Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No corazón do Minho

Ao pé do castelo de Lanhoso

Citania de Lanhoso.

No corazón do Minho luso unha impoñente construción asoma desde moitos séculos atrás sobre un macizo rochoso do Monte do Pilar, considerado o maior monolito granítico de Portugal. É o castelo de Póvoa de Lanhoso, unha fortaleza restaurada no século XIII que se mantén en pé dominando un vasto horizonte. Contan as crónicas que a súa edificación non se debe á vontade dun rei, como é común, senón á do arcebispo de Braga en torno ao ano 1071, para a defensa da sede episcopal. Dentro, o Núcleo Museolóxico alberga unha exposición permanente sobre a historia do concello e o seu castelo.

Pola súa estratéxica localización, xa hai evidencias de ocupación humana no monte de Lanhoso desde miles de anos antes de Cristo, como testemuñan os restos arqueolóxicos atopados no castro do mesmo nome. Os primeiros vestixios apuntan a cronoloxías do período calcolítico (terceiro milenio a.C.), estando sucesivamente ocupado ao longo do tempo. Os romanos, sempre selectivos na elección dos lugares nos que controlar e dominar a contorna, aumentaron a fortificación, e probablemente o castelo do arcebispo sería mellorado no reinado de Afonso Henriques, pasando a ter torre da homenaxe, principal testemuño do pasado. Clasificado como Monumento Nacional, a fortaleza, ademais de inaccesible pola súa localización, permitía aproveitar de forma perfecta o control visual da ampla rexión que dominaba: a dos vales dos ríos Ave e Cávado, serpenteada de vias de comunicación, particularmente as que ligaban importantes centros políticos, económicos, sociais e relixiosos, como a que discorría entre entre Bracara Augusta (Braga), Chaves e Astorga.

O castelo tivo a súa maior proxección ao longo da época medieval. Importantes figuras da nobreza nacional no período do Condado Portucalense tiveron aquí residencia e, tras perder progresivamente a súa importancia estratéxico-militar e sufrir diversos avatares, entrou nun proceso de abandono e ruína. A comezos do século XVIII un comerciante do Porto obtivo autorización para utilizar as pedras do castelo na construción dunha réplica do santuario do Bom Jesus de Braga- desaparecendo desta forma as murallas- para erixir o santuario de Nossa Senhora do Pilar, un templo de devoción mariana situado moi preto do castro de Lanhoso.

O edificio -restaurado moitas décadas atrás e reaberto ao público en 1996- continúa sendo un magnífico exemplar de arquitectura defensiva medieval. A torre da homenaxe, onde está instalado o museo, ten dúas plantas claramente dferenciadas. Na primeira expóñense numerosos obxectos arqueolóxicos atopados nos arredores, especialmente no castro, mentres que o segundo piso é utilizado como espazo audiovisual onde se proxectan vídeos e documentais que mostran a historia do castelo e das terras de Lanhoso.

Con pedra do castelo está edificada a igrexa, a escalinata e as capelas do Vía Crucis do santuario de Nossa Senhora do Pilar, moi próximo á fortaleza rochosa. O castro cercano foi descuberto a finais dos anos trinta do século pasado na ladeira do monte, nun lugar coñecido como Lage Grande durante as obras de apertura dunha estrada con destino ao santuario e ao castelo. O poboado fortificado estaba formado por cabanas de planta circular, típicas da cultura castrexa. Na actualidade varias están reconstruídas e pode verse como era a vida na época.

Ademais do impoñente castelo, percorrer as terras de Lanhoso significa atoparse con pegadas de outrora tan fermosas como a ponte de Men Gutierres, un vello viaduto romano que atravesa o río Ave; ou o de Proselo, que cruza o Câvado, aparte do románico da igrexa da Fontarcada, a de Verim ou o barroco do santuario de Nossa Senhora de Porto d'Ave. Nestas terras naceu tamén DiverLanhoso, 170 hectáreas de diversión e natureza.

Camiño de devoción

  • O santuario de Nossa Senhora do Porto de Ave (ou de Porto d' Ave) é un complexo relixioso situado no lugar do mesmo nome, na freguesia de Taíde do concello de Póvoa de Lanhoso. Ademais da igrexa, inclúe un museo de arte sacra, un Vía Crucis e varios edificios, orixinalmente de apoio aos peregrinos. O interior da nave alberga un notable revestimento de azulexos joaninos do século XVIII, azuis e brancos, que describen escenas da Virxe e do nacemento de Xesús. No exterior do templo destaca a dobre escalinata con relanzos que une a igrexa coa cima do monte. A gran escaleira está acompañada dunha Via Sacra composta por oito capelas onde se representan, en tamaño real, escenas da vida da Virxe. O conxunto inclúe tamén un museo de arte sacra onde se expoñen varios exvotos dos séculos XVIII e XIX, consistentes en cadros que representan a intercesión mariana nalgún momento da vida do devoto, cunha lenda descritiva do milagre.Ademais alberga variados obxectos litúrxicos, imaxes de santos de varios períodos e outras pezas de valor, Porto d'Ave é un dos santuarios marianos máis importantes de Portugal, elevado a Santuario Real por Carta Rexia en 1873. Noutra parroquia de Lanhoso, en Travassos, está outro museo, o do Ouro, que reflicte a identidade dunha comunidade ligada ao traballo deste material desde tempos ancestrais.

Compartir el artículo

stats