Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Picasso e o cubismo

Percorrendo a Colección Abanca que se expón ata decembro no Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid

O Museo Thyssen-Bornemisza e a Colección Abanca presentan en Madrid unha pequena mostra dos fondos da institución financeira herdeira das Caixas galegas. A exposición ten como fío condutor a figura de Picasso e o movemento cubista.

Aínda que o título fai fincapé en Pablo Picasso -o que sempre é un reclamo seguro para o grande público- a colección Abanca posúe unha atractiva presenza de autores cubistas, alén do pintor malagueño, con obras, en ocasións dunha calidade superior aos picassos presentes na mesma.

No museo madrileño pódense contemplar un total de 12 obras, 5 de Picasso e cadanseu traballo de María Blanchard, Jean Metzinger, Juan Gris, Manuel Ángeles Ortiz, George Braque, Fernand Léger e Julio González, obras, por certo, que na súa maioría podían ser contempladas nas salas de Afundación en Vigo até hai poucos días.

Case que todos os lenzos responden ao denominado por algúns estudiosos "segundo cubismo", é dicir son obras do cubismo sintético, realizadas a partir dos anos da Grande Guerra, anos despois do momento inicial do cubismo de Picasso e Braque.

As obras de Picasso presentes na mostra, ben variadas, responden, en xeral, a formulacións estéticas afastadas do cubismo do que el sería figura senlleira, aspecto que fai perder cohesión á totalidade da exposición. Primeiramente temos dous traballos sobre papel, un infantil, do seu período coruñés, e outro da súa etapa azul. Unha terceira obra Paquete de tabaco e copa (1922) si responde ao cubismo avanzado do autor, claramente sintético e é a pintura picassiana que mellor dialoga co resto dos traballos presentes na mostra. A cuarta obra Perfil na fiestra (1934) ten elementos que derivan do cubismo mais está achegada, como é característico da arte de Picasso desta altura, a linguaxes afíns ao surrealismo. Por último, O pintor e a súa modelo I (1963) é un representativo exemplo da obra serodia do autor, co tema do pintor e a modelo obsesivamente repetido polo artista nos seus anos finais.

Xunto co picasso de 1922, o resto das obras conforman un pequeno conxunto de traballos cubistas, que son os que dotan a exposición de maior coherencia. Cómpre salientar o lenzo de María Blanchard Composición cubista con botella (ca. 1918), moi representativo da obra puramente cubista da pintora, do tempo en que ten un papel senlleiro dentro do nucleo cubista parisino que xira ao redor do marchante Léonce Rosenberg. O de Blanchard é un lenzo de brillante austeridade conceptista, de superficies planas coloridas e dunha coidada arquitectura do cadro.

Non moi afastado deste ambiente está o traballo de Jean Metzinger Natureza morta con pipa (1919), mais cunha certa vontade de harmonía clásica, moi presente nas obras de diferentes artistas deste segundo cubismo desde mediados da década dos dez.

A obra de Juan Gris Uvas negras (1923), responde a un momento algo posterior, en que o pintor deixa atrás as obras máis conceptuais que recreaban os obxectos en termos xeométricos, como facía tamén María Blanchard, para pasar a desenvolver unha pintura máis fluída e poética, que conserva trazos do cubismo sintético, pero que vai evoluíndo para unha linguaxe máis lexíbel, consonte coa "volta á orde" que caracteriza o momento artístico nesta altura.

Esta deriva lírica está presente tamén no lenzo de George Braque Vaso e uvas (1930) en que o pintor separa nitidamente os planos, voltando a unha construcción máis clara, cun certo ar matissiano.

Este bloque máis coherentemente cubista é completado co cadro de Manuel Ángeles Ortiz Guitarra (1926). O pintor granadino conxuga a linguaxe cubista co espírito do novo clasicismo que se impón na década dos vinte, tendo unha evidente sintonía coas grandes naturezas mortas que realiza Picasso en 1924. A súa é das mellores obras da mostra, ao se tratar dun traballo ben representativo dentro do conxunto da súa produción.

Despois da experiencia

  • Complétase a mostra con dúas obras derivadas da experiencia cubista, o óleo de Fernand Léger Composición sobre fondo azul (A Cordaxe) (1935) e a escultura de Julio González Cabeza chamada O túnel (1932-33). A obra de Leger dos anos trinta, de vontade monumentalista, presenta formas que aboian libremente, como acontece no cadro de Abanca, fortemente emparentado cos traballos muralísticos do artista destes mesmos anos.A escultura de Julio González tira do cubismo, e en concreto da obra de Picasso, a fragmentación e a idea de escultura como forma construída, coa soldadura autóxena reforzando a ruda expresividade da materia.En resumo, se prescindimos das obras de Picasso desligadas do núcleo cubista, este tipo de obras semellan situarse ao final de toda unha investigación formal na arte de vangarda, unha investigación que ten a súa orixe en Cezanne e que nos anos dez e vinte se conforma nunha vibrante e intensa lectura. Velaí a reformulación da tradición e o escintilar da modernidade, ese "aceno xerado polo obxecto da razón" que Paul Eluard, nun fermoso poema dedicado ao pintor Juan Gris, identificaba coa pintura cubista, entre a precisión e a paixón.

Compartir el artículo

stats