Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

50 anos de Sargeant Peppers

Celebrando un disco histórico

Portada da edición orixinal de Sargeant Peppers (1967).

Nunhas declaracions feitas moitos anos despois da publicación de S argeant Peppers Lonely Hearts Club Band, o produtor de The Beatles, George Martin, confesaba que o grande erro do seu labor como responsable da edición dos discos do cuarteto de Liverpool fora non incluír no disco orixinal os temas "Penny Lane" e "Strawberry fields forever", inicialmente compostos por John Lenon e Paul McCartney para aquela gravación. As dúas cancions referidas foron as caras A e B dun disco que, por primeira vez en moito tempo. non acadou o número un das listas de vendas, o que fixo dubidar a todos arredor da viabilidade do cobizoso proxecto que supoñía o Sargeant Peppers, no que traballaban dende novembro de 1966: un álbum que plantexaba por primeira vez na música pop-rock unha obra operística na que todos os temas estaban relacionados, sen interrupcions, xa que a última nota de cada un deles ligaba coa primeira do seguinte. Un formato conceptual que xa tiñan experimentado os Beach Boys, un grupo da costa oeste dos Estados Unidos liderado por Brian Wilson, pouco coñecido daquela en Europa, co seu álbum Pet Sounds.

Aquel erro palíase agora na edición conmemorativa do cincuentenario da publicación do disco (editouse en xuño de 1967), estrela dunha serie de iniciativas que veñen facéndose sobre o evento. Trátase dun dobre CD que inclúe o álbum orixinal remasteurizado e outro con tomas diferentes (moitas instrumentais) de todos os temas. Hai tamén anacos de ensaios, conversas, comentarios sobre achados sonoros, críticas, bromas? A comparación entre as tomas previas dalgunhas cancións co resultado final das versións definitivas proporciona elementos para valorar na súa medida os arranxos de George Martin e mais a instrumentalización engadida. O fillo de Martin, Giles Martin, é o responsable da produción desta entrega conmemorativa que corrixe aquel erro confesado polo seu pai. De todos os xeitos, este segundo álbum é un disco con pouco interese, agás para os beatlemaníacos.Unha edición aínda non publicada aquí, Super De Luxe Edition, inclúe, da súa parte, seis discos, un DVD co documental The Making of Sgt. Peppers, que permanecía inédito dende a súa realización en 1992, un libro de tapa dura de 144 páxinas e un vinilo coa grabación orixinal en mono dos temas de Sgt. Peppers.

No prólogo do libro, que a edición española do disco recolle resumido, Paul McCartney explica a orixe do nome do álbum, como lle veu a idea de inventar unha banda ficticia que fora coma un alter ego dos proprios Beatles e os primeiros contactos do grupo co artista pop Peter Blake e coa súa dona, Jann Haworth, para deseñar a famosa portada, un collage no que figuran artistas de cine, filósofos, escritores, poetas, deportistas? nunha mistura heteróclita de representantes de todas as culturas na que se aliñan xunto aos fab four unha serie de iconas que protagonizaron unha boa parte da cultura dos seculos XIX e XX, na que coinciden Karl Marx con Marilyn Monroe, o músico e compositor Stockhausen co boxeador Sonny Liston, Oscar Wilde co "Tarzán" Johnny Weismuller, Marlon Brando con Albert Eistein?

No mesmo libro, con fotografías das que puideron ter sido portadas alternativas, Giles Martin escribe que este disco, gravado hai cinco décadas, non se pode calificar de música contemporánea porque, en realidade, se sitúa fóra do tempo. Nesas páxinas faise un percorrido pola xénese e o desenrolo do álbum e explícanse as características técnicas das gravacions de cada un dos temas. E, por suposto, como no orixinal, inclúense tamén as letras das cancións, engadidas as de "Penny Lane" e "Strawberry Fields Forever".

Un documental conmemorativo

  • A outra gran produción relacionada co evento é o documental de Alan G. Parker It Was Fifty Years Ago. The Beatles: Sgt Peppers & Beyond, sobre a xestación e a gravación do mítico disco e mais as orixes do grupo, cun percorrido pola súa historia. Inclúense entrevistas recentes coa irmán de John Lennon e con Pete Best, o batería a quen sustituíu Ringo Starr antes de seren famosos; con Hunter Davies, o biógrafo oficial do grupo, xunto con vellas gravacions de arquivo dos membros do grupo e testemuñas de xente que viviu de perto a sua meteórica carreira. Tratase dun documental clásico, feito coas técnicas das grandes reportaxes informativas, que non chega a acadar unha calidade suficiente para unha conmemoración da importancia que se lle quere dar a este cincuentenario. Fálase nel de moitos acontecementos moi coñecidos, insístese sobre as personalidades de cada beatle sen aportar nada novo senón apenas as testemuñas dos entrevistados, moitas delas moi repetidas noutras ocasións.

Compartir el artículo

stats