Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

La mode retrouvée

Unha mostra no Palacio Galliera de París viste a figura do escritor, admirador case enfermizo da Condesa Greffulhe. Na mostra hai creacións de Worth, o primeiro costureiro da historia

Marcel Proust (1871-1922) retratou o estilo de vida da Belle Époque na súa magna obra Á procura do tempo perdido. A novela consta de sete partes que forman unha unidade, e como acontece coa tetraloxía do Nibelungo de Richard Wagner, as ditas partes do todo son, asemade, singulares obras de arte. Proust admiraba a música de Wagner, e como queira que Á procura do tempo perdido narra as lembranzas de infancia e mais as experiencias vitais do seu autor, considerándose a novela unha sucesión de feitos biográficos traspostos á creación literaria. O escritor francés e o compositor alemán empregan a frase longa nas súas creacións. As frases de Proust chegan a ocupar media páxina; a melodía infinita de Wagner enche escenas dramáticas enteiras. Ambos crean obras de arte total: Wagner integraba música, teatro e artes visuais nos seus melodramas. Proust conxunta literatura, crítica de arte e socioloxía na súa novela. E hai aínda outra cuestión na que os dous xenios coincidían: o seu desenfreado gusto pola alta sociedade e mais o luxo. Wagner, na Corte de Luís II de Baviera; Proust, nos salóns parisinos do fin de século.

No filme Ludwig, de Luchino Visconti, pódese ver a relación de Wagner coa súa época. Canto a Proust, seu "leixaprén" co seu tempo devén tratato este outono na exposición La mode retrouvée que ha de ter lugar no palacio Galliera, Museo da Moda da ciade de París. Proust admiraba de xeito case que enfermizo a unha dona da alta sociedade chamada Élisabeth de Caraman-Chimay, Condesa Greffulhe. A súa elegancia e beleza fixeron dela non soamente un amor imposible para o escritor, senón a musa inspiradora da personaxe central de Á procura do tempo perdido, a Duquesa de Guermantes.

A mostra do palacio Galliera cita a Proust como a moda do tempo reencontrado, "Le temps retrouvé", a derradeira parte da novela. Conflúen, daquela, o personaxe de ficción e a musa da realidade. As roupas levadas en literatura pola Guermantes teñen de ser as do gardarroupa da Greffulhe.

Semelllante leitmotiv literario trae a colación o interese polo suntuario do grande autor francés. Na exposición están presentes traxes de día e de noite, abrigos, roupas de casa..., ademais de accesorios, retratos, fotografías e filmes. Entre outras, hai creacións de Ch. F. Worth, o primeiro costurerio da historia; do español Mariano Fortuny e de Jeanne Lanvin. Abrangue a mostra un amplo abano estilístico dende finais do século XIX deica ao inicio do século XX. Un tránsito metafórico en forma de aparencia e moda, do tempo perdido até o tempo recobrado. A condesa Greffulhe, ou duquesa de Guermantes na literatura proustiana, era daquela un referente de elegancia. Como tamén o era o seu curmán, o Barón Robert de Montesquiou, quen foi a inspiración para outro personaxe da novela, o Barón de Charlus: un mestre do dandismo e a literatura, que exercía asemade de mecenas de artistas como Mallarmé ou Debussy. A condesa era tamén unha notable mecenas, que apoiou á científica Marie Curie e a artistas como Rodin, G. Moreau; aos Ballets Russes e ao seu director Serge Diaghilev; e tamén a músicos como Gabriel Fauré e o propio Richard Wagner. Alén diso, financiou, entre outras, producións de Tristán e Isolda e de O crepúsculo dos deuses: acontecemos culturais e sociais nos que as damas e cabaleiros dese tempo perdido lucían as súas máis senlleiras galas. Todo iso, pois, a contemplar na mostra de moda do Palacio Galliera.

Compartir el artículo

stats