Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Artistas no relato incompleto

Problemáticas no Marco

Varios momentos da exposición no anexo do Marco (Vigo). // FOTOS: ELI REGUEIRA

Desde abril de 2016 o Anexo do MARCO leva a cabo un ciclo de exposicións deseñado pola crítica de arte e comisaria Chus Martínez Domínguez que presenta so o título de PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto: un conxunto de proxectos expositivos de mulleres artistas que en certa medida funcionan de contrapunto sutil aos dous grandes espazos do museo ocupados por mostras en que o feminino ten un protagonismo argumental central como é o caso de Mulleres do silencio ou Alén dos xéneros.

Tendo como fío condutor as circunstancias e realidades problemáticas que se producen na interacción entre as artistas e o sistema da arte, este ciclo achegou, a través de catro proxectos específicos, diferentes cuestións da teoría e a práctica artística, concretando as investigacións, conceptos e poéticas sobre as que xiran os traballos de cada unha das participantes.

As reflexións das artistas están centradas frecuentemente no sentido das accións máis cotiás, que ao seren elaboradas nun espazo concreto, permiten un achegamento crítico á situación do individuo non espazo social e aos límites da nosa liberdade persoal. Son, pois, obras que posibilitan indagar na comprensión e na interpretación do mundo contemporáneo.

Os traballos, ben desemellantes, serven ás artistas para afrontaren o feito creativo como intentos de dar solución a retos (plásticos e temáticos). Retos en que os motivos de intenso contido vivencial, lonxe de coartaren a liberdade formal, funcionan como liberadores e enriquecedores, como pulo para a indagación na comprensión e na interpretación do mundo, producíndose, xa que logo, como na mellor arte, unha interrelación entre logros visuais e desenvolvemento temático. Nesta liña, toda a serie de "Problemáticas" salienta por esta actitude conceptual e tamén por uns resultados de enorme pulcritude formal.

Á vista de toda a serie de obras, todas nos transportan á presenza da problemática social no mundo actual, así nos levan a reflexións sobre o lugar do individuo na sociedade ou ás fendas do sistema que rexe os destinos do mundo.

Un mundo controlado (e tamén en desorde), coas súas fracturas ideolóxicas, que sutilmente, nos distintos proxectos, acaba por poñer en evidencia as estratexias de opresión, manipulación ou control.

O programa deseñado pola comisaria tomou corpo nas propostas de Mónica Cabo (Oviedo, 1978), Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios (Xaén, 1938/Cáceres, 1975), Xisela Franco (Vigo, 1978) e Carolina Bonfim (São Paulo, Brasil, 1982), creadoras de distintas xeracións procedentes das artes visuais, a arquitectura e o audiovisual, que contruíron distintos relatos e accións particulares ao redor da representación, a identidade, a política e o territorio, desde unha perspectiva non exenta de humor e crítica, de subversión e memoria.

En medio do pulcro desacougo e da reflexión que transmiten os distintos traballos aparece sempre un universo feminino antitópico, sutil, mesmo cando o corpo ou a maternidade fan acto de presenza, como na obras de Carolina Bonfim ou Xisela Franco.

O ciclo salienta por definir un modelo de actitude curatorial aberto en canto a maneira de concibir e achegarse á creación, un modelo presidido pola austeridade, o xesto minimalista e o esencialismo. Percibimos en todo el unha vontade de sutileza, de non desvelamento evidente, creando ámbitos de diálogo co espectador na procura da complicidade.

Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez.

Lugar: Anexo (vestíbulo principal) MARCO.

Mostra actual: 90 movementos sobre TECHNOGYM G6508D.

Artista: Carolina Bonfim

Até o 2 de abril.

Vontade de discurso

  • Desde o punto de vista conceptual o Anexo do MARCO converteuse nun espazo ateigado dunha forte vontade de discurso, de carga semántica, en que as creadoras traballaron convertendo os límites nunha vantaxe para a creacion de discurso máis libres, enfrontándose a eles como un escenario en que propor novas realidades, reaccionando fronte aquelas circunstancias que as limitan, condicionan e vulneran. Reflexións transversais en forma de accións dende unha actualidade na que a cuestión de xénero segue a ser problemática pero que non se quere enfatizar como único aspecto reflexivo. Daquela, poden partir de diversas actitudes, que teñen orixe na estrita intimidade do eu e actúan entrelazando os temas, obsesións e/ou silencios, conseguindo daquela modular os sentimentos coas pulsións que nunca son completamente representábeis na concreción plástica da obra.A visión de conxunto de catro proxectos moi distintos sitúanos nunha sucesión de receptáculos, contedores e produtores que, partindo da configuración de elementos distantes de significado, poden procurar unha reflexión moi afastada da osetentación, que nos mostra que o ciclo Problemáticas é un froito metódico de articulacións, de ritmos que nos transportan a un mundo en ocasións prelingüístico, esencial, case como se estivermos na medio da chora platónica do Timeo -o receptáculo primeiro do universo, que non pode ser destruído. Mais nunha chora reciclada por Julia Kristeva e transformada nunha "articulación, un ritmo, ese algo que precede á linguaxe" afastándose propositadamente da espectacularización

Compartir el artículo

stats