Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arquitectura doente

Sobre o vello Hospital de Vigo

Vista actual do Hospital Xeral. // eli regueira

Acontecía o 16 de setembro de 1955, hai xusto agora 60 anos, cando o ditador visitaba oficialmente Vigo para inaugurar a "Residencia Sanitaria Almirante Vierna", unha data que a cidade vivía, segundo publicaba a prensa da época, "con júbilo esta destacada ceremonia, cuyo simbolismo no es difícil encontrar, pues en ella cierra otra vez el arco de sus realidades venturosas la entrañable política fraternal humanísima del Régimen de Franco". Fraternidade e humanismo, dúas palabras antitéticas a calquera réxime político ditatorial, eran utilizadas sen pudor polo aparato de propaganda franquista para dar a coñecer un edificio público situado "dentro de la ciudad, en una nueva zona, en período de urbanización" conectada coas avenidas circundantes, nomeadamente coa "Gran Vía del Generalísimo y la Plaza de España".

"O novo complexo hospitalario nacía para satisfacer a demanda que era incapaz de cubrir o Hospital Municipal -hoxe coñecido como Nicolás Peña-, en funcionamento desde 1922, e que os seus proxectistas, Gómez Román e Jacobo Esténs, idearan no barrio do Regueiro de forma radicalmente distinta ao novo complexo hospitalario do barrio do Couto: tres pavillóns sanitarios de escasa altura rodeados dun xardín ou parque."

As obras do novo hospital iniciáranse seis anos antes ao norte da desaparecida capela e cruceiro de Santa Rita e San Honorato, que serán derrubados para desgraza do patrimonio cultural da cidade en 1961 a fin de levantar no seu lugar a nova igrexa de San Xosé Obreiro.

O proxecto orixinal tiña un total de 19 plantas e 75 m. de altura, soto e semisoto, un deseño eminentemente vertical que deu lugar á unha das súas denominacións populares, O Pirulí, nome dun coñecido caramelo de forma alongada e cónica que, a principios dos 80, tamén prestaría o seu nome ao edificio Torrespaña de Madrid, propiedade de TVE.

"A Residencia", que é outro dos nomes cos que se coñece, acollía un total de 275 camas e fora deseñada polo arquitecto Martín José Marcide Odriozola, autor tamén, entre outros equipamentos sanitarios, do proxecto de reforma e ampliación do antigo Juán Canalejo, hoxe Hospital Universitario da Coruña.

O deseño de Odriozola parte dunha planta en forma de cruz que daba lugar a diferentes bloques de distintas alturas en forma de podio que confluían nun bloque central, o de meirande altura. Esta organización de volumes, xa experimentado no ano 1931 no mesmísimo Empire State Building, destacaba pola adición dun corpo acristalado semicircular á fachada principal que facía as veces de columna vertebral do conxunto, o que daba lugar a unha composición de orde racionalista en liña con traballos realizados na cidade na primeira metade do século pasado como o Clube Náutico, o Edificio Curbera, a Escola de Comercio ou o Edificio Sanchón, entre outros.

A harmonía da composición simétrica que lucían a súa planta e fachada, á que se accedía desde a monumental escalinata da rúa Pizarro (desaparecida no ano 1982 e flanqueada orixinalmente por xardíns) que daba acceso a un pórtico asoportalado de piares estriados, foi desaparecendo pouco a pouco a causa das sucesivas ampliacións do edificio, que medrou, "coa mesma intensidade e desorde ca propia cidade", en palabras recentes de Manuel Bragado. A última desas transformación, a dirixida por Jesús Llamazares no ano 2000, mudou a faciana do edificio para sempre, xa que cambiou a súa cor branca orixinal polo verde dos paneis de cobre prepatinados que cobren a súa pel doente desde entón.

Un edificio protexido

  • Renomeado Hospital Xeral en 1983, o proxecto orixinal deste equipamento sanitario foi legalmente protexido polo Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado no ano 2009 en razón do seu valor arquitectónico, o que esixe a súa conservación cun nivel de protección ambiental. E é que o edificio foi pensado para ser a nova icona do Vigo "desarrollista", o edificio máis alto da cidade, o que o vincula coa arquitectura norteamericana do século XX, concretamente coa que viu a luz en Chicago ou Nova York, creada para simbolizar a idea de modernidade a través das novas tipoloxías arquitectónicas e dos novos materiais construtivos. Esa mesma idea, a da cidade icónica e monumental acorde cos estándares construtivos modernos, engarza tamén co proxecto urbanístico que Palacios ideara para Vigo no ano 1932, baseado en grande medida na idea de arquitectura grandiosa e excepcional, isto é, no valor simbólico e escenográfico da trama urbana.Dicía Óscar Niemeyer que "a arquitectura ten sempre unha función social, e as novas utilidades e recursos dunha sociedade se incorporan agora, como sempre aconteceu nunha comunidade". Conservar e poñer en valor un edificio valioso desde o punto de vista arquitectónico é, xa que logo, unha obriga dos representantes políticos actuais, chamados a buscar un novo uso, sustentable economicamente e oportuno desde o punto de vista social, para un inmoble que xa forma parte da historia da arquitectura moderna de Vigo e de Galicia.

Compartir el artículo

stats