Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Brincadeira de osos

Con dinamismo arreo

Brincadeira de osos

Ruth Krauss (Baltymore, Maryland, Estados Unidos, 1901-Wesport, Conneticut, Estados Unidos, 1993) creou en 1948 unha pequeniña historia protagonizada por osos acompañada dunhas ilustracións de Phyllis Rowand. Esta publicación reeditouse en 2005, mais desta volta con Maurice Sendak na ilustración. Esta obra de Krauss era Osos, un dos títulos entre os moitos que esta produtiva escritora norteamericana dirixiu aos lectores máis novos que agora nos achega Kalandraka nunha tradución de Xosé Ballesteros e Silvia Pérez.

Unha historia para cativos sen case texto, apenas unhas palabras e unhas onomatopeas, que xunto ás imaxes permiten idear unha narración individual completa. Un sinxelo desenvolvemento, un can quítalle a un neno o seu osiño de peluche, o seu compañeiro de sono, xusto á hora de ir durmir. Ao momento, un grupo de osos aparecen en diferentes situacións, a maioría delas impensables para un oso, co obxectivo de entorpecer a fuxida do can até que un final entrañable fai imperar o sentido común grazas á inocencia do neno.

O ritmo deste conto ilustrado semella vir marcado polo movemento e polo dinamismo que agroman da ilustración, os osos correndo xunto ao can e o neno impiden que nos acheguemos a un pensamento estático, e é que en esencia a historia é esa, unha persecución, unha brincadeira de osos.

O neno ten un protagonismo especial nesta reedición, mais non polo seu peso na historia senón polo xeito que tivo de ser ilustrado. Sendak trae a este álbum, para enriquecelo de maneira plástica, a Max, o protagonista incomprendido, que arelaba ser un monstro, de Onde viven os monstros? a obra escrita e ilustrada por el en 1963 e tamén publicada por Kalandraka, un conto do autor estadounidense de orixe polaca cuxo personaxe principal, igual ca en Osos, tamén se amosaba vestido de lobo e que foi levado ao cinema en 2009 nun filme de Spike Jonze.

Chéganos este clásico grazas a Kalandraka e, baixo a aparencia dunha obra sinxela en exceso, permítelles aos adultos guiar os pequenos lectores cara a un segundo nivel de lectura que trate por exemplo conceptos coma os celos, e as reaccións que estes poden provocar en quen os sente, ou os sentimentos de persoas e animais e a súa importancia fronte á das cousas inmateriais.

KRAUSS, Ruth/SENDAK, Maurice, Osos, Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2015, PVP. 13 ?

Compartir el artículo

stats