Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Eduardo Alonso: "O teatro galego non tivo sorte cos seus xestores políticos"

Ía primeiro para enxeñeiro naval e, despois, para xornalista; pero resultou que Eduardo Alonso (Vigo, 1948) foi dar co teatro e, desde aquela, xa non se puido "desenganchar". A Asociación de Actores e Actrices de Galicia distíngueo este ano co Premio de Honra "Marisa Soto".

O director vigués de teatro Eduardo Alonso. FOTO: LADIAPO/AAAG

- A primeira pregunta, aínda que tópica, é obrigada. O "Marisa Soto" de Honra é un premio outorgado por profesionais dos ámbitos do teatro e do audiovisual. Que tipo de satisfacción lle produce esta distinción por parte dos seus compañeiros?

- Tamén resultará moi tópico responder que é unha grande honra recibir un recoñecemento por parte dos colegas profesionais do teatro e o audiovisual, pero é verdade. En calquera caso, para alguén coma min, que aínda estou en activo e, dalgún xeito, aínda en primeira liña de fogo, provoca sentimentos contraditorios: por unha banda, inmensa ledicia polo que representa de recoñecemento de toda unha traxectoria e, por outra, sentes coma se te golpeasen no ombro avisando de que xa é hora de pasar á retagarda.

- Pola súa traxectoria, é Vde. un pioneiro do teatro galego actual. Que expectativas tiñan alá polos anos 70 os que como Vde. apostaban por facer teatro en galego?

- Efectivamente, as xentes de teatro da miña xeración tiñamos, naqueles momentos, unha visión clara do que queriamos para Galicia en materia de artes escénicas, e moitos de nós puxémonos á tarefa de conseguilo sen regatear esforzos. Non o conseguimos todo e seguramente a Galicia actual dista moito teatralmente da que nos imaxinamos, pero moito do que se conseguiu se debe case exclusivamente ao noso esforzo, ao esforzo desa xeración teatral.

- Vde. foi o primeiro director do Centro Dramático Galego (do que incluso elaborou o seu proxecto fundacional). En que se parece o CDG actual ao que Vde. quería ou quixera que fose?

-Desde logo non se parece en moito, o actual, ao que eu fundei, pero iso non sería de estrañar dado o tempo pasado; loxicamente unha institución viva, como debe ser o CDG, debe adaptarse aos tempos e en case trinta e cinco anos a sociedade cambiou moito, o problema é que non sei exactamente que obxectivos ten o CDG actual. Daquela creouse para consolidar unha profesión e ofertar aos creadores un espazo onde puideran desenvolver a súa creación nas mellores condicións posibles, e á sociedade un lugar de excelencia escénica, desde o que se fora construíndo unha dramaturxia propia. Agora, insisto, non sei para que está.

- Durante os anos 90 e primeiros do 2000 o teatro galego viviu unha especie de "idade de ouro". Había moitas compañías profesionais e, entre elas, tamén as había moi boas. Claro que tamén había máis subvencións que agora. A causa da actual crise do teatro galego, debemos soamente achacala á propia crise económica e a diminución de subvencións ou habería que ir moito máis lonxe?

-A crise resultou determinante para levar o teatro galego á situación actual. Pero todos sabemos que a crise funcionou máis como desculpa que como unha realidade. O que levou realmente o teatro galego a áctual situación foi a absoluta falta de interese dos poderes públicos. Nos anos 90 houbo algúns intentos ben intencionados e deron os seus resultados; agora hai unha absoluta falta de proxecto político en materia teatral, e iso págase.

- Tamén elaborou Vde., en 1987, un proxecto de Instituto das Artes do Espectáculo, co que se pretendía potenciar, ademais do teatro, o cine, a danza, o audiovisual? Fágolle a mesma pregunta que antes, ao respecto do CDG. Que queda do seu proxecto do Igade no actual Agadic?

- Aquí si que é fácil a resposta: Nada. Aínda que na lei de creación da Agadic recoñezo algunha frase, no decreto de desenvolvemento do regulamento, xa ningunha. Teña en conta que a miña inicial proposta era que ese organismo fose unha sociedade anónima de carácter público: nada que ver, polo tanto, coa actual Agadic.

- A asistencia masiva de público a eventos como as Mostras de Teatro de Cangas ou de Ribadavia demostra que, cando se fan as cousas ben, a xente acode a ver teatro galego. Por que, entón, nestes últimos anos ata desapareceron compañías das que incluso se coidaba que estaban moi asentadas?

- Non está relacionada unha cousa coa outra; cando se fan as cousas medianamente ben na captación de públicos, o público asiste ao teatro galego. O teatro galego nunca tivo falta de público, algunhas veces máis e noutras etapas algo menos, pero sempre tivo público. As compañías desaparecen por falta de políticas teatrais. Por exemplo, cando eu analizo as convocatorias de subvencións actuais, o que me marabilla é que aínda existan compañías que se presenten a elas con todo o ánimo de participar na construción dun teatro en Galicia. Realmente parece deseñadas para acabar coa actividade que supostamente deben potenciar.

- Galicia demostrou que é unha magnífica canteira de actores e actrices, tanto para o teatro como para o cine e a ficción audiovisual. Que valoración fai do actual estado da formación actoral en Galicia?

- É verdade. Un dos primeiros síntomas que tivemos nos primeiros anos 80 de que non estabamos facendo as cousas mal, era o asombro dos profesionais alleos cando viñan a Galicia ou algunha compañía nosa representaba fóra, o asombro que expresaban da calidade actoral dos nosos actores e actrices. Recordo perfectamente o comentario dun director de cine español exclamando, despois de ver o traballo dunha actriz nosa nunha película española: "Pero de onde saíu unha actriz así?" E agora eu persoalmente estou encantado coa calidade actoral coa que saen os actores e as actrices da Escola Superior de Galicia. Soamente preferiría que coñeceran mellor a historia do seu teatro, do teatro galego, que se estudaran e se analizaran as producións galegas destes corenta anos na Escola Superior de Galicia. Pero todo se andará.

- Un dos seus traballos máis peculiares foi a dirección e adaptación de As vodas de Fígaro . Como lembra aquel traballo, moi pouco usual en Galicia?

- As vodas de Fígaro montouse nun momento moi doce do teatro galego, posiblemente unha das mellores etapas, polo menos para min. Naquel ano, 1994, a nosa compañía, Teatro do Noroeste, formou parte dun plan do, daquela, Igaem, chamado apoio ás "compañías concertadas", o que nos permitiu planificar máis de dous anos de traballos continuados e estabilidade laboral e económica para todo o elenco (8 actores e 3 técnicos). Dese xeito, os actores e as actrices traballaban de corrido durante ese tempo;como recorda algún actor de entón: "foi a primeira e única vez que tiven vacacións pagadas". Traballando con esa comodidade, saen cousas moi boas.

- De Vde. pode dicirse que é, ademais de director de teatro, tamén director de directores de teatro. Cales son as cualidades que debe reunir un bo director?

-Ter paciencia, saber escoitar e ter as ideas moi claras. Ter moi claro onde se quere chegar. Pero hai unha idea que un director de actores debe ter moi en conta sempre: "El non vai ser quen vai encarnar o personaxe".

- Ao teatro galego, ademais de cartos, que é o que máis falta lle fai: bos directores, bos autores ou boas historias?

-Bos xestores. Políticos culturais que teñan proxecto ou, como no caso de Cordeiro, que se deixen aconsellar polos profesionais coas ideas claras. Neste apartado o teatro galego non tivo moita sorte.

Compartir el artículo

stats