Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A esencia do noso

Museo do Pobo Galego: 40 anos despois

Vista exterior de San Domingos.

Nunha terra de santidade como é Compostela sitúase un centro concibido para aprehender a esencia de Galicia a través de mostras do que foi o seu desenvolvemento desde tempos antigos deica a actualidade, desde a perspectiva da antropoloxía cultural. O Museo do Pobo Galego atópase no edificio de San Domingos de Bonaval e por iso brinda a oportunidade dunha dobre visita: a do monumento e a do propio espazo museístico. Máis de dous millóns e medio de persoas viñeron visitalo desde que foron inauguradas as primeiras salas o 29 de outubro de 1977, o que significa que durante todo este ano está de aniversario. Catro décadas non se cumpren todos os días; por iso a institución acolle ao longo de 2017 unha variada programación con motivo da efeméride: desde conferencias a obradoiros, entre moitos outros, para que todos coñezan o moito que encerra este antigo cenobio dedicado a Galicia e ás súas xentes.

O Museo do Pobo Galego foi creado cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos. Os oficios, os instrumentos de traballo, o produto elaborado e mais o seu proceso; a música e os instrumentos; os traxes, os obxectos de uso cotián ou a propia arquitectura son algúns dos aspectos recollidos neste secular mosteiro cuxa exposición permanente se distribúe en nove salas repartidas en tres plantas ás que se accede pola impresionante escaleira helicoidal obra de Domingos de Andrade.

Trátase, pois, dun museo de carácter antropolóxico pero tamén acolle salas de pintura, escultura e arte sacra. Outras seccións son as de hábitat e imprenta, xunto aos espazos dedicados á sociedade. O centro -galardoado con numerosos premios ao longo das súas catro décadas- conta cunha grande oferta de servizos, como unha biblioteca que quere ser un referente bibliográfico da cultura galega, con fondos que fornecidos por Xaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite, Antón Fraguas Fraguas ou Antonio Rodriguez Fraiz, entre moitos outros. Dispón tamén dun completo arquivo gráfico e documental con materiais procedentes de diversas entidades, así como aportacións de empresas e particulares. Desde maio de 2005 dispón dun novo departamento, o Instituto de Estudos das identidades, cuxo fin é desenvolver a investigación e mais a intervención socio-cultural do museo e sobre todo o estudo interdisciplinar sobre a identidade galega, a súa interrelación e a súa comparación con outras identidades.

A colección actual supera os 11.500 rexistros e segue crecendo grazas á colaboración de todos. O antigo refectorio do convento de San Domingos acolle a Sala do Mar, que reúne unha mostra representativa das embarcacións máis peculiares de Galicia. Pódese seguir o proceso de construción dun pesqueiro, ver os útiles e modelos do carpinteiro de ribeira, coñecer como eran os primitivos motores ou ver o que se capturaba.

A sala do campo ábrese cun diorama que mostra idealmente a evolución da paisaxe en catro fases: o Neolítico, a época castrexa, a Idade Media e a actualidade. Aparecen a continuación os sistemas de transporte e seguen os apeiros de labranza correspondentes aos distintos labores. Exhíbense tamén as pesas e medidas tradicionais para áridos, líquidos, sólidos e de lonxitude. O traxe, de faena ou de gala, os instrumentos tradicionais, os bailes? tanta variedade levou á Xunta a considerar ao Museo do Pobo Galego como cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia. A través do decreto 111/1993 do 22 de maio recoñeceulle a competencia para actuar como centro sintetizador de todos os museos e coleccións públicas e privadas integradas no sistema galego dos museos dedicados ao estudo, promoción e difusión do patrimonio histórico-antropolóxico do noso país.

"Teño unha peza"

  • O Museo do Pobo Galego cumpre 40 anos desde a súa inauguración en 1977. Con este motivo botou a andar en xaneiro o programa, "Teño unha peza", título vencellado á actual campaña de promoción "Teño un Museo", impulsada polos socios da institución e que pode verse na páxina web do MPG e tamén, grazas á colaboración do Concello de Santiago, en distintos lugares públicos da cidade. En "Teño unha peza" convócase ao público, unha vez ao mes -agás agosto-, a un coloquio cun persoeiro representativo dos máis diversos ámbitos. Tendo como pretexto unha obra dos propios fondos do museo, as intervencións, escapando do coñecido acto convencional, pretenden achegar os valores museísticos con actuacións abertas, nas que os invitados engaden o seu selo persoal. En xullo participa Roberto Leal, mentres que en setembro será o turno de Rubén Aramburu. O programa do aniversario figura na web do centro (museodopobo.gal). Á súa colección senlleira o Museo do Pobo Galego suma aínda un emprazamento excepcional no convento de Bonaval, fundado no século XIII por Santo Domingo de Guzmán e reconstruído en estilo barroco nos séculos XVII e XVIII. Na igrexa está situado o Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan nomes como Rosalía, Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas ou Castelao, entre outros.

Compartir el artículo

stats