Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nos arquivos de Ching Tsai Loo

Cando a China decoraba Occidente

Nos arquivos de Ching Tsai Loo

Para facer a historia do comercio internacional, abondaría con escribir a historia mercantil do luxo. Desde o Neolítico, a posesión de obxectos prezados e exóticos foi o maior reclamo para superar as fronteiras de seu ou para abrilas aos forasteiros. Abonda con lembrar a Ruta do Ámbar que por Europa central comunicaba Escandinavia e o mar Báltico coa Italia romana, ou a Ruta da Seda desde o interior de Asia a Europa.

A caída de Constantinopla en 1453 a mans dos turcos permitiu que estes pasasen a dominar o Mediterráneo occidental en detrimento de Pisa e Venecia, que perderon os privilexiados contactos con Asia. Daquela abríronse as rutas marítimas cara este continente desde a Europa occidental: polo Atlántico sur e o leste cara ao Índico (que Portugal encetou) ou cara ao oeste (que liderou Castela).

Coa chegada da navegación a vapor e o colonialismo moderno, as potencias occidentais descubriron a China e quixeron impoñerlle condicións para un comercio desigual. As burguesías emerxentes de Occidente coñeceran, xa no século XVIII, a produción artística e manufactureira de Asia, as chamadas chinerías. Pero foi no século XIX cando os irmáns Goncourt promoveron a moda destes produtos, con extensión ás xaponerías, que non deixaban de ser un xénero de pacotilla (uns "todo a cen" avant la lettre).

Pero para os verdadeiros potentados europeos e, sobre todo, americanos non abondaba: devecían por obxectos verdadeiramente selectos e de calidade aínda que houbese que pagar forte por eles. E para satisfacer tal desexo apareceron diversos comerciantes, entre os cales cómpre salientar ao chinés Ching Tsai Loo, Lú Qhinz?i en pinxín (1880-1957). Agora temos entre nós un relato da súa vida e mais das súas andanzas da man de Géraldine Lenain, que presenta Monsieur Loo. Historia de un marchante de arte chino (Editorial Alba), publicada en Francia hai dous anos. A autora é historiadora da arte e boa coñecedora da China, onde pasou parte da súa infancia; desde 2010 é subdirectora de Christie's en Xangai.

Todo comezou -como se tratase dunha película de intriga- cunha chamada inesperada en 2006. Un neto de C. T. Loo descubrira, cincuenta anos despois da morte do seu avó, os seus arquivos persoal e comercial. Estaban agochados no soto da que foi a súa casa-pagoda na rue de Courcelles 48, en París. Tal achado, unha vez consultado ao longo de seis semanas, deu paso a unha entrevista coa única filla viva do marchante, quen puxo todas as facilidades a Lenain. Todo aquel material daba para unha biografía, realmente insólita.

Quen co tempo foi coñecido como C. T. Loo naceu nun clan que tiña as orixes no século X pero que veu a menos. Tras quedar orfo de mozo, pasou a traballar con Zhang Baoshan, un importante comerciante en sedas que amais tiña o monopolio local do sal e que, co tempo, casou a dúas das súas fillas nada menos que con Sun Iat-sen e Chiang Kai-xek. Outro dos seus fillos, Zhang Renjie, foi nomeado agregado na embaixada da China en París e con el viaxou Loo á idade de 22 anos. Xa instalado na capital francesa, ben axiña destacou polo seu dandismo asiático: vestido de seda, trenza ao estilo manchú, maneiras educadas. Foi daquela cando pasou a ser coñecido como C. T. Loo.

Cando descubriu as preferencias dos franceses moi ricos, comezou unha vida comercial frenética, comprando barato e sen moitos escrúpulos na China e vendendo moi caro en París, primeiro, e en Nova York despois. Sempre sen esquecer os principais museos. Un relato que apaixonará ao lector e que lle permitirá coñecer, de maneira transversal, como eran os gustos dos potentados daquel tempo e como se movía o comercio do luxo nun mundo de guerras que xa comezaban a seren globais.

Compartir el artículo

stats