Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Like Bob Dylan

Mesmo que cando chove, que nunca o fai a gusto de todos, a concesión dos Premios Nobel de Literatura adoita levantar controversias

Bob Dylan, premio Nobel de Literatura 2016 // Pablo García

Mesmo que cando chove, que nunca o fai a gusto de todos, a concesión dos Premios Nobel de Literatura -os máis populares canda os da Paz- adoita levantar controversias. Pero non tanto polos premiados senón por aqueloutros que, este ano tampouco, non obtiveron o favor da Academia Sueca. Esta vez aconteceu algo distinto: a diatriba está en se o galardoado, Bob Dylan, é merecente dabondo de tal recoñecemento.

Digamos, de entrada, que a concesión do premio ao cantautor (isto é senón un poeta que canta letras e músicas de seu) aforrou unha pregunta que soe ser habitual cando se fai público o nome do designado: "e quen é?" Unha pregunta que non supón cuestionar nin os méritos do autor nin os criterios dos académicos suecos. Unha pregunta que entre nós -vítimas con frecuencia dunha certa pobreza editorial- nos leva a ter que procurar en edicións en inglés ou francés as obras (en traducións as máis das veces) do premiado. Entón, descubrimos que unha pequena editorial publicara hai anos tal ou cal libro e que daquela pasara sen pena nin gloria perante os ollos da crítica.

Uns criterios que levan a considerar literatura a produción artística en prosa, verso ou teatro impresa en libros. Pero, acaso non pode ser literatura unha crónica xornalística? E non son poesía uns textos que en troques de ficar prisioneiros nun volume de tiraxe limitada, vense reproducidos por millóns en discos e por milleiros de voces en concertos? Evidentemente, non toda a poesía cantada sería merecente de acadar un Nobel pero con Bob Dylan estamos ante un caso excepcional.

As cancións do cantautor nacido en Minnesota apareceron como unha necesidade nun intre no cal a mocidade comezaba a reclamar o seu protagonismo social. Se daquela Elvis Presley, co ritmo do rock'n roll, axudou a liberar os corpos, Dylan coas súas cancións completouno coa liberación das mentes. Cando proclamaba que a resposta está no vento, estaba a dar unha alternativa a unha sociedade vella, herdeira da moralidade imposta por determinadas hexemonías sociais e económicas.

Un compromiso claramente influenciado por Woody Guthrie e mais Pete Seeger, os músicos que coas súas cancións -moitas delas semellaban labradas a machado- deron esperanza a obreiros e labregos, brancos e negros, nos anos da Gran Depresión, da guerra mundial e da teima anticomunista. Un compromiso ben axiña adoptado por unha mocidade que dicía "non" definitivamente á segregación racial, á guerra do Vietnam, ao consumismo como modo de vida. E para iso non precisaban obras de beleza harmónica: abondaba con que a mensaxe estivese ben construída e que as músicas se puidesen reproducir cunha simple guitarra. A beleza que obteñen os machados se as mans saben cortar ben.

E Dylan dominou coma ninguén a sintaxe e mais a rima, con man de ourive, para que a mocidade das últimas cinco décadas collese as súas cancións como bandeira. Porque, malia o paso do tempo, para a mocidade (renovada ano tras ano) os tempos sempre están a cambiar. Unha mocidade que non vía recoñecido o seu protagonismo hai medio século e que hoxe é paradigma comercial (como ben sinalou Pau Riba, introdutor de Dylan na música catalá) de certa entidade bancaria que pretende que os vellos se comporten como os mozos.

O Nobel para Dylan pode resultar anecdótico pero cómpre non esquecermos que fixeron máis por popularizar a poesía cantantes como Paco Ibáñez, Raimon, Joan Manuel Serrat, Amancio Prada ou tantos outros que as coleccións editoriais, canónicas ou non. E cando a poesía é aprendida e reproducida (nin que sexa en silencio) por millstrd de gorxas, daquela os versos trunfan por riba da banalidade e do consumo. Ou acaso a poesía non naceu con música? Non cantaban xograres e trobadores? Foi co divorcio entre letra e música cando a poesía ficou relegada aos libros e só ocasionalmente acadou unha condición de identidade colectiva, xeralmente nacional.

Compartir el artículo

stats