Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Rosón en Madrid

A Colección RAC é un recoñecemento desde a escena artística peninsular ao coleccionismo galego privado

FICHA TÉCNICA

  • Título: Arquitecturas y espacios en la Colección RAC
  • Lugar: CentroCentro, Madrid
  • Datas: Prorrogada até o 22 de novembro de 2015

A nova é esta: un dos coleccionistas galegos de referencia na arte contemporánea internacional, Carlos Rosón (Santiago de Compostela, 1955), expón parte da súa colección no CentroCentro Cibeles Cultura y Ciudadanía de Madrid. Unha boa noticia que cómpre publicitar tamén aos de casa e da que todo o sistema da arte de noso contemporánea debe congratularse.

A mostra da Colección Rosón en CentroCentro é, dalgún xeito e por extensión, un recoñecemento desde a escena artística peninsular ao coleccionismo galego privado. A maior visibilidade que vén tendo a familia Rosón é lóxica se pensamos que conta cunha fundación (RAC, Rosón Arte Contemporánea), cunha sede cun espazo expositivo e mesmo cunhas residencias anuais patrocinadas polo coleccionista, onde xorden proxectos singulares realizados polos artistas convidados. Pero, insisto, hai outras e outros coleccionistas ciscados por Galiza, mesmo con moi cativas coleccións de arte contemporánea que, con todo, reúnen pezas de primeiro nivel, que darían gratísimas sorpresas se foran exhibidas de xeito público. Facer públicas esas obras privadas, esas paixóns íntimas que algunhas galegas e galegos atesouran nas súas casas, debería ser precisamente motivo de investigación e exhibición decote nos centros de arte contemporánea de referencia.

Un dos ascpectos da mostra no CentroCentro Cibeles Cultura // Eli Regueira

Se hai escasezas orzamentarias nas institucións, como non recorrer máis á arte dos coleccionistas particulares que seguen a enriquecer o patrimonio cultural? Non sería, ademais, un xeito de apoiar e valorizar unhas coleccións que queremos que sigan entre nós e non fiquen depositadas no futuro fóra do país? Xa o propio Rosón, nunha longa entrevista coa comisaria da mostra e publicada no catálogo, reivindica a necesidade de "que a xente vexa non só o que colecciona un museo, senón o que coleccionan as persoas que, na maioría dos casos cun grande esforzo, constrúen durante anos, (?) coido que é importante á hora de apoiar o coleccionismo e á formación de novos coleccionistas amosar o que se está facendo neste momento desde o ámbito privado."

Entre a ampla nómina de artistas e obras da colección, a comisaria optou por aquelas que nun senso amplo se refire ao arquitectónico, quizais polo feito de que o coleccionista é arquitecto? Repaso no catálogo publicado as obras que visitei en Madrid e, efectivamente, na súa meirande parte podería dicirse que se achegan ao arquitectónico, ao construtivo e xeométrico, ou ao mobiliario, ou á vida das persoas no interior do espazo doméstico? Hai na exposición, e creo que por extensión na colección RAC, moitos Rosóns diferentes, diversos e case diría dispares, obras fillas de múltiples intereses intelectuais e devezos estéticos. Calquera visitante, igual que me ocorre a mín, transitará algúns deses camiños plásticos con gusto, outros resultaranlle indiferentes e outros mesmo lle sexan alleos. Fronte a esas coleccións de tese, fechadas nuns conceptos exclusivos e estritos que só emocionan aos que comungan con eles, a Colección RAC ten unha vantaxe evidente: achégase a case todos os públicos.

Varios ascpectos da mostra no CentroCentro Cibeles Cultura // Eli Regueira

Sempre atoparemos, pois, aquela obra na que recrearnos con gusto. Iso si, a peza que seguramente máis impresione aos visitantes (a pesar de estar algo encaixonada en Madrid) sexa a de Stephen Dean, con eses postaleiros que, no canto de ter postais, teñen cristais dicroicos que multiplican feixes de luces variopintas e irisadas polo espazo. Como ben ilustran as fotos que acompañan este texto, os grandiosos espazos do patio central do CentroCentro, aos que se asoman estas obras, convértense por momentos nun xogo de reflexións de ida e volta onde tócanse as arquitecturas representadas coas reais enriquecéndose mutuamente ás pezas e o espazo.

O novo CentroCentro

  • O emblemático e coñecidísimo edificio do Palacio de Comunicacións de Cibeles, obra do galego Antonio Palacios, veuse converter desde non hai moito, por unha parte, en sede do Concello de Madrid e, por outra e no que é o seu corpo central e o frontal á praza de Cibeles, nun grande e aberto espazo expositivo.A visita ao edificio resulta absolutamente recomendábel: primeiro pola coidadosa e extraordianaria recuperación que se fixo do proxecto arquitectónico orixinal (lámpadas, chans, vidreiras, mármores, madeiras, etc.) e en segundo termo por vir dar nunha especie de xigantesco ágora para os madrileños, por mor do seu patio central ao que se asoman os diferentes andares do edificio, agora habilitados como espazos de exposición.Trátase de andares que non sempre parecen ter as mellores condicións museográficas, pero a cambio, o conxunto gaña en diafanidade e en luminosidade.CentroCentro, cuxo gráfico nome fai referencia a ese territorio que vén ocupar no mapa da capital española, resulta unha metáfora perfecta dunha aspiración: atinxir ser o fogar común de todas e todos, unha casa aberta de par en par, onde é posíbel visitar exposicións ou tirarse en sofás a escoitar música e ler un libro, ou xogar cos nenos. Un pétreo contedor de enorme magnificencia arquitectónica que o ar e mais a luz dulcifican até converter nun espazo franco e feliz.

Compartir el artículo

stats