Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAPostcensura: perigo nas Redes

"Verdades" da intolerancia e libre exprexión

O escritor e xornalista Juan Soto Ivars. // Ismael Llopis

A extensión dos foros dixitais (Facebook, Twitter, Instagram) está a construír unha verdade paralela á da realidade. Esta, a pouco que reflexionemos, nunca é branca ou negra. Precisamente no matiz, nos múltiples e diversos matices, é onde radica ese arco da vella que é a liberdade. Juan Soto Ivars, en Arden las redes (Debate), ven de coller o touro polos cornos para denunciar a ditadura das falsas verdades que condicionan a opinión colectiva. Unhas falsas verdades baseadas na opinión dun grupo marcado ou na terxiversación do sentido común, ata o punto de constituír unha nova forma de presión: a postcensura.

Esta situación obedece a diversas razóns. Por exemplo, a falla de espírito crítico -é dicir, a capacidade de sopesar pros e contras e decidir,- estreitamente emparentada coa percepción estritamente epidérmica. Ese lema do inmediato "agora e para min".

Unha dimensión na cal a dimensión íntima fica exposta -voluntariamente ou non- a unha dimensión pública. Pero xa non de maneira inmediata ou concatenada senón como bombas dormentes de espoleta retardada. Casos de postcensura nos cales a opinión colectiva foi construída non como resposta a un factor desencadeante senón a partir de opinións previas que formaron unha colosal bola de neve que estraga todo.

Auténticos linchamentos que ignoran -pasivamente ou á mantenta- a protección que a lexislación garante aos cidadáns, exercidos por irreflexivos ou fanáticos que para Soto Ivars so merecen un cualificativo: pajilleros dixitais. Uns persoeiros que con independencia de cadansúa condición ideolóxica, sexual, social..., mallan sen piedade en quen foi sinalado como vítima propiciatoria. E sempre sen criterio, sen respecto e, sobre todo, sen a máis mínima concesión ao humor.

Evidentemente, chovendo sobre o mollado das censuras á prensa (Jesús Cintora, Javier Gallego, Oriol Nolis, Pedro J. Ramírez) coa covardía cómplice das empresas. Ou manobras como a do fiscal Manuel Moix para afastar do seu cargo ao xuíz Elpidio J. Silva polos correos de Miguel Blesa. Porque unha expresión pode ser incorrecta, bocapodre ou impertinente pero se alguén se sentiu ofendido, que vaia aos tribunais. Pero non: na rede todo vale aínda que non sexa certo.

Juan Soto Ivars repasa con detalle diversos casos, entre eles o de Hernán Migoya, o autor de Todas putas, culpable nas redes de "apoloxía da violación" para moitos/as que non souberon distinguir entre o perfil do protagonista (de ficción) e a persoa do autor e que tivo como dano colateral a Miriam Tey, daquela directora do Instituto de la Mujer (co PP) e editora do libro antes de ocupar o cargo.

Circunstancias semellantes ás doutros casos pasados (María Frisa, Guillermo Zapata, Nacho Vigalondo, Camilo de Ory, Jorge Cremades ou Vicent Balaguer), sen que outros máis recentes entrasen polo momento de edición (como o de Cassandra Vera, con pena de cadea, por uns chistes sobre Carrero Blanco, asimilado en 2017 a vítima do terrorismo!!!).

Pero Soto Ivars non esquece os excesos dos indignados pola corrección política, entre elas as feministas mexeriqueiras cuxas nais e avoas loitaron a prol da liberdade sexual. Ou, no campo da dereita, aqueles que sacralizan as vítimas do terrorismo pero que nunca protestaron polas accións dos GAL. En definitiva, fanáticos do politicamente correcto que se comportan como auténticos fascistas. En definitiva, coa vontade de impoñer unha verdade fragmentaria (a de parte dun grupo) como única verdade posible colectiva.

Xa apuntaban maneiras aqueles que en Nova York, en 1997, protestaron por antisemitismo nun concerto de música medieval porque unha cantiga de Afonso o Sabio falaba dun xudeu asasino. Bendito don de comprensión sen Pentecoste: entender galego-portugués do século XIII cantado!

Compartir el artículo

stats