Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha ben pensada desorde

Andrés Magán e os seus Fragmentos seleccionados

Un momento da novela gráfica Fragmentos seleccionados.

Ás veces podo ser un pouco antiparabólica, descubro as cousas tarde. Non sempre é necesariamente malo; de feito, pode ser como atoparse cinco euros inesperados no peto. Vaia, que está moi ben.

O meu último gran caso de antiparabolismo é (foi?) Andrés Magán. Hai un par de meses descubrín Fragmentos Seleccionados, novela gráfica publicada por Apa Apa Cómics en abril deste ano. (Por certo, Apa Apa é unha editorial independente catalá cun catálogo xenial. Queda dito). Como case toda a xente, compro polos ollos. Antes de deixarme hipnotizar pola viveza das cores do interior, a presenza/ausencia da cuberta conquistoume un pouco. A secuencia da contracuberta, estraña pero exacta, a modo de sinopse? (sen dúbida, é unha boa mostra do que nos imos atopar) clausurou o cortexo. Non vou mentir, a obra custoume. Podía gozar enormemente das composicións e o uso da cor, as formas, a reiteración gráfica e intuía un pracer narrativo que non acababa de revelarse. Pero, ah, o pracer estaba aí.

Tentarei ser máis concreta, na medida na que a propia novela o permita. Fragmentos seleccionados está composta por unha serie de historias ou, mellor dito, escenas dunha historia ou historias interconectadas. Esta conexión ás veces é moi clara, mesmo explícita graficamente; noutras ocasións, a sutileza raia a inexistencia. Non parece que exista unha orde lóxica concreta aínda que o conxunto transmite unha sensación de desorde ben pensada. Magán explora e mestura varios temas a nivel formal e de contido: relacións interpersoais, percepción do outro, proxección dun mesmo, proceso creativo, exposición, soidade, degradación, morte. Todo isto como metido nunha lavadora, onde podes percibir as cores e mesmo as formas das pezas sen velas nunca claramente. Chaman a atención os escenarios que rodean ou conteñen a acción, cun peso semellante ao dos personaxes, e o coqueteo coa abstracción, cun contraste extremo de cores que, lonxe de xerar estridencias, transmiten tranquilidade e case un sentimento (alleo?) de nostalxia. E, entre toda esta ambigüidade, o fascinante é a naturalidade, case facilidade, con que aparenta contar as cousas Magán. Coa repetición como recurso máis utilizado, a súa capacidade narrativa e habilidade secuencial é notable; especialmente, se temos en conta que se trata do seu primeiro cómic longo. Como moitas veces resultan máis cómodas as analoxías á hora de aproximarse a unha nova obra, escollerei a dous autores que o propio Magán menciona como inspiracións que creo poderían dar unha idea (tanxencial) de que atopar en Fragmentos seleccionados: Franz Kafka e Chris Ware. Case nada.

O resaibo foi insuficiente e era necesario saber máis. Uns datos xenerais: Andrés Magán nace en Vigo en 1989 e estuda Belas Artes moitos anos despois. É debuxante, deseñador e, oh, músico. Neste último campo aglutina as facetas anteriores, deseñando portadas para discos, carteis para concertos? Tamén é cofundador, xunto con Begoña García-Alén, e editor en Noche Líquida (parece que estamos ante unha nova etapa de artistas do Renacemento). A súa obra foi exposta en Vigo, Madrid, Barcelona, Nova York e Portland.

Esculcando un pouco máis, atopámonos ante un fanzinero. Coeditou Firecream con outros artistas durante algúns anos. Colaborou co magazine ?! da editorial letona ku?!, cunha liña vangardista e experimental (ollo, está a preparar outro cómic longo con eles). Tamén publicou algunha historia curta con Edicións Valentes e, xa en 2014, aparece na editorial Fosfatina, Griza Zono, corenta e oito páxinas de relatos (que nos prometen delirantes) que aínda non lin pero que xa quero ler. Coido que no son a única que queda con ganas.

Noche Líquida

  • Noche Líquida é un pequeno proxecto editorial vigués fundado por Andrés Magán e Begoña García-Alén, con quen tamén comparte espazo editorial desde o outro lado (os publicados) en Fosfatina e Apa Apa Cómics. Nace como opción para a autoedición (vaia, para publicar os seus propios traballos) aínda que coa intención e determinación de publicar pequenas obras de artistas de varios ámbitos, non soamente gráficos, que non atopan espazo noutras líneas editoriais. Con iso pretenden crear unha visión máis diversa e que ofreza unha perspectiva real do panorama actual e axudar a dar visibilidade ao traballo de cada un destes artistas. Están especialmente interesados no proceso de creación así como nas diferentes formas de expresión creativa que pode ter un artista máis aló do seu "campo habitual". Como Andrés explica a modo de exemplo: "Un músico ás veces só ten a opción de ensinar a súa música, pero queremos mostrar que hai máis aló, como chegan a crear a música ou que outros medios de expresión utilizan ademáis dela". Aínda que se trata dun proxecto cunha magnitude inicial reducida, os seus creadores madúrano sen présa e con mimo, polo que haberá que ser pacientes e manterse vixiantes. Polo momento, o máis inminente é a publicación dun libro chamado Nueva mística de Vigo, froito da colaboración da propia Begoña García-Alén e Juan Fernández Navazas, cantante do grupo pontevedrés Cuchillo de Fuego.

Compartir el artículo

stats