Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro como misión pedagóxica

Lembrando a Rafael Dieste

Federico García Lorca (1898-1936).

Moito antes de que André Malraux convertese a creación e a difusión cultural en cuestión de Estado, coa creación dun ministerio específico para a cultura en 1959, e desde el coa promoción de Casas de Mocidade e Cultura en moitas cidades e vilas de Francia, o goberno da Segunda República española puxo en marcha un dos primeiros e máis ambiciosos programas de democratización da cultura. Así, en 1931 crea as denominadas Misións Pedagóxicas, una iniciativa que impulsa Manuel Bartolomé Cossío, director do Museo Pedagóxico Nacional, centro de renovación pedagóxica promovido pola Institución Libre de Ensinanza, creada en 1875 por Francisco Giner de los Ríos, Gumersindo de Azcárate, Nicolás Salmerón e outros republicanos que foran apartados das súas cátedras na Universidade Central de Madrid por Manuel Orovio, ao negárense a seguir as directrices do goberno da Restauración Borbónica en materia relixiosa e moral.

A ILE impulsaría en 1907 a posta en marcha da Xunta para a Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas, un programa de bolsas de estudos que permitirá que un número moi importante de profesores, mestres, artistas, e científicos, circulasen libremente por Europa visitando escolas e museos, estudando en universidades, traballando en centros de investigación, o que provocou unha profunda transformación nas ideas e nas mentalidades nun país coma España, ancorado no século XVIII. Moitos dos bolseiros da XAE, científicos e creadores de prestixio internacional, serán os que promovan unha transformación similar, nas artes, na educación e na xeración de coñecemento, naqueles países que acolleron o exilio republicano. Unha historia aínda por contar, que nestes días cobra actualidade por mor das dificultades que atravesa o Ateneo Español de México.

As Misións Pedagóxicas nacían como programa de extensión cultural, para democratizar a cultura, para poñer ao alcance de toda a cidadanía, concepto de radical importancia nas constitucións de 1812 e de 1931, o patrimonio cultural, e para que ese patrimonio exercese unha influencia poderosa nos usos e nos costumes da poboación. Por utilizar palabras de Pierre Bourdieu, aquel programa pretendía aumentar o capital escolar e cultural de moi amplos sectores da poboación, tradicionalmente esquecidos e marxinados na acción do goberno. Velaí unha notable experiencia de educación popular a través da difusión artística.

E coas Misións Pedagóxicas chegou o Teatro del Pueblo, con dirección de Alejandro Casona, un mestre e dramaturgo que inicia en Val d'Aran, contra 1931, unha das primeiras experiencias de teatro escolar na escola pública. O Teatro del Pueblo bota a andar en 1932, cun repertorio baseado en pezas clásicas pero que contiñan un notable arrecendo popular. Tratábase de utilizar fórmulas dramáticas próximas ás que as xentes de vilas e aldeas viñan utilizando nas súas festas e celebracións, como ben documentou Vicente Risco no capítulo "Etnografía: Cultura Espiritual", que se inclúe no primeiro tomo da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo e publicada en Bos Aires en 1962. Nese magnífico estudo Risco dá conta da enorme riqueza que naquela altura atesouraba a nosa dramaturxia popular.

Cabo do Teatro del Pueblo, e mesmo como complemento, Eduardo Ugarte e Federico García Lorca, tamén co apoio do goberno da Segunda República, poñen en marcha en 1931 a compañía La Barraca, elenco integrado por persoas vinculadas coa universidade e moi en liña cos teatros de axitación e propaganda que nos anos vinte do século pasado percorrían vilas e cidades da Unión Soviética, coa misión de democratizar o acceso ao patrimonio cultural. La Barraca andou por Galicia en 1933, ofrecendo un repertorio asentado en vellos entremeses da tradición literaria española.

Nestes tempos en que tantas cousas se queren mudar, nestes tempos en que imos inventar a roda varias veces e mesmo descubrir o Mediterráneo en días impares, non estaría de máis botar un ollo á historia máis recente, ao programa cultural da Segunda República. Tamén para recuperar e poñer en valor aquel tempo magnífico para a educación, a ciencia e a cultura. Para o teatro. A pesar do que digan.

Retablo de Fantoches

  • Coa finalidade de complementar o traballo do Teatro del Pueblo e de La Barraca, as Misións Pedagóxicas poñen en marcha en 1933 o Retablo de Fantoches, unha compañía de teatro de bonecos á fronte da que se sitúa Rafael Dieste. Un teatro que perseguía a mesma finalidade de combinar pracer e educación, e coa mesma misión de facer a toda a cidadanía partícipe do patrimonio cultural e artístico. A presentación da nova compañía tivo lugar naquel mesmo ano en Malpica de Bergantiños, un evento recuperado en outubro de 2015 polo Concello.Coas Misións, Dieste vese obrigado a dedicar máis tempo á creación dramática, pois para alén da recuperación de clásicos, achega ao Teatro de Fantoches pezas propias como A doncela guerreira, Curiosa muerte burlada ou Quebranto de Doña Luparia. Anos despois, xa en plena Guerra Civil, armaría un novo elenco, máis abeirado ao teatro de axitación e propaganda, e para o que o autor nacido en terras de Rianxo volvería escribir pezas moi notables, editadas en 1981 en dous volumes por Manuel Aznar Soler na editorial Laia. Hai 35 anos que Dieste nos deixou. Unha boa ocasión para recuperar tantas historias necesarias, para saber do valor inmenso da cultura e do teatro.

Compartir el artículo

stats