Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAEscena e autonomía

Trinta anos de Teatro do Noroeste

Un momento de A tixola polo mango.

Parece que foi onte cando Teatro do Noroeste estrenou Medea e pasaron xa trinta anos. Aínda existía a Unión Soviética e Madonna cantaba "Isla Bonita." En Galicia, tiñamos o primeiro presidente de esquerdas, Fernando González Laxe, nun feito realmente insólito: tardaría case vinte anos en repetirse. En novemebro de 1987, na Aula de Cultura da Caixa de Aforros de Galicia, en Compostela, descorríase o pano e sobre o escenario aparecían Luma Gómez e Elina Luaces xunto a Gonzalo Uriarte e un novísimo Cándido Pazó. Eduardo Alonso levaba as rédeas da dirección e mais das luces, Manuel Guede encargábase da tradución e Paco Conesa do vestiario. Con máis ou menos intercambios, este equipo repetiríase en posteriores montaxes, ao tempo que uns se independizaban e outros creaban redes propias.

Nese equipo, hai tres persoas clave e, daquela, Alonso era o de maior resonancia. O goberno de Fernández Albor encargáralle en 1984, a través do director xeral de Cultura, Luís Álvarez Pousa, o proxecto dun Centro Dramático Galego (CDG), do que será o seu primeiro director. Logo, no mesmo ano en que nace Teatro do Noroeste, Albor pon nas súas mans a creación do Instituto Galego das Artes do Espectáculo (o Igaem), que sobrevivirá ata o 2008, cando se transforma na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), creada por Ánxela Bugallo, conselleira do BNG.

Co tempo, o peso de Alonso irá diminuíndo, en parte porque tampouco Teatro do Noroeste se consolida como proposta alternativa. Porén, ninguén pon en dúbida a súa relevancia na construción administrativa teatral. O recente premio de Honra dos María Casares é, nese sentido, o pago dunha débeda que a profesión contraera con el.

Manuel Guede gañou relevancia á sombra de Manuel Fraga, que en 1991 lle encomenda a dirección do CDG. Ocupará o cargo dezasete anos en dúas etapas, interrompidas só polo bipartido de Touriño. A historia do CDG é, en realidade, unha construción da súa propia historia. Poeta, narrador, tradutor, director ou actor, Guede sorprendeu a todos durante a temporada de ostracismo ao gañar os máis prestixiosos galardóns dramáticos de Galicia: o Dieste e o Cunqueiro. Só abandonou o cargou cando lle pareceu oportuno. Ninguén o cesou.

Cándido Pazó transitou por outras vías. Rexeitou responsabilidades administrativas (o seu nome soou con forza no bipartito para o CDG) e iso permitiulle traballar de forma cómoda baixo todas as direccións do teatro instituional. É probablemente o dramaturgo e director de maior éxito comercial do teatro galego, con obras como A piragua (2008) ou As do peixe (2014) que marcaron un fito de popularidade e recoñecemento.

Teatro do Noroeste celebrou os seus trinta anos con Estado de graza, unha obra que encaixa na traxectoria última da compañía: direción de Alonso sobre texto propio (ambientado no franquismo) e iluminación del mesmo. Luma na cabeza do reparto. O tempo como se quedase conxelado.

Resulta significativa a coincidencia de trixésimos aniversarios que se rexistraron ultimamente no teatro galego. Dá a impresión de que a mediados dos oitenta, ao abeiro do proceso autonómico, as iniciativas culturais rexistraron unha notable expansión. Baixo unha especie de consigna non oficial, rexida sobre a homologación e a normalización, xurdiron unha serie de proxectos que atinxían a todas as industrias culturais, desde a pintura (Atlántica) ao cinema, con Xavier Villaverde ou Chano Piñeiro. Mesmo a arquitectura tivo o seu gran momento.

No teatro non só apareceu Noroeste, senón tamén Teatro do Atlántico (1985), ou Chévere e Matarile (1986) todas elas en activo e con traxectorias recoñecibles. En certo modo, podemos dicir que, para ben ou para mal, o teatro galego tal e como o coñecemos, cos seus vicios e virtudes, cos seus éxitos e fracasos, xurde da onda expansiva que estoura pouco despois de aprobarse o Estatuto de Autonomía. Foi unha explosión tan potente que aínda sentimos a súa onda expansiva porque, ata agora, ninguén foi capaz de crear un relevo.

Compartir el artículo

stats