Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A cultura do diñeiro

De moedas e mercadorías

Fachada da Bolsa de Nova York

Nos anos finais do século XX produciuse un cambio copernicano nas estruturas económicas: os países occidentais transferiron a fabricación de produtos de consumo a Asia, reserváronse a manufactura do luxo e o paradigma pasou do capitalismo industrial ao capitalismo financeiro. En definitiva, o diñeiro pasou de obxecto de intercambio a produto de valor supremo e empresas que eran "nacionais", e ás veces públicas, pasaron a privadas e transnacionais, con matrices en países con baixa tributación.

O diñeiro -é ben sabido- naceu como elemento intermedio de valor que superou a economía básica de troque. Cando eses obxectos intermediarios (fraccionables, con valores fixos, transportables) foron ordenados polas autoridades políticas pasaron a formar os sistemas monetarios. Os excedentes -o beneficio- determinaron a riqueza pública e privada, e para custodialos naceu o sistema bancario. Cando na China apareceron os primeiros billetes impresos (dinastías Tang i Song, séculos VII e XIII d.c.), as autoridades impuxeron o monopolio da súa emisión para evitar o fraude e mais a inflación.

O capitalismo apareceu coas primeiras compañías privadas europeas para o comercio con Asia e América: un orzamento inicial para mercar, transportar e vender materias primeiras e manufacturas cunha boa marxe de beneficios (incluso de maneira irregular, como sucedeu coa piratería). E con esa nova economía chegou tamén a análise do propio sistema (Adams, Locke, Marx). A propiedade da terra, como principal sector da economía, deixou paso á fabricación e mais ao comercio. As compañías constituíanse con diñeiro ou con contribucións materiais co obxectivo de obter unha marxe de beneficios (plusvalía).

Por primeira vez non se dependía dos ciclos da natureza nin da monotonía da supervivencia cotiá. E tamén por primeira vez as cidades medraban cunha poboación que traballaba e que consumía boa parte da produción. Os soldos xa non se pagaban en especie senón en diñeiro corrente e en cantidades estipuladas previamente pactadas. Cos anos, o sistema bancario abriuse á participación mutual das caixas de aforros.

Un esquema que ficou inmutable, practicamente, durante un século e que sobreviviu ás dúas guerras mundiais e á perda das colonias. Coa aparición do neoliberalismo, xa que logo co goberno de Margaret Thatcher no Reino Unido, o panorama cambiou. O estado do benestar comezou a ser recortado; en paralelo, o capitalismo abriuse á participación popular coa vontade de incorporar boa parte dos aforros depositados nos bancos. Definitivamente, coa informatización o diñeiro en moeda reduciuse: as nóminas pagábanse por transferencia e os recibos e boa parte do consumo (pola extensión das tarxetas de crédito) tamén ían contra as contas bancarias particulares.

Con todo, doadamente aparece a seguinte pregunta: se o diñeiro corrente (tanto o doméstico como o financeiro) é xa electrónico (e telefónico), por que é precisa a cantidade de billetes emitidos polos bancos centrais? Concretamente, eses 589 millóns de billetes de 500? que se calcula había en 2014 e que apenas usamos os máis dos mortais.

Temos a resposta nas palabras de Dave Birch, criptocomunicador da OTAN e agora da banca de Londres. Define o diñeiro como suma de bits, cousa que faría innecesarios os billetes, e augura un futuro para os bancos como garantes da nosa identidade financeira, que levaremos en apps no móbil. Sen embargo, existe aínda esa enorme cantidade de circulante tanxible porque son necesarios para os negocios irregulares que non poden deixar rastro (comisións, comercios ilícitos, subornos); unha vez branquexados -é dicir, xa electrónicos- pasan ao circuíto normal e os billetes volven xogar de novo. Birch prognostica que, como xa sucede en Suecia e Dinamarca, os billetes de valor forte ben axiña pasarán a ser considerados sospeitosos e ilegais.

Compartir el artículo

stats