Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da luz de Filgueira Valverde

Unha mostra no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra dedica unha mostra de carácter xenérico á figura do que fora durante décadas o seu director Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996).

A exposición, rigorosamente comisariada por Carlos Valle, director do Museo, contando cun atractico deseño, permite un achegamento á multiplicidades de facetas que tivo a súa personalidade intelectual, das que hoxe queremos salientar a vinculada ao mundo das artes plásticas, patente na mostra por medio da presenza dos seus traballos de inventigación; da súa xestión no Museo de Pontevedra e mesmo con importantes obras que foron da súa colección persoal, de artistas como Pintos Fonseca, Castelao, Carlos Sobrino, Arturo Souto ou Laxeiro.

Filgueira Valverde; un faro na construción de Galicia. // Eli Regueira

Filgueira, desde a súa mocidade, ligada ao Seminario de Estudos Galegos, realizou traballos de historiador de arte. Como é ben coñecido, o Seminario foi un elo fundamental no proxecto global de rexeneración de Galiza propugnado polo galeguismo cultural e o nacionalismo político.

Neste sentido, cómpre subliñar que os estudos sobre a arte no noso país, que fará nacer o propio concepto de "arte galega", agroman ligados desde a súa orixe, a mediados do século XIX, a unha concepción da identidade colectiva, a unha vontade de construción nacional que vai definíndose en cada altura cunha denominación que ten orixe nos avatares políticos de cada momento: provincialismo, rexionalismo, nacionalismo. O mesmo que acontece no ámbito literario, o punto de partida para análise da pintura e escultura galegas é, xa que logo, o Rexurdimento, un movemento que propugna a recuperación dos valores culturais e da identidade política de Galiza, do que Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez e Manuel Murguía son as súas figuras cimeiras (este último, por certo, primeiro estudioso moderno das nosas artes plásticas).

Un dos aspectos da exposición no Museo de Pontevedra.// Eli Regueira

Situados xa na década dos vinte do pasado século -cando Filgueira inicia a súa andaina intelectual-, nesa altura son constantes as referencias e debates que ligan a visión das artes plásticas propias ao desenvolvemento cultural en xeral, en que o feito literario e lingüístico tiña un papel de primeira importancia.

De por parte, debemos ter en conta que a creación do movemento galeguista é chave para entendermos este proceso xa que este movemento implica, en palabras de Antón Figueroa: "a instauración dun espazo cultural público galego do que a arte constitúe un elemento fundamental para a pedagoxía interna da nación", aspecto este último, como é ben coñecido, a respecto do que Filgueira Valverde estaba moi sensibilizado, colaborando de xeito determinante na investigación literaria, musical e artística.

No caso dos estudos artísticos, esta construción dun espazo propio non deixa de estar ligada ás tentativas que en materia de proxección da lingua galega se desenvolven en ámbitos como o literario, o teatral ou as investigacións sobre os máis variados aspectos da realidade galega, que ten no Seminario de Estudos Galegos -creado en 1923- un sobranceiro expoñente. Este proceso, orientado para a conformación e construción dun espazo cultural nacional, adquire unha importante aceleración no primeiro terzo do século XX e só se ve freado pola violenta físgoa que supuxo a Guerra Civil.

Título: Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia. Comisario: Xosé Carlos Valle Pérez. Deseño: Campo das Redes. Local: Museo de Pontevedra, Sexto Edificio, Pontevedra. Até o 24 de maio.

Carácter documental

Compartir el artículo

stats