Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tita. A palabra xusta

Breve crónica de Antía Cal

Fotograma de Tita. A palabra xusta.

Lembro nos días de infancia un edificio abandonado que amosaba, entre as súas fiestras rachadas, os encerados en desuso. Quen sabe cal foi a última palabra que alí escribiron! E quen sabe cal foi a persoa que a escribiu e cal a persoa que a borrou!

Estaba situado no alto da Gran Vía. Na porta de entrada había unha vieira pétrea: era a marca no lintel como antes as cruces nas casas abeizoadas. Co tempo souben que se trataba da Escola Rosalía de Castro. Alí persistiu até hai pouco.

Nalgunha hora escoitei falar de Antía Cal. De certo que cheguei a ela por Antón Beiras, o seu home e recoñecido oftalmólogo. Houbo dous motivos que me interesaron de Antón: que fose autor do primeiro artigo científico en lingua galega (tras 1936) e que no día da súa morte o Padre Seixas fixese o responso no mesmo idioma cando ambos casos sucedían no tempo de Atila.

Antía publicou Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia, 2006), unha sorte de memorias compartidas co seu home. Entón souben da súa dimensión pedagóxica, da súa firmeza como muller, convencida dos seus dereitos, disposta a tronzar todos os tópicos, insumisa ante os prexuízos.

Unha viaxe por Europa permitiulle coñecer de preto as teses da renovación pedagóxica da posguerra continental. Falar cos especialistas e tomar nota pensando na realidade das crianzas galegas. Así fixou a súa vocación e puxo todo o esforzo en desenvolver a tarefa educativa. Logo, a experiencia da Escola Rosalía de Castro xerou interese entre unha clase media viguesa progresista e amiga do país. A sona foi medrando e o centro escolar tivo que aumentar as instalacións. Hoxe, certamente, a Escola Rosalía de Castro non é a mesma que fundara Antía Cal malia os recordos presentes nos corredores e aulas. Fáltalle aquela ollada de vangarda pedagóxica, de compromiso coa terra e de sentir social.

Tita é unha biografía apaixonante, intensa, presente. Quizais mellor que dicilo fora filmalo. Por iso Miguel Piñeiro púxose á fronte dun proxecto arriscado(porque facer televisión no noso país e na nosa lingua aínda é unha aventura) que leva por nome Tita. A palabra xusta. O documental é autoproducido e autodistribuído, o que supón un verdadeiro mérito para o equipo.

Velaquí a travesía vital da protagonista contada por ela mesma pero coa axuda das fotografías, das cartas con Antón Beiras, a presenza da casa de Muras e unha extraordinaria paisaxe que o documental recolle con toda autenticidade e poderosa beleza da Mariña: os regueiros ateigados de auga, o vento rebelde do Xistral (Guriscado, Curuxeira, Lebureiro, Cadramón), as congostras aldeás en silencio, os carballos envellecidos, a herba fresca, mollada, limpa. Un escenario como engado que merece aínda máis o interese desta dádiva televisiva.

Un bo xeito de aproveitar esta película sería difundir o seu visionado nas escolas e promover a reflexión entre o alumnado mais tamén a reflexión sobre o valor e o poder da educación para o profesorado. Porque non se trata de examinar a capacidade memorística nin a axilidade mental dun cativo ou dunha rapaza; trátase de educar en valores, en principios, en condutas dignas para unha sociedade imaxinada tan lonxe daquela presta ao consumo, ao culto á imaxe, á desnudez ética, á competición sen escrúpulos, á falta de corresponsabilidade social, ao baleirado dos mecanismos que nos permitan pensar por nós mesmos; non ser entes deshumanizados con cargas narcóticas de egoísmo e individualismo.

No inicio escribín que a descuberta de Antía fíxena por medio de Antón. As mulleres aínda son figuras na sombra por ser mulleres malia os méritos e éxitos que obtiveran. Son historias secundarias. "A palabra xusta" supón tamén o esforzo de retratar a vida dunha muller consciente da necesidade de loitar pola igualdade.

A min, con todo, o pouso que me deixou é o de comprender e recoñecer a importancia das nais na educación e na formación das crianzas. Entón penso na miña nai e na nai do meu fillo e dígolles: obrigado. Eis hoxe a miña palabra xusta.

Compartir el artículo

stats