Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Conflito racial e cinema

United Colors of Hollywood

Chris Rock na gala dos Óscar 2016.

No ano 1939, o produtor David O. Selznick facía realidade o seu soño de levar á gran pantalla unha novela sudista de Margaret Mitchell, Gone with the wind, -en galego, Foise co vento- baixo a dirección de Victor Fleming. O éxito de público converteu o filme na segunda película máis vista nas salas cinematográficas en Estados Unidos, por detrás de The birth of a nation (1915) -O nacemento dunha nación- de David W. Griffith, longametraxe baseada na novela The Clansman (Thomas Dixon) que narra con acento heroico o abrollar da organización racista Ku-Klux-Klan, ao rematar a Guerra de Secesión. Que dúas das películas máis emblemáticas do cine estadounidense coincidan na súa formulación xenófoba, é algo que dá conta da tortuosa convivencia que padeceu, no seo de Hollywood, a temática do conflito racial.

Hai uns días, despertamos coa nova da morte de Harper Lee, autora da novela To kill a mockingbird -Matar un reiseñor- adaptada ao cinema no ano 1962 por Robert Mulligan, con Gregory Peck no papel principal de Atticus Finch, un avogado dunha pequena cidade do estado sureño de Alabama que acepta a defensa dun campesiño negro acusado de violar unha moza branca. Unha enquisa realizada en Estados Unidos revelou a Atticus -pai viúvo que ensinou aos seus fillos que un home non pode comprender ao outro ata que se mete na súa pel e camiña dentro dela- como o heroe de ficción favorito, por diante doutros personaxes de acción. De certo, un ilustrativo paradoxo.

Por máis que un presidente de raza negra estea a piques de concluír o seu segundo mandato, os problemas raciais na sociedade estadounidense están lonxe de pasar a pertencer ao pasado. Con este paradoxo conviviu tamén a industria cinematográfica. Non é ata mediados dos anos cincuenta cando Hollywood moldea o primeiro prototipo de star system de raza negra coa aparición de Sidney Poitier, presentado en sociedade como secundario en Blackboard jungle (Richard Brooks, 1955) -Semente de maldade-, pero que acadou unha interpretación simbólica en Guess who's coming to dinner (Stanley Kramer, 1957) -Adiviña quen vén esta noite-, film progresista que satiriza os prexuízos da sociedade norteamericana a través dunha comedia de enredo na que un matrimonio burgués recibe na súa casa ao prometido da súa filla, un médico negro. Sidney Poitier sería o primeiro actor afroamericano en gañar un óscar en 1963 grazas á súa interpretación en Lilies of the field (Ralph Nelson) -Os lirios do val.

Os produtores de Hollywood buscaban naquela época ampliar un mercado que semellaba ameazado por unha serie de factores, o máis relevante, a aparición da televisión. Isto forzou unha renovación do contido das películas e do star-system, ademais da ampliación da oferta para públicos non tidos en conta ata entón, como era a poboación negra. Pero o sistema de estrelas negro tamén se veu favorecido pola aparición dun cineasta-produtor como Otto Preminger, autor dunha versión rupturista de Carmen como é Carmen Jones (1954), protagonizada polo cantante Harry Belafonte e a actriz Dorothy Dandrige, ambos de raza negra. A pesar de que Dandrige non foi quen de materializar unha carreira que semellaba prometedora, non supón que a industria cinematográfica non comezase a ter en conta a este sector da poboación.

Na entrega dos Óscar do ano 2002, Hollywood escenificou un novo acto de desagravio cara o seu público negro. Nesa edición, os actores Denzel Washington (Trayning day¸ Antoine Fuqua) e Halle Berry (Monster's ball, Marc Foster) recollían senllos Oscars polas súas interpretacións principais, nunha cerimonia que contou coa presenza de Sidney Poitier e que parecía estar ao ditado dun plan predeterminado para asear a conciencia colectiva de toda a industria.

Polémica 2016

  • Desde que o pasado mes de xaneiro se fíxo pública a relación de nomeados que optan aos premios da Academia de Cine de Hollywood, saltou aos medios de comunicación a polémica pola ausencia de actores negros entre os candidatos á mellor interpretación. Polémica que creceu despois de que Silvester Stallone, na cerimonia dos Globos de Ouro, agradecera o premio acadado con Creeds a case todos os compañeiros menos ao actor principal, Michael B. Jordan, e ao director do filme, Ryan Coogler, ambos afroamericanos, xesto que xa foi censurado publicamente por actores negros como Samuel L. Jackson.Chama a atención tamén a non consideración como candidato de Idris Elba, nomeado a un Globo de Ouro en Beasts of no nation, unha película dirixida por Cary Joji Fukunaga baseada nunha novela que narra a historia dun neno soldado nun país africano. A Academia de Cine argumenta que Beasts of no nation, producida por Neftlix e difundida mundialmente online, non cumpriu cos requisitos de distribución necesarios para poder optar aos Oscars.O contrapunto a toda esta polémica estivo no condutor da gala, o cómico afroamericano Chris Rock, que repetía como presentador da cerimonia once anos despois e que tamén amosou o seu descontento pola listaxe de nomeados.

Compartir el artículo

stats