Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Suspense, curiosidade, sorpresa

Stephen King na gran pantalla

Stephen King.

Hai veces que certos datos revelan unha información que amosa un contexto revelador: a obra de Stephen King, entre cine e televisión, conta con máis de setenta adaptacións. Unha cifra incostetable que dá noticia da pegada do escritor estadounidense no universo narrativo contemporáneo. Alén das disquisicións sobre o fulgor do estilo literario de King, deberiamos, e esa é a tarefa que con humildade pretendo plasmar neste artigo, analizar que aspectos da súa escrita logran fascinar a millóns de lectores e mais á industria audiovisual.

Vaiamos por partes. En narrativa, sobre todo cando falamos de relatos de intriga ou terror, existen tres mecanismos indiscutibles para apresar a atención dun lector ou espectador: suspense, curiosidade e sorpresa. Como se manifestan estes mecanismos? O relato clásico baséase na causalidade dos acontecementos: a un acontecemento A séguelle un acontecemento B e a este un C; é dicir, hai unha vinculación de causa e efecto, os efectos causan á súa vez outros efectos ata chegar ao efecto final. Poñamos un exemplo: un oficinista chega ao seu posto de traballo e escoita, de boca dos seus compañeiros, que a empresa está pasando problemas económicos e que se agardan despidos (A). A continuación, unha secretaria comunícalle que debe presentarse con urxencia en recursos humanos (B). Ao chegar ao devandito departamento, recibe a nova de que é despedido (C). Obsérvase claramente a causalidade entre A, B e C. Simultaneamente á narración, mediante unha estrutura mental, os lectores procuran inferir os sucesivos efectos; isto é, buscan anticiparse ao próximo acontecemento a partir das expectativas que despertan as causas. Na capacidade de xogar con esa estrutura mental do lector radica boa parte do éxito dunha historia. Imaxinemos que o protagonista do relato, ao chegar ao departamento de recursos humanos, atopa o máximo responsable quen lle solicíta as chaves do seu piso para levar a súa amante esa noite ( O apartmento, Billy Wilder); entón, estaríamos ante a sorpresa, debido a que poucas estruturas mentais agardaban que C se plasmase nun acontecemento así. Polo tanto, e aquí temos o primeiro mecanismo, a sorpresa consiste en crear unha expectativa que logo será contrariada. Porén, se despois da expectativa o autor decide retardar a súa resolución -presentamos A e B, e retardamos C- estariamos ante un exemplo de suspense: cando recibe o aviso de que se presente en recursos humanos, intercálanse as miradas de compaixón dos seus compañeiros, unha voz mental que fala da súa hipoteca, etc. E, por último, chegamos así ao terceiro mecanismo mencionado: a curiosidade. En que consiste? Pois en presentar C e ocultar A e B, amosar o efecto e esconder as causas. É aquí onde atopamos o valor narrativo de Stephen King. Os exemplos son múltiples, pero se botamos man do argumento de A cúpula ( Under the Dome), adaptada á televisión, veremos como o escritor fai uso da curiosidade: unha pequena localidade é illada repentinamente ao mundo exterior por unha barreira invisible. A pretensión do espectador non reside en saber que vai suceder a continuación (efectos), senón en descubrir que motivou ese illamento (causas), e se o acontecemento que se presenta como C é impactante ou desconcertante, o feitizo da historia será maior.

Obviamente, neste tipo de relatos a utilización destes tres mecanismos non son excluíntes, senón que se combinan con maior ou menor dose. De feito, un dos problemas da curiosidade consiste en non ofrecer un final tan sorprendente como o principio -os seguidores de Lost saberán de que estou a falar- mentres que o suspense non depende dunha resolución impactante, porque, como dicía Alfred Hitchcock, o máis terrorífico dun disparo non é o seu son, senón os momentos previos a dito son.

A realidade dos monstros

  • Nos tempos de incerteza que estamos a vivir -sociais, políticos e incluso medio ambientais-, a obra de Stephen King semella recobrar, se algunha vez o perdeu, o interese do mundo audiovisual. Este ano foi especialmente frutífero grazas ás estreas de A torre escura (T he Dark Tower, Nicolaj Arcel), unha segunda adaptación de It (Andrés Muschieti), que dá o relevo á versión televisiva de Tommy Lee Wallace do ano 1990, e, xa para a televisión, a serie The Mist creada por Christian Torpe, e que estende en dez capítulos a historia que Franco Darabont xa convertera en longametraxe en 2007. Desde que Brian de Palma filmara en 1976 Carrie, o mundo ficcional do escritor nado en Portland nunca deixou de abastar a grande e pequena pantalla. No centro de gravidade do seu universo atopamos sempre o medo, pero non tanto como causa final do relato, senón máis ben como desencadeante dunha serie de reaccións humanas, as cales, moitas veces, chegan a inspirar máis terror que o efecto que motiva a reacción. Deste xeito, King plasma a frase que pronunciou en certa ocasión, segundo a cal os monstros e as pantasmas son reais, viven dentro de nós e moitas veces nos gañan.

Compartir el artículo

stats