Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Máscaras, performances, museos

A identidade ingobernábel da arte

Rotonda central do Museo Guuggenheim, Nova York

Os economistas xa son parte da arte. Eles saben da transgresión da palabra, coñecen o poder da metáfora para gañar a complicidade do espectador. Das burbullas e activos tóxicos aos fluxos de capital debilitados, o seu, é puro teatro. É o poder da metáfora para crear unha realidade alternativa, unha hiperrealidade, diría Baudrillard, na que os actores finxen o que non teñen e por iso, nos discursos destes expertos, son máis frecuentes as metáforas que as palabras obxectivas da investigación.

Na argumentación en xeral triúnfa a forma sobre a función, e non podemos deixar de ver un simulacro da arte nesta calidade. A política deixou de ser un discurso efectivo sobre as garantías, dereitos e obrigas dos administrados para adquirir a forma dunha parodia televisiva. Así estamos hoxe na arte: máis presentes fóra dela que dentro do seu campo; é un éxito da mesma arte ou unha perversión da transgresión e dos seus obxectivos?

Nun tempo esperábase da arte unha compensación fronte ao sentido tráxico da vida, en forma de evasión ou de sublimación. A forma da catarse ou da proxección da utopía enmarcábase nun campo de diferenciación estética; unha elite cultural que definía un espazo autónomo de produción e lexitimación. Pero a transgresión que levou os artistas fóra do museo, abriu as portas a outros actores e apurou a degradación destes símbolos. A permeabilidade entre as fronteiras da arte e outras disciplinas, e entre os artistas e os non artistas, cambiou o campo da arte nun espazo de difícil definición.

Os espectadores tamén participan nesta nova realidade do museo, xa non acoden a ver obras de arte únicas, van contemplar algo que viron na televisión: animais mortos, instalacións irrecoñecibeis, moda, documentais ou ensaios que o museo dota de singularidade aínda que non sexan producidos por artistas. A antiga demarcación estética da arte hoxe é compartida con outros obxectos e experiencias. A arte xa non está interesada polos símbolos da discriminación estética, e non queda definida polos produtos que fan os artistas, senón polas accións que desenvolven. As ciencias sociais tampouco están interesadas no estudo das estruturas sociais, senón nas vinculacións entre individuos. Os políticos benefícianse desta permeabilidade e non queren ser nin de dereitas nin de esquerdas. Xa ninguén fala de regras. Todo flota á deriva nun mar viscoso, e atopar un relato redefinidor de unidade ao campo da arte parece imposíbel

Observamos a activistas de Greenpeace con máscaras nunha posta en escena manifestándose en contra dos desastres ambientais e xente interpretando a salvaxe morte dos touros na rúa. Os movementos sociais imitan a arte nas súas expresións ao tempo que os artistas introducen accións propias doutros saberes como a antropoloxía e a etnografía. Autodefínense como investigadores dos ordes sociais, no estudo das redes e dos vínculos entre individuos e o ambiente. O estudo da arte pasou nos últimos anos da filosofía e a semiótica e volveuse unha cuestión antropolóxica; hoxe para definir a arte é necesario observar cales son as accións dos artistas. Onde facemos a crónica destas accións? No suplemento de cultura, de política, de espectáculos, de ciencias sociais...? Nesta contorna permeábel entre saberes e poderes onde se dilúe o artista, existe aínda unha forma de enmarcar os límites nun espazo propio para a arte?

De non ser posibel esta delimitación, non ten sentido xa a oposición entre obra de arte e outros obxectos. No concepto de patrimonio inclúense as obras de valor incalculábel. Pero esta definición do pasado non parece respectar estas transformacións. Se o artista e a súa produción non se diferencia da doutros actores, esta trivialidade debería reflectirse no valor monetario do que fai. Por que nos museos de arte contemporánea pagamos tantos cartos por instalacións, performance e accións nesta nova contorna?

Compartir el artículo

stats