conta cun Centro de Interpretación.

Os enxeños hidráulicos aproveitan a forza da auga para moer o trigo e o millo e para golpear a lá. Sábese que a mediados do século XVIII xa estaban en pé, debido a que aparecen mencionados no Catastro de Ensenada (1753). Nos anos 80, este conxunto de Vimianzo atopábase en estado ruinoso ata que a Deputación da Coruña decidiu adquirilos, e no ano 1997 emprendeu unha restauración dos edificios e do contorno. Actualmente os muíños e batáns son visitables e é posible ver o seu funcionamento. Viviron unha época de esplendor que alcanzou a década dos 60 do século pasado. A construción dunha piscifactoría na zona minguou o caudal que alimentaba os rodicios, e a aparición dos muíños eléctricos acelerou o seu paulatino desuso e abandono.

Abatanar os tecidos consistía en reducir o volume das pezas de liño e lá (máis frecuente) para ser máis tupidas. Os batáns funcionaban pola forza da auga corrente do río Grande, que facía mover unha roda hidráulica que, á súa vez, activaba os mazos que golpeaban as teas durante longo tempo para apertar a súa trama e compactalas. Facíase especialmente coas mantas de lá que, tras saír do tear, tiñan consistencia frouxa e era fácil que se esfiañasen. A corrente do río chegaba das canles ao interior da construción, facía mover o rodicio e dúas pas golpeaban alternativamente o tecido. O proceso adoitaba ser longo e podía durar máis dun día. Era frecuente abatanar no inverno, cando a canle do río Grande era suficiente para mover as rodas de todos os enxeños. No estío ou en épocas de máis seca, a forza da auga aproveitábase para moer o gran.

Entre a frondosa vexetación da contorna atópanse sete muíños fariñeiros. O conxunto etnográfico do Mosquetín disponse en dúas grandes edificacións rectangulares que albergan muiños e batáns. Arriba están os tres batáns e tres muíños. Abaixo catro, e todos e cada un cun nome segundo o produto que moían: catro eran os negreiros para o millo; dous albeiros para o trigo e outro para o relón de trigo, a cascarilla resultante despois de peneirar o cereal.

O libro O conxunto etnográfico dos batáns e muiños do Mosquetín na Terra de Soneira de Xosé María Lema Suárez e Roberto Mouzo Lavandeira, editado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Vimianzo, 2008), fai un completo percorrido pola historia destas construcións, non só deste coñecido conxunto vimiancés, tamén doutros batáns galegos e doutras zonas como Asturias, Cantabria, Salamanca ou León, entre outras. Mesmo se citan unhas interesantes referencias literarias presentes en obras tan distantes como O Quixote ou Os piares da terra de Ken Follet.

Na publicación explícase o funcionamento dos mecanismos e como se utilizaban, xa que en Galicia apenas quedan batáns. A obra inclúe a explicación directa da bataneira Estrella Lema, quen lembra que chegaba mesmo xente de Noia para abatanar as mantas de lá. A muller recorda mesmo canto custaba o servizo ou en que época do ano se realizaba o traballo. Do libro destacan tamén as imaxes, con fotos ilustrativas do proceso de restauración do conxunto.

Pegadas da historia

  • Vimianzo aparece co seu impoñente castelo dominando o val nunha zona monumental chea de historia. A fortaleza é na actualidade o escenario dunha exposición de artesanía e dun centro de interpretación. Construída a finais do século XII ou principios do XIII, está rodeada dun foxo e dunha magnífica torre da homenaxe que conserva as almeas de punta de diamante, así como o paseo de rolda dun dos seus muros. Desde 1994, o que foi poderoso castelo dos Moscoso ofrece a Mostra de Artesanía en Vivo, na que os visitantes poden ver de primeira man os procesos de elaboración dos produtos tradicionais da comarca. Encaixes, ourivaría, marquetería, coiro, olería, cestería ou cantería son algunhas das manualidades que poden verse nesta mostra na que o público se atopa con diversos paneis explicativos que van describindo cada un dos oficios que presentan. Ademais de artesanía, dispón dun centro de interpretación da historia e da arquitectura do propio castelo, á parte dun punto de información turística no que se propoñen varios itinerarios de visita pola zona. No centro urbano atópase o pazo de Trasariz, levantado polo fidalgo Antonio de Caamaño e Quintana no século XVII, que destaca con fermosas arcadas e columnas. Outra edificación de importancia neste concello é o pazo de Trasouteiro, cunha interesante capela dedicada a nosa Señora da Concepción.

Compartir el artículo

stats