Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pexa patriarcal

Crítica literaria e secundarización da muller. Continúa a discriminar a crítica literaria galega ás mulleres?

Discrimina a crítica literaria galega ás mulleres? O debate volveu revivir a raíz dun artigo que Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog cualificando as acusacións nese sentido de inxustas. "Hai trinta anos igual tiña un pase. Un pase, máis nada. Porque a literatura galega non está como para andar secundarizando nada. Hai 30 anos eran menos mulleres escribindo, estábanse a dar os primeiros pasos. Pero hoxe!", reflexionaba Eyré.

Respondía, desta maneira, á plataforma de crítica feminista A Sega, que denuncia que a crítica patriarcal tende a situar os títulos escritos por mulleres nun segundo plano, exercendo diferentes tipos de "violencia simbólica", desde o silencio ao tratamento como subxénero, como anomalía fronte á literatura "normal" a través do uso de conceptos baleiros como "literatura de muller". Cando non insultando, asimilándoas a modelos e referentes unicamente masculinos ou desautorizándoas dicindo que a repercusión das súas obras é só un fenómeno de mercado, ou tildándoas de ideolóxicas e panfletarias cando se amosan abertamente feministas.

Botar cálculos pode servir, a este respecto, de axuda. Lembrouno Marilar Aleixandre en distintas ocasións. Malia o estendido clixé sobre as "poetas dos 90", na realidade, de 93 persoas que publicaron o seu primeiro libro nesa década, só 26 eran mulleres. Isaac Lourido relaciona a promoción crítica destas autoras coa necesidade percibida nun momento de "encher un baleiro" desde a perspectiva da "normalización cultural", concepto co que adoita amosarse crítico. "Tal vez sexa esaxerado dicir que o pensamento hexemónico é o de queremos/ aceitamos mulleres en todos os xéneros e ámbitos, mais non queremos polémicas 'desproporcionadas' respecto ao discurso patriarcal. Mais algo diso pode haber. Sospeito que hai límites, teitos".

"Aquí estou eu, galega e muller, e o meu cometido está en facer saber que ocupo o lugar que me corresponde", dixo Xohana Torres a mediados dos 50. O seu afastamento da dimensión pública do sistema literario pode ser indicativo da complexidade da recepción da autoría feminina, segundo Anxos García Fonte. Ao seu ver, a crecente presenza da mulleres na narrativa da segunda metade do XX supón o factor clave da renovación da mesma. A maior nómina de mulleres nos catálogos das editoras, así como o seu recoñecemento nos premios literarios, conduce pola súa banda a Dolores Vilavedra a afirmar que "hai unha revolución na narrativa e está liderada por mulleres. O punto de inflexión é Narradoras e tamén Herba Moura de Teresa Moure. As narradoras non son menos visibles".

Mario Regueira pensa que os últimos quince anos serviron "para a aparición de narradoras que xa non fosen excepcións nun mar de voces masculinas", así como dunha "maior consciencia á hora de falar dende unha perpectiva de xénero". O cal non significa que se acabasen as discriminacións. Tamén Lorena López entende que a óptica de xénero se foi incorporando ao aparello crítico, sobre todo a partir da xeración máis nova, cuxos enfoques foron tamén permeando a crítica máis tradicional. Aínda que habería que matizar de quen falamos cando dicimos crítica.

María Liñeira é menos optimista. "Publícanse moitos máis autores ca autoras, malia existir unha certa sensación de 'exceso' de autoras en parte da crítica, tal como denunciou Helena González. As autoras seguen a ser asociadas a certos xéneros e estilos, como o sentimental, como mostran Montse Pena ou Helena Miguélez", asegura. Ademais, "as maquinarias editorial e crítica tenden a feminizar consonte uns modelos opresivos os textos de autoras. Véxanse, por exemplo, as sexualizadas portadas en traducións de Herba Moura, estudadas por Olga Castro", engade.

Hexemonía e marxes

  • Verónica Martínez Delgado leu no seo do proxecto "A arte de ser muller nun mundo por compartir'"un artigo que apunta á persistencia dun "machismo brando" na crítica, no contexto dunha "sociedade patriarcal que relega a muller aos espazos menos visibles". Mais, fronte a esta dinámica xeral, abriríase paso a crítica feminista a través de espazos como A Sega, recoñecida por Ramón Nicolás como avance "interesante" cara a unha necesaria maior "presenza de críticas que aborden o que se publica con honestidade e cun criterio que debería ser sempre plural e aberto".Nese mesmo artigo, Ana Salgado salienta as carencias dunha crítica que moitas veces incumpre a súa "función selectiva e dialéctica" ao evitar os xuízos negativos. Aínda que tamén poderían citarse exemplos da tendencia oposta. Cumpriría, por outra banda, distinguir a crítica académica da máis divulgativa, e dentro destas a hexemónica e a situada nas marxes. Gonzalo Hermo cita a Mario Regueira ou Roi Vidal como exemplos de "total asimilación" da crítica antipatriarcal. Advirte porén Isaac Lourido de que ás veces na literatura feita por homes reprodúcense de modo involuntario discursos paternalistas a respecto do feminismo. Malia que existan, tamén, autores e autoras que foron revisando o seu propio pensamento sobre a cuestión.

Compartir el artículo

stats