Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mabel Rivera: "Os roles das actrices adoitan ser subsidiarios daqueles dos actores"

A pouco máis dun mes para a celebración da gala dos Premios María Casares, e cando xa se deron a coñecer as nominacións, falamos con Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, das problemáticas polas que atravesan os actores e actrices de Galicia.

Mabel Rivera: "Os roles das actrices adoitan ser subsidiarios daqueles dos actores"

- Con que ánimo se afronta dende a asociación da que é vicepresidenta a nova edición dos premios María Casares, que se celebra o vindeiro mes. Albíscase a luz e a saída do túnel para a crise que padece a profesión de actor/actriz ou, polo contrario, as cousas aínda poden ir a peor?

- Esas son dúas preguntas ben diferentes! Sempre que organizamos unha gala, facémolo cun ánimo magnífico: son os nosos premios, a nosa festa, o noso momento de encontro para ser felices xunt@s, para celebrar xunt@s o bo traballo do ano. Curiosamente, esta é a edición na que máis espectáculos e profesionais optan a premios. Pouco que ver co panorama xeral, que é asfixiante; por suposto, as cousas sempre poden empeorar, mais o noso empeño é darlle a volta a esta situación.

-Quizais a denuncia máis chamativa da pasada gala dos premios Goya fose a de escasez de papeis para actrices no cine español. Tamén podemos dicir que ocorre o mesmo no audiovisual galego e incluso no teatro?

-A diferencia en relación cos actores estriba non só no menor número, senón na menor incidencia e no menor interese dos roles que se nos reservan ás actrices.

-A precariedade laboral está detrás desta problemática que padecen as actrices, pero supoño que haberá máis causas. Cales poden ser estas, segundo a súa opinión?

-Completando un pouco a resposta á cuestión anterior, os roles das actrices. tanto en cine coma en tv ou no teatro, son subsidiarios dos dos homes, en xeral; con todo, este último ano houbo exemplos de películas e series con protagonismo absoluto de mulleres cunha magnífica acollida de público e crítica. Detrás destes proxectos adoita haber unha autora, unha directora ou unha produtora, ou os tres oficios ao tempo; é dicir, somos nós mesmas, mulleres, quen impulsamos historias de mulleres interesantes e de calidade.

-O que non é novo é a discriminación que sofren a meirande parte das actrices veteranas á hora de que lles dean papeis protagonistas. Como é posible que dende dentro da profesión, falando con directores,produtores, etc. que se supón que entenden o problema, aínda se siga padecendo esa discriminación?

-A cousa empeora coa idade, certo; sobre todo hai unha franxa arredor dos 50 anos na que caemos nunha invisibilidade case absoluta. Como dixen: seguen faltando, sobre todo, autoras e directoras que propoñan historias interesantes de mulleres, independentemente da nosa idade.

-Volvendo á gala dos Goya, o actor Eduard Fernández facía unhas declaración nas que deixaba claras dúas cousas: que a maioría dos actores son de esquerdas e que o actual Goberno español é de dereitas. E que a partir de aí, de recoñecer esta realidade irrefutable, habería que comezar a falar abertamente. Isto, sen embargo, en Galicia (digo, o de dialogar), aínda semella moito máis difícil. Por onde habería que empezar para "normalizar" as relacións entre Vdes e a Xunta, dende hai anos bastante tensas, por certo?

-Non penso que haxa que levarse ben necesariamente, abondaría cun diálogo fluído e con que cada quen asumise as súas responsabilidades: a nosa, como profesión, consiste en expoñer problemas e propoñer solucións. A Administración ten que achegar os medios para estas solucións. O presuposto para cultura en Galicia leva anos hipotecado por unha obra faraónica que pouco ten que ver coas necesidades culturais do país.

-Se ollamos para anos atrás, década dos 90, por exemplo, vai resultar que aquela era unha "idade de ouro" para o teatro e o audivisual galego en comparación coa que se vive nos últimos anos?

-Era un tempo no que se producía de maneira regular, e no que moit@s profesionais podiamos vivir do noso traballo; é unha vergoña que isto se convertese nun luxo inalcanzable para moit@s compañeir@s no momento actual.

-A recente polémica do CDG coas, por fin e tan desexadas, montaxes de obras de Valle Inclán en galego podería ter sido un bo inicio para a normalización de relación das que antes falaba. Sen embargo, a cousa non puido empezar peor. Cara a onde imos? Está en perigo a propia supervivencia do CDG?

-O que pon en perigo a supervivencia de calquera organismo é a precariedade; o que a profesión quere para o CDG é unha auténtica autonomía de xestión como centro de creación artística. E medios: presuposto axeitado, estabilidade na programación, que contrate a moit@s máis profesionais, que faga moitas máis funcións ? A nosa relación coa institución vai nesta liña de traballo.

-Sexamos concretos: que é o que necesitan o teatro e o audiovisual galego e que é o que necesitan as actrices/profesionais dos poderes públicos de Galicia?

-Políticas serias que contemplen as necesidades reais da xente no eido cultural, e isto non só significa cartos, que tamén, senón impulso, infraestruturas e un diálogo permanente para implementar liñas de actuación.

-É aínda evitable que, da próxima gala dos María Casares, se fale máis das críticas nas intervencións dos premiados ao Goberno/Xunta que da calidade das obras e profesionais premiados?

-Non sei o que van dicir @s premiad@s na próxima gala, nin o que se vai 'cotillear' despois sobre o que tal dixeron; mais non creo que haxa nada que evitar. Trátase dunha ocasión magnífica para que cada quen exprese o que crea conveniente, e se isto se fai con profesionalidade e cun discurso comprometido, estaremos contribuíndo a elevar o nivel de calidade dese espectáculo único que é a Gala dos María Casares e o de toda unha profesión que vén demostrando un talento e unha creatividade moi por riba das condicións nas que se ve obrigada a desenvolver o seu traballo.

Compartir el artículo

stats