Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Einstein en Vigo

Unha ignota visita de 1925

Albert Einstein (1879-1955).

Albert Einstein veu dúas veces a España: a primeira en 1923, no retorno da súa viaxe por Xapón e Palestina, decurso durante o cal recibiu a notificación do Nobel. Foi por iso que a súa estancia se converteu nun acontecemento académico, social e mediático do cal gardou sempre unha gratísima memoria.

Por contraste, a segunda visita permaneceu ignota en case todas as biografías. Levouna a termo en marzo de 1925. Partiu o día 6 dese mes no Cap Polonio, da Compañía Hamburguesa-Sudamericana que, nos inicios do século XX, enlazaba ambos os continentes. Tratábase dun luxuoso vapor de 200 m. de eslora e que contaba con servizos médicos, salas de fumadores, de lectura, ximnasio, solarium, tendas de novidades e orquestra a bordo. O periplo comezou mal. Enfermou a súa fillastra Margot, que ía acompañalo, e Einstein tivo que viaxar só. Para ensombrecer máis ou seu ánimo, un desabrido tempo acompañou o Cap Polonio desde a partida de Hamburgo deica máis aló de Boulogne.

Albert Einstein disfrutou no decurso coa lectura de Os contos de Canterbury, pero tamén mergullou en densos tratados filosóficos. Alén diso, estudou problemas teóricos -como aspectos da xeometría de Riemann ou a teroría de unificación das forzas físicas - e cuestións prácticas como o deseño dun teodolito. Asi e todo, era persoa afable, amante das boas conversas: atopou, daquela, dúas persoas coas que departir: o psicólogo Carl Jesinghaus, profesor da Univer´sidade de Bos Aires, e Else Jerusalem,

Nacida en Viena, de ascendencia xudía, aos seus 48 anos Else era escritora de éxito e famosa polos seus textos feministas, reivindicando a educación sexual prematrimonial para a mocidade. A súa actitude desenvolta fixo que Einstein a cualificase como "A pantera". Foi compañeira de mesa e de paseo e incluso lle leu ao científico algunha das súas obras. Else mantivo a amizade co físico a quen visitou polo menos en dúas ocasións, en Berlín.

O vapor avistou Bilbao o 8 de marzo. O tempo mellorara. Á chegada á cidade vasca, e dada a grandiosidade do trasatlántico, foi permitido subir a bordo a numerosos curiosos. Einstein observou aqueles homes cheos de curiosidade, infantís (sic) e as mulleres con ollos e cabelos negros e panos anoados na cabeza. Aínda que cumprimentado pola Comandancia de Mariña, a Compañía trasatlántica, directivos da Minería vasca e o cónsul arxentino, a prensa lamentou a escasa publicidade de tal agasallo. Varios dos pasaxeiros deron un paseo por Bilbao, pero Albert Einstein preferiu pasar o tempo tocando o piano para un grupo de mulleres e mais os seus fillos.

No serán do día 10 o Cap Polonio arribou a Vigo. "Pola mañá desembarco na Coruña; pola tarde en Vigo, bahía rodeada de illas montañosas e cun fascinante vilar en forma de pintoresca azotea (Pola tarde conversas sobre lóxica). Riqueza de cores e o solpor en Vigo, incomparable. O sol do sur embriaga" (Diaro, páxina 5). Einstein refírese, sen dúbida, ás Cies e mais á fortaleza do Castro.

Mais o barco partiu axiña para Lisboa. A capital portuguesa semelloulle saudosa e como ancorada no pasado. O científico deambulou polos mercados, o Castelo e mais o maxestoso claustro dos Xerónimos.

Os días eran longos e crecente a nostalxia por Margot. Por iso Albert Einstein, que viaxaba co seu inseparable violín, reclutou a varios pasaxeiros e tamén ao primeiro violín da orquestra do barco para formaren un cuarteto de corda e interpretar pezas de Mozart, Beethoven ou Schubert.

Finalmente, o día 21 arriban a Río de Xaneiro. Despois, nas seguintes tres semanas, impartiu dezaoito conferencias, participando en numerosos agasallos en Bos Aires, A Prata, Córdoba, Montevideo e Río. En varias ocasións confesará o seu desmaio. Por iso o retorno, xa con parcas anotacións, devén rápido. Parte de Río o 12 de maio; o 28 está en Vigo, pero nin sequera desembarca. O 31 chega a Hamburgo: "Por fin libre, pero máis morto que vivo" vén ser a frase que pecha o Diario. Os médicos prohibíronlle emprender novas empresas semellantes.

Así, tal e como Jules Verne corenta e un anos atrás ou como Stephen Hawking oitenta e nove mái sadiante, Albert Einstein sentiuse abraiado pola maxia de Vigo. É posible que a contemplación dos lugares que eles disfrutaron constitúa tamén un inigualabe estímulo para a liberación audaz da nosa imaxinación.

Compartir el artículo

stats