Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O derradeiro erudito

No adeus a Umberto Eco

Fotograma de "O nome da rosa" (1986)

O común dos mortais -incluso se acadaron un nivel de estudos medio- apenas son conscientes da influencia da filosofía na nosa vida cotiá. Poderiamos resumilo se dicimos que con Platón non se chega a final de mes. Pero chegados a certos niveis, non queda ben recoñecer que apenas limos algunha vez un libro de filosofía (lembremos, na recente campaña electoral, cando Pablo Iglesias e Albert Rivera tiveron cadanseu descoido cando o primeiro falou de "Ética da razón pura" (sic) de Kant, mentres que o segundo aconsellaba o filósofo alemán como referente, pero recoñecía que non lera ningunha das súas obras).

Por sorte, somos contemporáneos de Umberto Eco, o erudito italiano recentemente desaparecido. Desde a curiosidade absoluta por case todo, desde a solidez dun profundo coñecemento e sen pedantería, aportou ferramentas para que os lectores do seu tempo chegasen a coñecer algúns dos fenómenos que lles tocaron vivir.

Umberto Eco empregou a súa tese de doutoramento, O problema estético de Tomé de Aquino, como alicerce do seu pensamento futuro: a erudición medieval e o valor da beleza (e, en consecuencia, do seu contrario: a fealdade). Liñas de análise que ben axiña colleron corpo en Arte e beleza na estética medieval e que conduciu a Eco a escribir Historia da beleza e mais o seu contrapunto Historia da fealdade xa na década do 2000.

E foi esa consideración do valor utilitario, e asemade interpretativo, da beleza: é dicir, a súa capacidade simbólica e sinalística, a que o levou a formular, xa en 1975, o Tratado de semiótica xeral (seguindo o esquema de Saussure). En paralelo e de maneira plenamente coherente, Eco traballara de guionista da RAI en colaboración co filósofo Gianni Vattimo. Sen dúbida, tempos aqueles nos cales -malia todo- a televisión aínda era un artefacto serio (daquela en España e malia o franquismo, había películas clásicas en VOS).

Moi vinculado á linguaxe dos medios de comunicación de masas, Eco soubo interpretar os novos fenómenos sociais e foi daquela cando se reinventou en novelista con O nome da rosa (1980), definitivamente masiva coa película de Jean-Jacques Annaud (1986), con Sean Connery no papel de Guillermo de Baskerville. A novela ía rechea de citas en latín, o que non foi obstáculo para converterse nun best seller. Eco empregou unha estrutura detectivesca, claramente inspirada en clave paródica nas historias de Sherlock Holmes e sen agochar chiscos a Borges e ao irlandés Maturín (e ao seu imprescindible "Melmoth o errabundo"). Unha novela que, máis que condensar saber, abría ao lector as portas da curiosidade (desde a rivalidade entre dominicos e franciscanos ou o asunto do libro perdido de Aristóteles, a "Comedia", cuxa posesión xustificaría o exercicio do humor como antídoto contra a autoridade e o medo a Deus, o que nos levaría ao mundo do carnaval tan ben estudado por Bakhtin).

Eco foi consciente da importancia dos actuais medios de comunicación de masas como paridores dunha nova mitoloxía e que os novos parámetros interpretativos modifican a percepción tradicional e esixente das obras de arte; é dicir, a interpretación elitista quedaba bombardeada. Por iso, o pensador italiano prestou atención ao cómic, á cultura pop e ás novelas policiais, chegando a afirmar que Snoopy, "contrapunto continuo á angustia dos humanos, leva á derradeira fronteira as neuroses da adaptación fracasada".

E se hai apenas un ano era capaz de desenmascarar a manipulación da prensa en Número Cero (que comentamos nestas páxinas), de maneira póstuma nos deixa un conxunto de artigos (publicados en L'Espresso) que reflexionan sobre as nosas sociedades neste tempo: liquididade, ausencia de ideoloxía e de valores, perda de memoria, inmediatez e, en consecuencia, procura de novas identidades. Unha situación cuxo inicio en Italia situaba, respondendo á pregunta vargasllosiana de cando se fodeu o asunto, na chegada de Berlusconi ao goberno en 1994.

Compartir el artículo

stats